Internacionalizar

Unha semana de aproximación intensa á problemática da internacionalización da empresa galega, imperativa para elaborar unha diagnose nese sentido que sirva de base para definir, de ser o caso, estratexias novas de actuación exterior nese dominio, permitiu ao Igadi abrirse a un mundo interno no que afloran numerosas experiencias positivas cun soporte social e empresarial en moito mellor do estado do que ás veces se pensa dende fóra.

O contacto con empresas punteiras (dende o granito á pizarra, pasando polo textil, o agroalimentario ou o marítimo), con entidades financieras de dilatada traxectoria neste campo, con Cámaras de Comercio, coa propia Administración galega, coa estatal "ICEX" ou o Consorcio da Zona Franca de Vigo, permitiron tomar o pulso a un fenómeno que non está tan mal como pode aparentar. A variable internacional está moi incorporada á dinámica empresarial galega.

¿Problemas? Citarei algúns. Primeiro, a escasa valoración da información. É un factor moi importante para acertar no impulso internacionalizador, pero se custa xa non interesa tanto. A boa información nunca é gratuita. Segundo, existe "demasiada" información, moitas iniciativas e moita dispersión: cómpre máis coordinación. Terceiro, urxe habilitar marcos plurisectoriais de diálogo donde todos os actores implicados nesta dinámica intercambien experiencias e critiquen, sen cancelas e con vontade constructiva, os defectos do noso facer. Cuarto, importa gañar espacios para unha cultura cooperativa no ámbito empresarial que nos faga avanzar: xuntos sempre poderiamos ir máis de presa. As alianzas son imprescindibles no mundo de hoxe e máis nun país coma o noso no que predomina a pequena e mediana empresa. Quinto e último: xeográficamente a nosa lagoa máis salientable é a Europa da ampliación: estamos alí demasiado ausentes. E moi pronto serán vecinos próximos.