Será espía ou non será?

Inflando o globo da ameaza

Será espía o globo ou non será? O tempo dirá. China di que o globo entrou accidentalmente no espazo aéreo estadounidense e por causas de forza maior, que é civil e con fins científicos. O Pentágono recoñeceu que non representaba un risco significativo en termos de intelixencia pero negando a maior.

Liñas de investigación Observatório da Política Chinesa
Apartados xeográficos Ásia China e o mundo chinês
Idiomas Galego

Ao se referir ás espías, di Sun Zi na Arte da Guerra que o maior tesouro desta práctica radica en que o reino inimigo non saiba destas actividades, cousa que neste caso, á vista estaba, non se cumpre. Os chineses porfían en que non o era e que contan, obvio, con medios máis sofisticados para estas misións. Sexa como for, o derrubo do globo abre camiño a unha resposta igual ante un suposto similar. Poucos se lembrarán do incidente acontecido en 2001 cando un avión espía dos EUA foi detectado por China, obrigándoo a aterrar na illa de Hainan. No incidente faleceu un piloto chinés. Os tripulantes dos EUA foron detidos e o avión espía desmontado peza a peza. Todo devolto trala coñecida como a “carta das dúas desculpas” que o embaixador estadounidense en Beijing debeu entregar ao entón ministro de exteriores Tang Jiaxuan.

As circunstancias agora son outras e a gravidade moi inferior. Importa, sobre todo, o contexto. Hai quen en Washington gaña máis con este incidente que coa celebración da visita que tiña previsto a Beijing o secretario de Estado, Antony Blinken. Dende que en novembro en Bali Joe Biden e Xi Jinping deron vía libre á celebración do cumio diplomático na China que debía discorrer na pasada fin de semana, as expectativas dun balance satisfactorio fóronse rebaixando día a día. E aínda que a visita só se suspendeu, non está claro que se chegue a celebrar pronto. E non tanto polo enmarañadas que agora mesmo están as relacións bilaterais en xeral senón pola nova crise que se está xestando coa probable visita nunhas semanas do sucesor de Nancy Pelosi na presidencia da Cámara de Representantes, Kevin McCarthy, á illa de Taiwán. Se acontece, poida que se demore meses ou mesmo que non chegue ata a previa do cumio da APEC, a celebrar en novembro deste ano en San Francisco.

China deu sinais de que precisa sosegar os ánimos. O globo non debía estar aí. Sabían que sería detectado. É tirar pedras contra o seu propio tellado. Co incidente refórzase a tendencia contraria, unha narrativa que salienta a condición ameazante de China, un extremo sobre o que aínda moitos dubidan mesmo recoñecendo que se resiste a emular o proxecto occidental en todos os seus extremos. Pero o escándalo vai alentar o discurso de quen nos EUA aposta por unha volta de rosca tras outra contra a China co propósito de impedir o sorpasso. E ao prezo que sexa. Mesmo se compre partir a economía mundial en dous como xa se ven facendo co argumento precisamente da seguranza e a “afinidade de valores” fronte a unha China que lidera un “retroceso autoritario” contra a famosa orde internacional baseada nas nosas regras.

O globo sobre o espazo aéreo dos EUA compromete a China se as súas explicacións non se corresponden. Os EUA esperan probar que mente. Aínda que todo o mundo sabe que os EUA son os grandes campións da espionaxe, todo isto alenta esa visión da ameaza e debe outorgar máis fundamento á preocupación polo poderío militar e as hipotéticas pretensións chinesas, etc., xustificando así o ambicioso programa militar dos EUA e da propia OTAN no Indo-Pacífico.

Ese pretexto para seguir armando unha arquitectura de seguridade para conter a China en todo o mundo xustificaría tamén a guerra tecnolóxica en curso, que apunta a un calculado plan de desvinculación industrial de China ao que os EUA tenta sumar aos aliados mesmo botando man de presións como as aplicadas a países como Holanda ou Xapón recentemente. O incidente do globo será usado para elevar –e nunca mellor dito- esta aposta.

Por tanto, o que non é un globo é a vontade de incitar á confrontación, gañando relevancia cada vez máis a dimensión militar como o revelaría o estreitamento das asociacións de seguridade no entorno da China e as presións ás respectivas capitais para que se decanten por un ou por outro. Velaí o acceso a catro novas bases militares en Filipinas “para atender máis rápido os desastres humanitarios e catástrofes climáticas”…. A isto servirá tamén o previsible encirramento nos vindeiros meses da situación no estreito de Taiwán, asustando coa crecente probabilidade de conflito.