ecuador lucio gutierrez

Indecisión ecuatoriana

 Lucio Gutiérrez, clic para aumentar
Lucio Gutiérrez, líder do Partido Sociedad Patriótica (PSP) que está no goberno, foi destituído das súas funcións como presidente en abril deste ano e permaneceu recluído no cárcere xunto co seu irmá Gilmar Gutiérrez, por estar acusados de atentar contra a seguridade do Estado.
 

Cando se analiza o proceso electoral no que está inmerso Ecuador, sorprende a enorme porcentaxe de votantes indecisos que se sitúa en máis da metade do electorado. Os sucesos acontecidos nos últimos tres períodos presidenciais dende 1996, que concluíron con derrocamentos e mandatos transitorios frustrantes, calaron profundamente no electorado dando lugar a un total escepticismo, sen que apareza ningunha forza política que sexa quen de lidera-lo cambio.

O ano 2006 está sendo moi importante para moitos países de América do Sur, xa que na maioría deles as eleccións presidenciais, están dando paso a un cambio significativo no perfil político dos gobernos destes países.

É sumamente alarmante saber que máis do 90% da poboación ecuatoriana dos máis diversos estratos e clases sociais, non confían nos partidos políticos nin nos seus líderes, xa que identifican aos poderes público como os causantes máis directos da situación tan desastrosa na que se atopa sometida o país.

Neste contexto o escenario preelectoral que está tendo lugar en Ecuador é confuso, cun electorado apático que se sitúa como observador da campaña electoral.

O sistema electoral ecuatoriano consta de dúas voltas, que pretender reducir o número de partidos e imprimirlle ao mandato presidencial unha maior lexitimidade electoral.

Sen embargo as sucesivas eleccións seguen dando un sistema multipartidista, ademais de fomenta-la proliferación de organizacións políticas pequenas ou novas.

A primeira volta das eleccións á presidencia do goberno terá lugar o vindeiro 15 de Outubro, a segunda non chegará ata Novembro, mes no que se coñecerá o gañador das eleccións. O presidente electo ostentará o poder durante catro anos, pero ademais tamén vai ser elixido un vicepresidente, 100 deputados para un congreso unicameral, e aos conselleiros provinciais e concelleiros.

Ecuador se caracteriza por ter un sistema de partidos multipartidista fragmentado no congreso; que nunca puido dar lugar a que o partido gobernante lograra obter unha maioría lexislativa estable. Deste xeito vai ser moi complexo analizar a tódolos partidos políticos que se van a presentar nestas eleccións. Por tanto, centraremos a nosa análise naqueles que teñen posibilidade de acceder ó goberno.

A Alianza País (AP) presenta a Rafael Correa como candidato á presidencia nestas eleccións. Correa afirma que o Congreso converteuse nun "instrumento de abuso dos dereitos cidadás e das institucións democráticas", polo que asegura que a única saída é unha nova Constitución e unha reforma política que acabe con este problema, converténdose obxectivo no elemento centras da súa campaña. Rafael Correa mantén unha postura moi próxima a Chávez, con actuacións e argumentacións que se poderían encadrar no populismo.

Como representación da dereita está o Partido Social Cristiano (PSC), representado por Cynthia Viteri. Este partido é de tendencia conservadora, é visto pola esquerda como un partido oligárquico ó servizo das elites económicas do país, abandeirado do neoliberalismo e pro Norteamericano.

A alianza Red Ética y Democrática- Izquierda Democrática ( RED-ID) é a que parece ter o maior apoio dos ecuatorianos grazas o apoio que ten o seu líder León Roldós, que propón no seu programa de goberno a idea dun "Ecuador con desenvolvemento humano", que significa: xustiza social; igualdade de xénero, económica e social; desenvolvemento sustentable…

Por último citaremos o Partido Renovador Institucional Acción Nacional (PRIAN) co seu candidato Álvaro Noboa, que ata hai poucos días non se sabía se ía presentarse ás eleccións ou non. A misión que pretende levar a cabo Noboa sería a de reactiva-la economía de Ecuador e convertelo nun país desenvolvido obtendo o nivel económico de países como Chile, Italia, España ou Estados Unidos.

O Partido Sociedad Patriótica (PSP) é o que está no goberno nestes momentos. O seu líder, Lucio Gutiérrez foi destituído das súas funcións como presidente en abril deste ano e permaneceu recluído no cárcere xunto co seu irmá Gilmar Gutiérrez, por estar acusados de atentar contra a seguridade do estado. Aínda así, o PSP decidiu presentar como candidato a estas eleccións a Gilmar, candidatura que finalmente foi aceptada polo Tribunal Supremo.

Segundo unha enquisa realizada en xullo por Cedatos Gallup Internacional, os partidos preferidos polos ecuatorianos se repartirían a porcentaxe de votos do seguinte xeito: Roldós, 23%; Noboa, 14%; Cynthia Viteri, 14% e Rafael Correa, 9% dos votos. Nesta enquisa non se incluíu a Gutiérrez, que ven conseguir o aval do Tribunal Supremo.

Se as eleccións concluísen segundo a mencionada enquisa , estaríamos diante doutro triunfo da esquerda en América Latina, mais unha esquerda moderada.

Aínda que non se perfila como un dos partidos favoritos, compre citar ao Movemento de Unidade Plurinacional Pachakutik é un partido importante en Ecuador, país cunha alta porcentaxe de poboación indíxena. Nestas eleccións, este movemento presenta como candidato á presidencia a Luís Macas, sen embargo esta candidatura móstrase débil e mesmo dividida. O electorado indíxena semella que vai fragmentar as súas preferencias entre dúas opcións; unha que apoiaría a Correa (Alianza País) e outra que estaría a favor de Macas (Pachakutik).

Na vida social e política de Ecuador hai figuras como alcalde de Quito, Paco Moncayo, que aínda que non se presenta á presidencia nestas eleccións polo seu partido, ID, mais compre facer unha breve mención a súa actuación política nos últimos anos, xa que nun futuro pode chegar a ser a alternativa de cambio que necesita Ecuador.

Moncayo chegou á alcaldía de Quito no ano 2000 cun porcentaxe de votos moi superior ó seu adversario político. Nos primeiros anos da súa xestión como alcalde, fixo importantes obras para o desenvolvemento da cidade, feito que lle garantiu a súa reelección nos seguintes comicios. Moncayo é un dos presidentes da Organización Mundial de Cidades e Gobernos Unidos (CGLU). Este organismo é de similares funcións á ONU, pero centrado en temas locais. Neste ano tivo un papel activo encabezando as protestas, levadas a cabo polo pobo, contra do presidente Lucio Gutiérrez e axudando, deste xeito, a consegui-lo seu derrocamento, a pesar de ser considerado de tendencia progresista.

A contenda electoral perfílase como complexa e incerta. Os ecuatorianos móstranse confusos e desconfiados, demostrando pouco entusiasmo nestas eleccións. Presíntese que o cambio que necesita o país aínda está lonxe. Os candidatos teñen entre os seus asesores os mesmos perfiles políticos que ostentaron o poder en períodos anteriores, sen deixar lugar a novas xeracións con novas propostas.

Ecuador vive dende hai moito tempo unha importante crise institucional onde é evidente a disociación entre a sociedade civil e o sistema político.