Semella interminable o pulso político entre o goberno do partido islamita AKP de Recep Tayyip Erdogan e os sectores considerados seculares e apoiados pola casta militar. En 2007, Turquía foi un inesperado escenario de tensión dentro do espazo euroasiático, principalmente polos intentos da elite militar e dos seus aliados laicos por desmontar o goberno do AKP, que fora reelixido democraticamente con ampla maioría nos comicios lexislativos de xullo pasado.
Na actualidade, e cando esperábase un período de estabilidade sociopolítica en Turquía, a confrontación está garantida trala decisión de varios xuíces do Tribunal Constitucional de prohibir a actividade política do AKP e dun partido pro-kurdo, así como a inhabilitación de Erdogan, do presidente islamita Abdullah Gül e de varios altos cargos do AKP, por permitir o uso do velo islámico nas universidades.
Os factores da crise turca seguen a ser sinuosos. No poder desde 2002, Erdogan e o AKP adiantaron un necesario programa de reformas que está transformando a Turquía cara unha verdadeira democracia, respectando os valores laicos establecidos polo fundador da república turca, Mustafá Kemal Atatürk, sen que isto signifique rexeitar os lexítimos dereitos dos sectores relixiosos. A nivel político, o goberno de Erdogan é o que mais estabilidade deu a Turquía nos derradeiros quince anos.
Resulta obvio que as tradicionais elites seculares e a súa irrestrita alianza coa poderosa casta militar amosan sinais de estupor pola fortaleza sociopolítica que está concentrando Erdogan e o AKP. Aínda que non é descartable, un golpe ou intervención militar indirecta na Turquía actual constituiría unha acción contraproducente, que sería inmediatamente condenada no escenario internacional, aumentando o risco de illamento exterior, tal e como constatou a clase militar turca tralos sucesos de 2007.
Atenazados por este factor, as elites laicas e militares especulan con acabar co goberno de Erdogan dende a perspectiva xudicial e constitucional, a fin de recuperar a iniciativa e o control estatal. Non obstante, a reacción pode ser inmediata por parte dun AKP que conta con maioría absoluta parlamentaria, propiciando a aprobación pola vía lexislativa dunha inmediata reforma constitucional que modifique diversos aspectos da Constitución secular e que desarme a posibilidade xudicial de prohibir determinados partidos políticos, unha mecánica moi recorrente na política turca dos derradeiros corenta anos.
De como Turquía ven transformándose nos derradeiros anos de goberno Erdogan dan conta diversas cifras e enquisas. O PIB per capita aumentou de forma acelerada nos derradeiros cinco anos, tanto como os investimentos estranxeiros. Entre a poboación turca se suceden opinións inimaxinables uns anos atrás: aumenta a percepción favorable cara Irán, diminúe dramaticamente a opinión favorable a EEUU mentres se observa un desencanto cada vez maior cara a Unión Europea.
En todo este período, Erdogan observa cómo ven incrementándose a súa popularidade, xa non só dende as zoas rurais mais tradicionais senón coa conformación dunha activa clase media urbana, simpatizante do AKP polo seu programa reformista. Estes factores persuaden a Erdogan e o seu goberno a non ceder ante as presións dos seus detractores.
Así, a crise política turca afectaría sensiblemente ao equilibrio estratéxico do espazo mediterráneo e euroasiático, tomando en conta os efectos causados pola unilateral independencia de Cosova e ante o pulso entre Occidente e Rusia pola posible ampliación da OTAN cara Ucraína, Xeorxia e Macedonia. Tan só o recente proceso de reconciliación nacional en Chipre alivia este tenso escenario.
Pero o que resulta claro é que estanse desmontando aceleradamente os tópicos ata agora tradicionais sobre Turquía e os turcos. A ríxida república laica de Atatürk está dando paso a unha etapa de reformas destinada a afincar a democracia social e o pluralismo político e relixioso, aínda que estas reformas estean causando un duro pulso entre diversos actores.
Confrontación política aparte, Turquía está experimentando unha "segunda revolución". A clave para solucionar a actual crise pode estar mais en entender de qué forma está cambiando Turquía que en propiciar os mecanismos de represión como dinámica de control político.