Inexplicable

A reanudación das probas nucleares por parte do novo goberno nacionalista da India pon fin a unha asentada tradición que asociaba a este país coas políticas de paz e non alineamento. A non proliferación recibe un duro golpe, quizáis irreversible se China fai o propio. Por iso cómpre unha reacción contundente. Non soamente corre serio perigo a estratexia de prohibición total dos ensaios; mesmo é probable que se lle de a volta ó proceso de reducción de gastos e efectivos militares en marcha en toda a zona próxima do Pacífico. Hai uns meses, China anunciaba a reducción do seu Exército en .000 efectivos. E como consecuencia en boa medida da crise financeira asiática Malasia decidira conxelar as súas adquisicións de armamento. Indonesia tiña previsto reducir en máis dun 40% os seus gastos en defensa, Tailandia nun 35%, Corea nun 30% e Xapón nun 15%. Por outra banda, imaxinar por un momento que unha escalada destas características pode estabilizar o contencioso de Cachemira resulta disparatado.

Na nova orde internacional a transcendencia do factor nuclear como instrumento para proxectar a condición de potencia reduciuse considerablemente. Basta ver a Rusia. Non hai arma máis principal que a economía. Pero existen en toda a rexión incontables disputas territoriais que afectan a un gran número de países, comezando polas principais potencias (India, Pakistán, Xapón, China). Neste contexto, a actitude do novo goberno de Atal Behari soamente pode tranquilizar ós fabricantes de armamento.