Conforme pasan os días e as horas, o número total de mortos durante a crise dos reféns en Moscova vai en aumento, superando xa, segundo fontes do Ministerio de Saúde de Rusia, os 118, máis todos os chechenos do comando menos catro. O saldo da operación "lóstrego" "non polo rápida que foi senón máis ben polo estremecedora- é desolador.
A desesperada acción dos chechenos conseguira por un momento sacudir a indiferencia xeral fronte á súa situación que presenta un balance, tanto político como económico e humano, verdadeiramente desastroso. Lamentablemente, a opción dun secuestro masivo coma o protagonizado difícilmente pode influir de xeito favorable na adhesión á súa causa. Pero tampouco para Rusia a situación é optimista. Pese ao silenciamento dos medios de comunicación, algúns expertos consideran que nos últimos catro anos as súas perdas serían tan numerosas como as contabilizadas nos dez anos de conflicto en Afganistán. As víctimas civís se contarían por ducias de milleiros. É cousa sabida que Moscova non é quen de resolver o problema con medios exclusivamente militares.
Ás atrocidades e a brutalidade da represión rusa se responde co silencio dunha comunidade internacional cómplice que despois do 11S lle otorga "carta branca" , a sabendas do que está acontecer, mesmo da naturaleza laica do islamismo checheno ou de se consideraren parte do conxunto europeo, como a maior parte dos pobos do Cáucaso meridional. E cando Ilias Ajmadov, ministro de asuntos exteriores do goberno de Masjádov, demanda a creación dun tribunal ad hoc para os crimes cometidos en Chechenia, o mundo civilizado que exalta as súas virtudes democráticas xulgando a Milosevic, torce a cara cínicamente. Ou pior aínda: o 16 de abril de 2002, o secretario xeral do Consello de Europa concede unha medalla a Vladimir Kalamanov, representante especial de Putin para os dereitos humanos en Chechenia, en recoñecemento dos avances producidos nesta materia.
O diálogo político ruso-checheno está en punto morto. Velaí o maior risco para que sucesos como o destes días se volten a rexistrar ou para empurrar a sectores importantes da poboación chechena nos brazos do extremismo máis intransixente. O último encontro oficioso data de novembro de 2001, en presencia do presidente do Partido Liberal Democrático turco, Bessim Tibuk. Os chechenos esixen a mediación exterior. Rusia non é un estado serio que respecte os seus compromisos. Os acordos de Jassaviourt, negociados por Lebed, foron dinamitados coas bombas colocadas en Moscova, segundo Putin polos chechenos, segundo Masjadov, polos servicios secretos rusos para xustificar ante a opinión pública unha nova guerra que o levaría á Presidencia do país. ¿A quen crer?
Moscova semella preferir a guerra en Chechenia a ter que enfrontarse á desmobilización de máis de cen mil soldados que hoxe patrullan pola república independentista, a negociar un estatuto político incerto e mesmo a renunciar a un conflicto que oportunamente tratado lle permite obter considerables dividendos políticos. A seu favor ten, sobre todo, a fragmentación da resistencia chechena, pouco favorecida por accións de terror como as vividas estes días en Moscova e que comprometen a vida de tantas persoas inocentes. O grupo en ascenso é o dos que simplemente buscan vengar a morte dos seus próximos, dos que actuan por motivos persoais e sen vencellos cunha resistencia política que vai perdendo aos seus líderes máis significados. Esa atomización desideoloxizada nunha sociedade a cada paso máis desestructurada pode ser contemplada hoxe por Moscova como un éxito do seu réxime especial, pero vai ser o maior obstáculo cando no futuro queira entablar negociacións.