20060801 iran central nuclear de bushehr

Irán e o camiño do medio

 Central nuclear de Bushire, clic para aumentar
En Moscova recibíase o martes pasado a unha delegación iraniana para negociar os subministros do combustible nuclear necesario para a posta en marcha da central de Bushire, construída con apoio ruso e que será a primeira planta atómica de Irán.
 

Esta semana conclúe o ultimato dado polo Consello de Seguridade da ONU a Irán para suspender o enriquecemento de uranio. Teherán, tanto na súa resposta á iniciativa dos Seis (países do Consello máis Alemaña), como en diferentes declaracións de diversos líderes, deu entender ás claras que pode ofrecer unha "fórmula nova" para intentar solucionar as diferenzas pero que, en ningún caso, ten intención de someterse aos ditados das potencias occidentais.

É verdade que Irán pode aínda, antes do 31 de agosto, dar a sorpresa facendo unha concesión de última hora. Pero non é probable. Como tampouco que se extreme máis e suspenda a cooperación coa AIEA ou anuncie a súa retirada do Tratado de Non Proliferación Nuclear. Pola contra, o máis probable é que intente seguir avanzando polo camiño do medio, é dicir, persistir na defensa do seu dereito ao desenvolvemento da enerxía nuclear con fins pacíficos, sen pechar a porta ás negociacións.

Problema? Nin EEUU nin a UE parecen dispostos a xogar con esas regras, secundando as manobras dilatorias de Teherán. Irán quere negociar sen suspender nada, e EEUU quere a suspensión antes de negociar. Washington xa reiterou que despois do 31 de agosto promoverá a adopción de sancións inmediatas. Pero tampouco iso parece moi doado. En canto ao contido, as variables a ter en conta son dúas. Ir pola vía simbólica, prohibindo a participación de Irán nas competicións deportivas ou restrinxindo os voos das súas aeronaves e a concesión de visados aos seus funcionarios; ou impoñer sancións máis substanciais: o embargo de instalacións petroleiras ou aparatos militares, conxelación de bens e contas do goberno iraniano no estranxeiro, etc.

Con todo, a maior dificultade a superar é a diferenza de criterio entre os membros do Consello de Seguridade. Rusia e China non secundarán facilmente as propostas de EEUU. En Moscova recibíase o martes pasado a unha delegación iraniana para negociar os subministros do combustible nuclear necesario para a posta en marcha da central de Bushire, construída con apoio ruso e que será a primeira planta atómica de Irán. E en Pequín, as declaracións oficiais salientan a importancia de arranxar o problema a través de conversas diplomáticas. Ambos países consideran que todo podería ir mellor se EEUU e Irán negociaran directamente un acordo estable para ambas partes. Ese sería o camiño recto.