Artigo publicado orixinalmente en "Cousas de...", no mes de xullo do 2024
Podes ver o Maratón de Galeguidades (Deputación da Coruña) na web do proxecto, galeguidades.hub.gal

Galicia, unha imaxe no mundo

¿Unha imaxe vale máis ca mil palabras? Pois, depende, claro está. O maior inimigo da imaxe dun país no mundo son os tópicos. E resulta ben difícil librarse deles. Plácido Castro, por exemplo, non se explicaba o por que da consideración como “flegmáticos” dos ingleses. Nada a ver coa realidade, dicía co seu coñecemento de causa ben armado.

En paralelo, ademais de reparos hai certezas. Sen dúbida, por exemplo, a nosa Barcelona é Compostela, como tamén o Xacobeo-Camiño de Santiago desempeña un papel esencial na asociación con Galicia dende o exterior. Iso que agora chamamos marca-país, a modo de expresión positiva do que somos e representamos, en Galicia non está nin definido nin consensuado. A dispersión de valores e contidos é aínda a norma mentres agardamos a que ese algo de todo canto nos simboliza vaia precipitándose coa axuda dos que nos observan dende fóra. E entón, cando chegue, diremos que cae de caixón.

Por reiterados, respecto a Galicia e os galegos os tópicos son coñecidos e comúns (dende a seica crónica indefinición ata os temperamentos –que se conservadores, mansos…-). A imaxe que os demais teñen de nós e do noso país resulta da confluencia de numerosos factores: dende a natureza do contacto ata a profundidade da relación. Moito dese relato foise construíndo arredor do feito migratorio e as duras circunstancias que o rodearon. Aí está a Galicia pobre e subdesenvolvida e unha xente moi emprendedora e traballadora que mantén o apego ás súas orixes como destino irrenunciable. Hoxe, a nova diáspora vive o feito doutra maneira, probablemente moi lonxe de calquera visión romántica. Vale que a nosa gastronomía e a nosa paisaxe seguen a ser inigualables a ollos propios e alleos pero os novos emigrantes reparan en datos mais críticos: o bizantinismo, a autodestrución, a falta de autoestima, etc.

Na sociedade contemporánea, co acelerado fluír da conectividade, o xogo de imaxes evoluciona rapidamente e a definición desa impresión coa que nos identificamos e queremos que se nos recoñeza representa un activo de capital importancia. Para ese labor pouco podemos esperar dalgúns recursos destacados. Poñamos por caso, Inditex, que ten en efecto moitos méritos pero entre eles non está o de ser recoñecida no mundo como unha iniciativa empresarial galega.

E chegamos ao cerne do asunto: é na singularidade cultural, lingua incluída, onde radica o valor perenne e principal que nos pode definir. Canto máis deixemos de ser galegos e canto máis nos desprendamos desa condición autóctona que nos fai únicos no mundo máis posibilidades hai de que esa imaxe se deturpe e se volva borrosa. Fronte aos tópicos, a construción da imaxe non é algo aleatorio. Se a sociedade galega non cre en si mesma nin no valor do que lle é mais definitorio, difícil que os de fóra recoñezan esa nosa autenticidade. Sexamos galegos e como tais seremos recoñecidos.

E remato de novo parafraseando a Plácido Castro, quen observou Galicia dende fóra moitos anos, ao asegurar que “un pobo é tanto mais eficiente e admirado canto menos se deixa influenciar polo resto do mundo”. Aqueles ingleses, que tanto poder e influencia teñen aínda no planeta, seguen a conducir pola man que non é….