A solidariedade da sociedade galega coa causa palestina é unha constante da Galicia contemporánea. A súa proxección ten ducias de manifestacións que atravesan a nosa historia desde os anos 60 ata os nosos días, coa invasión total a Gaza e o proceso en curso por xenocidio contra Israel na Corte Penal Internacional.
Nesta historia, o percurso do nacionalismo galego ten un peso específico, mais a solidariedade con Palestina atravesou o conxunto da nosa sociedade nas últimas décadas. Este proceso non veu da nada, senón de múltiples factores interligados, precipitados a medida que Israel intensificaba os distintos métodos de castigo ao pobo palestino durante o s.XXI, eliminando as posibilidades dunha solución dialogada ao conflito.
A solidariedade galega con Palestina, non exenta de matices e diverxencias, vai dos partidos políticos con presenza parlamentar aos extraparlamentarios, dos sindicatos ás ás ONGD´s ou ao mundo da cultura, da medicina, do xornalismo ou do profesorado galego. Nesta historia destacan, entre outros, axentes privados como a Fundación Araguaney ou hoxe en día, plataformas de activismo político de corte internacionalista como Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asociación Galaico Árabe Jenin ou BDS Galiza.
Esta solidariedade é hoxe así, transversal á nosa sociedade, chegando á súa institucionalización desde que a nosa Comunidade Autónoma (unha nacionalidade histórica no marco constitucional español e recoñecida como tal no noso Estatuto de Autonomía de 1981) vertebrou un ecosistema propio de acción exterior.
Neste sentido cómpre observar como a solidariedade con Palestina está presente na Estratexia Galega de Acción Exterior ou nos Plans Directores da Cooperación Galega (Xunta de Galicia), no proxecto histórico do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (rede da Administración local galega conformada por máis de 100 entidades locais) ou na dinamización de proxectos de cooperación, moi diversificados, desde as tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña).
Esta dinámica de solidariedade e de denuncia da situación do pobo palestino alcanza o seu punto máis álxido hai unha década, no mes de novembro do ano 2014, cando a totalidade do Parlamento Galego apoiou a Declaración institucional sobre o recoñecemento do Estado de Palestina.
Así as cousas, a edición en galego deste ensaio de Bichara Khader, arredor das relacións entre Europa e Palestina desde 1948, é unha pinga máis desa corrente de irmandade entre Galicia e Palestina. O IGADI, que de sempre acompañou as distintas expresións colectivas internacionais da sociedade galega, aspira a que a edición do texto na nosa lingua dote de ferramentas sólidas para o coñecemento e o debate arredor da cuestión palestina.
Desde este recuncho europeo do Atlántico teimamos por unha sociedade internacional que enterre definitivamente o racismo e as inercias coloniais con solucións orixinais. Estas solucións priman a cooperación sobre o conflito guiadas polos principios fundacionais das Nacións Unidas, coidando as interdependencias dun planeta que acolle unha soa humanidade.
Podes descarregar desde a ligazón, o ensaio de Bichara Khader “Palestina: A traxedia permanente (1948-2024). Unha chamada para espertar Europa”