O Consello Europeo celebrado os pasados días 15 e 16 de xuño na cidade sueca de Gotemburgo foi calificado como un éxito rotundo para a ampliación da Unión Europea. De feito, e a pesar de certas resistencias por parte dalgúns Estados membros, aceptouse a iniciativa da Presidencia sueca de establecer unha data para a conclusión das negociacións de adhesión. En concreto, as conclusións da Presidencia establecen que "Baseándose nos progresos xa acadados, o Consello Europeo ⦠(espera que) ⦠para finais de 2002, conclúan as negociacións cos países candidatos que estean preparados, sempre que se manteñan a bo ritmo os progresos no cumprimento dos criterios de adhesión. O obxectivo é que estes participen en calidade de membros nas eleccións ó Parlamento Europeo de 2004".
Esta é a primeira vez dende o inicio do proceso de ampliación que se menciona unha data concreta nun texto desta envergadura política. Hai que destacar que, en contraposición, o anterior Consello Europeo de Niza limitouse a afirmar que a Unión Europea estaba preparada, gracias á revisión dos tratados, para da-la benvida ós países candidatos. Como dixo o Primeiro Ministro belga, "en Gotemburgo o espíritu de Niza converteuse nun obxectivo".
A referencia ás datas foi calificada de xeito unánime como un claro sinal ós países candidatos, unha mensaxe política asegurándolles que o proceso de ampliación é algo irreversible e que continuará, durante as presidencias belga e española, coa mesma determinación e dinamismo que o fixo baixo o semestre sueco. Pero ¿cal foi o motivo deste posicionamento, criticado por algúns Estados membros?. Se ben é certo que a evolución das negociacións pronostican a súa conclusión para finais de 2002, sen dúbida, foi o resultado do refererendo irlandés sobre o Tratado de Niza o desencadenante desta decisión. O rexeitamento irlandés xenerou un xustificado malestar e incertidume entre os países candidatos que viron perigar non tanto o proceso como a marcha do mesmo. Era necesario deixar claro que o proceso de adhesión non estaba amenazado nin sufriría retrasos.
Pero non tódolos Estados membros estaban dacordo coa idea de facer referencias a datas concretas. Foi precisamente Alemania, paradoxalmente o país que máis beneficios vai experimentar coa ampliación, respaldado por Austria, Portugal e os Países Baixos, quen manifestou o seu desacordo, argumentando que a mención dunha data concreta sería unha presión contraproducente para as negociacións. Inda que finalmente aceptou a inclusión das datas, dada a mala imaxe que provocaría a súa oposición neste asunto, segundo o Chanceler Schroeder a data non ten que se entender como un compromiso firme senón como unha afirnmación política sobre un obxectivo común. Non é, por tanto, "unha cuestión de esperanzas ou desexos senón de resultados" o que significa que non se pode dicir cando concluirán as negociacións.
A razón que motiva a contradictoria actitude alemana pode atoparse na polémica cuestión da libre circulación dos traballadores. En tanto que país fronteirizo, Alemania teme unha invasión de traballadores do leste que poda altera-lo seu mercado laboral, por iso solicitou a adopción de medidas que protexan os seus intereses, entre estas, a adopción dun período transitorio de ata 7 anos para restrinxi-la liberdade de movementos dos traballadores (varios países -Suecia, Holanda e Dinamarca- xa anunciaron que non aplicarán o período transitorio xa que non consideran que a chegada de traballadores afecte ó seu mercado laboral). Nembargantes, é máis probable que Alemania non quere establecer datas para ir acollendo ós países do leste de xeito individualizado atendendo as súas propias preferencias e, en primeiro lugar, o seu veciño, Polonia, co que mantén unha curiosa relación.
Finalmente, ¿cal foi a postura española? Xunto co Reino Unido, Dinamarca e Finlandia, España apoiou a proposta da presidencia sueca de establecer unha data nas Conclusións e afirmou que, durante a Presidencia española do primeiro semestre de 2002, concedería un renovado pulo ás negociacións de adhesión. Sin dúbida esta postura estivo marcado por dous elementos: dunha banda, as súas responsabilidades por ostenta-la presidencia, por outra, a imaxe de España como país reticente a unha ampliación sen solucionar antes o problema rexional. A recente xogada fallida de enfrontamento con Alemania por este motivo obrigou a fuxir cara adiante e tomar posicións, co apoio dos candidatos, para un novo movemento.