Mara Ríos é estudante de Dereito en prácticas no IGADI (UAM)

Irán: o dobre castigo dos baluchis

A imaxe exterior dun Irán homoxéneo e unido vese paulatinamente contrarrestada nas últimas décadas, en particular polas reivindicacións das distintas comunidades étnicas que configuran este país. A pesares de que esa diversidade é a súa maior riqueza, o goberno iraniano e o seu afán “persianizador” póñenas contra as cordas, obrigándoas en moitos casos a levar as súas demandas e loitas ao límite. Un dos pobos máis activos que atopamos no territorio iraniano é o baluchi. Reprimido e ameazado, atópase cun marco legal e constitucional que permite a discriminación da que é vítima.

A imaxe exterior dun Irán homoxéneo e unido vese paulatinamente contrarrestada nas últimas décadas, en particular polas reivindicacións das distintas comunidades étnicas que configuran este país. A pesares de que esa diversidade é a súa maior riqueza, o goberno iraniano e o seu afán “persianizador” póñenas contra as cordas, obrigándoas en moitos casos a levar as súas demandas e loitas ao límite. Un dos pobos máis activos que atopamos no territorio iraniano é o baluchi. Reprimido e ameazado, atópase cun marco legal e constitucional que permite a discriminación da que é vítima.

As comunidades nacionais do Baluchistán repártense nos límites fronteirizos existentes entre Irán, Afganistán e Paquistán. En Irán atopámolas principalmente na provincia de Sistan-Baluchistan, aínda que tamén teñen presenza, por exemplo, na provincia de Kerman. É unha zona montañosa e desértica de difícil acceso –algo que resultou beneficioso para os baluchis durante séculos á hora de manter a súa identidade-, pobre e pouco desenvolvida. Trátase dunha etnia de orixe indo-iraniana que representa aproximadamente o 2% da poboación do país, é dicir, 1,7 millóns de habitantes, dos cales 20.000 levan unha vida nómade. Profesan a fe islámica sunnita en contraposición coa confesión xiíta oficial, o cal condiciona notablemente a súa situación.

Na procura da súa autonomía

Durante séculos, os baluchis mantivéronse en grande parte autónomos e independentes. Non foi ata a chegada dos británicos na segunda metade do XIX que a súa liberdade viuse limitada por un Estado alleo. Os últimos gobernos de Irán, tanto a monarquía do Shah Reza Pahlavi instalada en 1921 como o resultante da Revolución Islámica de 1979, aproveitáronse da rexión minándoa economicamente e relegando os baluchis a un segundo plano. A maiores, a relativa permisividade da dinastía Pahlavi con esta comunidade quedou completamente anulada polo novo Estado iraniano e o seu afán centralizador.

Os baluchis contan con  distintas organizacións para reivindicar os seus dereitos. O Partido Popular de Baluchistán (BPP), creado no 2003 no exilio en Estocolmo (Suecia), é o partido político que representa a esta comunidade dentro da Organización de Nacións e Pobos non Representados (UNPO).  Por outra banda, e en contraposición ao carácter pacífico do BPP, o Jundallah é unha guerrilla  exclusivamente baluchi e sunnita nacida no 2003, que esixe a laicidade e democratización do Estado iraniano como base para un maior respecto das minorías, usando a violencia como principal instrumento de defensa contra o Goberno. Nos últimos anos cometeron atentados de distinta índole, dende secuestros ata execucións, situando como  obxectivo ao corpo da Garda Revolucionaria Islámica, a organización militar máis importante do país. Irán, así mesmo, acúsaos de distintas matanzas de civís como a acontecida en Kerman no 2006, que eles desmenten. Para Teherán, trátase dunha organización terrorista.

Caso semellante é o de Jaish Al-Adl (“Exército de Xustiza”), igualmente acusado polo goberno  de cometer múltiples atentados (entre 2013 e 2015) tamén contra membros da Garda Revolucionaria Islámica. Cabe destacar que Jaish Al-Adl presenta un carácter máis relixioso ca étnico, a diferenza do Jundallah. Ambos grupos son obxecto de persecución  e están acusados de cooperar con países “inimigos” como EUA, mais tamén de manter contactos con Al Qaeda ou o Daesh (Estado Islámico).

Discriminación e violación de dereitos humanos

A situación dos baluchis en Irán resulta catastrófica a ollos de organizacións defensoras dos dereitos humanos como Human Rights Watch e Amnistía Internacional, en particular ante as denuncias de discriminación e marxinación social e económica que sofre esta comunidade. Irán explota os seus recursos mais impide que se beneficien deles. Durante décadas, e apoiándose no marco constitucional, estase levando a cabo un proceso de asimilación sistemática que podemos apreciar na mesma evolución do nome da provincia: de Baluchistán a Sistan-Baluchistán, proximamente, din algúns, simplemente Sistan.

O pobo baluchi vese marxinado en tódolos ámbitos. A Constitución iraniana protexe unicamente a lingua persa, polo que as publicacións en lingua baluchi están prohibidas, particularmente as tres publicacións nacidas trala Revolución, Mahtak, Graand e Roshanal. Atopamos, non obstante, algunhas edicións bilingües (Istun, Marze Porgohar), todas elas suspendidas e denunciadas en numerosas ocasións. A radio e a televisión, incluso os concertos de música (o Instituto de Música Baluchi de Iranshahr viviu varios episodios rocambolescos), contan cunhas limitacións fora do común. En 1997, dos 5.000 estudantes da universidade de Zahedan, o clérigo de orixe baluchí Molavi Ali Akbar Mollazadeh denunciou que só entre 10 e 15 eran baluchis.

No referente á economía, os baluchis deben someterse  á chamada “gozinesh”, un exame moral de lealdade ao Islam e o Estado iraniano que deben realizar ante os gardas revolucionarios. Sen el, non poden emprender ningunha actividade. Isto leva a que as oportunidades económicas sexan acaparadas polos persas que chegan a Sistan-Baluchistán atraídos polas facilidades prometidas polo goberno, quedando os baluchis nun segundo plano, véndose obrigados a migrar a outras zonas do país ou abocados á economía delictiva, en particular o tráfico de opio e heroína convertido na súa principal fonte de ingresos. Unha situación que evidencia certos paralelismos cos casos do Tíbet ou da rexión chinesa de Xinjiang, ambas igualmente conflitivas aos ollos do goberno de Beijing.

Por outra banda, os efectivos represivos do Goberno irrompen a miúdo nos seus barrios co fin de aterrar á poboación: dende asaltos indiscriminados que logo carecen da investigación pertinente (asasinato de Roya Sarami, nena de 11 anos que volvía do colexio en 2007, por exemplo), o derrubamento de fogares e lugares de culto (a mesquita sunnita de Zahedan en 1994, varios barrios da cidade de Chabahar en 2005). Cada ano execútanse ducias de baluchis con pretextos que podemos considerar abusivos e/ou escasamente argumentados.

Fronte a esta dramática situación, o marco legal e constitucional iraniano preséntasenos cunha moeda de dobre cara. Por unha parte, a sinatura de cinco tratados internacionais en materia de dereitos humanos –o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, a Convención Internacional sobre a Eliminación de tódalas Formas de Discriminación Racial, sobre os Dereitos do Neno e sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade- deberían protexer e garantir os dereitos destas minorías, mais a realidade é moi distinta. O Goberno iraniano vulnera unha e outra vez as disposicións destes acordos, e o Dereito Penal do país contribúe a agravar ditas violacións.

Por sorprendente que pareza, a propia normativa legal protexe as actividades dos persas contra estas comunidades. Os baluchis son vítimas do sistema xudicial principalmente por acusacións de crimes “hodoud” (en contra de Deus) xustificada ou inxustificadamente, que adoitan levar aparellada a pena de morte. Aos acusados non se lles permite acceder a un avogado no inicio do proceso, levándoos a interrogatorios onde se atopan totalmente indefensos. Son prácticas habituais as torturas, o trato denigrante e incluso o encarceramento dos propios avogados a posteriori en caso de protesta.

A pesar de que o artigo 14 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos preceptúa un tribunal imparcial que escoite ao reo e o auxilio dun avogado, a realidade en Irán é moi distinta: resulta complicado diferenciar, inclusive, os labores do investigador, fiscal e xuíz. Atopamos casos como as execucións polos atentados de Jundallah de 2007 contra un autobús con case 20 vítimas mortais, que inclúen a execución pública dun menor: Sa’id Wanbar Zahi. De feito, dende 1990, máis de 10 mozos foron executados a pesar dos tratados e da presión internacional, outros 13 esperaron ata cumprir a maioría de idade. No caso de Baluchistán, levouse incluso á implantación dun tribunal clerical especial da man do xuíz Hojatoleslam Nekunam en 2006 amparándose en  motivos de “seguridade nacional”, o que facilitou os abusos sobre a poboación baluchi.

O silencio exterior

Resulta sorprendente que ante estes acontecementos amplamente denunciados por organismos como Amnistía Internacional e Human Rights Watch, a presión dos gobernos democráticos sexa tan escasa. A violación dos tratados asinados  e ratificados por parte da República Islámica de Irán non tiveron consecuencias. O resto de asinantes miran para outro lado. Teherán segue a utilizar o pretexto do narcotráfico en Baluchistán para continuar coa situación de exclusión e represión desta comunidade.

A comunidade baluchi vese así dobremente castigada. Dunha banda,  por unha draconiana lexislación estatal que ampara prácticas execrables; doutra, polo notorio silencio por parte dunha comunidade internacional que antepón os seus propios intereses á necesaria e debida protección dos dereitos humanos da comunidade baluchi asentada na República Islámica de Irán.