Incertezas austríacas

As previsións confirmáronse. O ultradereitista Partido Liberal (FPÖ) de Haider converteuse na segunda forza política de Austria superando ao Partido Popular (ÖVP). A victoria dos socialistas (SPÖ) non é suficiente nin pode ocultar a perda de seis escanos. A formación do futuro goberno austríaco semella ben complicada despois de que os populares teñan anunciado o abandono do gran coalición que mantiñan cos socialistas.

As eleccións do pasado domingo estiveron marcadas polo anunciado ascenso do Partido Liberal de Jörg Haider, a perda da segunda posición por parte dos democristiáns, a reducción da maioría insuficiente dos socialistas e a menor participación dos cidadáns.

O SPÖ pasou de 71 escanos a 61 e veu reducido o seu apoio en máis dun 5%. O FPÖ pasou de 41 deputados a 53 e dun 21.9% a un 27,2%, mentres o ÖVP mantén os seus 52 postos mais ve diminuído o seu apoio, pasando do 28,3 % ao 26,9%. A resaltar tamén o ascenso dos Verdes que pasan dos nove escanos ao 13. A participación cidadá viuse reducida en 10 puntos, pasando do 86% ao 76%.

Coas súas proclamas racistas contra os inmigrantes procedentes do Leste, máis de .000, o FPÖ foi quen de concitar os apoios do sectores máis conservadores da sociedade austríaca que ven a presencia dos inmigrantes como unha ameaza para a súa seguridade e ao mesmo tempo consolidarse como referente político para os sectores con niveis máis baixos de ingresos da clase traballadora entre os que callou o discurso populista, similar ao da Fronte Nacional de Le Pen ou outros grupos menores mais en ascenso en diversos países da UE, dos liberais de que co tempo os inmigrantes remataran por comerse os postos de traballo dos austríacos.

O abandono por parte do ÖVP da gran coalición que gobernou nos últimos 13 anos engade un clima de incerteza ao proceso que agora se inicia para formar novo goberno. O presidente austríaco, Thomas Kleistel, partidario da macro-coalición e que nos últimos tempos se ten mostrado moi preocupado pola seguridade, nunca negou a posibilidade de que Haider puidese chegar a formar goberno, pola contra sempre se mostrou partidario dun executivo estable polo que non vería con bos ollos un goberno minoritario. Polo que ou ben se volve a anterior alianza gobernamental ou esta maioría só sería posible entre o FPÖ e o ÖVP que podería significar que a xefatura do goberno recaese en Haider como líder do partido con máis escanos dentro desta alianza. A outra alternativa, a convocatoria de novas elección semella aínda máis problemática.

Austria podería entrar no ano 2.000 cun neonazi ao fronte do goberno ou cunha alianza gobernamental na que os ultradereitistas controlarían o 50%. A sombra de Dollfuss é ben alongada.