A nova resolución emitida polas Nacións Unidas no contencioso Iraq-"Occidente" lembra a Bagdad, máis ben a Sadam, porque o pobo aquí parece importarlle pouco a todos, que o alto ó fogo de 1991 que poñía fin á Guerra do Golfo tiña como condición a aceptación doutra resolución, a 687, que lle esixía eliminar as súas armas de destrucción masiva baixo a supervisión da ONU. Está é a derradeira oportunidade. Se hai un novo incumprimento, o Consello terá que adoptar medidas, aínda que o señor Bush xa ten claras as súas. A resolución foi aprobada por unanimidade no Consello de Seguridade, e a súa adopción exclúe o uso automático da forza, segundo un comunicado emitido por China, Francia e Rusia.
O novo documento supón un control máis que exhaustivo das armas iraquís, chegando a incluír na supervisión programas químicos, biolóxicos, etc, non suxeitos a fins armamentísticos. Como podemos supoñer isto amplía o abano de posibilidades de fracaso do plan de desarme. Se alguén esquece incluír os abonos ou pesticidas químicos pode pulsarse o botón de alarma.
A maiores, Estados Unidos tantea ós seus aliados. Cincuenta e dous foron os países que recibiron unha petición de axuda perante un eventual ataque. Casualmente España non está na lista, a pesares de ser un aliado incondicional. Será por iso. O novo "señor das cruzadas" acode ó foro das Nacións Unidas en busca de apoios non só para dar a aparencia de ter abandonado o "unilateralismo" senón posiblemente tamén para poder sacar proveito no outro compromiso do mes, estamos a referirnos ó Cumio de Praga. Se o 8 de novembro se aproba a Resolución 1441, o 22 do mesmo mes se da o paso definitivo cara a ampliación da OTAN a 26 membros, 7 deles antigos rivais de Estados Unidos (Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Rumania, Eslovaquia e Eslovenia). A Alianza Atlántica aprobou ademais a creación dunha Forza de Reacción Rápida, dotada dunha avanzada tecnoloxía e disposta a actuar perante os perigos que se aveciñan despois do 11-S. Nembargantes non foi posible para a Casa Branca conseguir un apoio claro para unha posible intervención armada. Novamente as demandas dos estadounidenses vense cubertas, mentres que Europa segue sen avanzar na creación dunha forza propia. E isto a pesares de que os Estados Unidos poñen trabas ó uso dos medios da organización por parte dos demais. De Europa importan o apoio e os cartos, se se poden conseguir, e do resto molesta máis que axuda.
Pero a da lexitimidade é a cuestión máis sangrante de todas: ¿cómo imos pretender que as nosas accións teñan lexitimidade cara os demais senón a teñen nin para nós mesmos?. ¿Estanse a desfacer os Estados Unidos e os seus aliados das armas de destrucción masiva? Naturalmente que non. ¿Acatan os Estados Unidos e demais países todas e cada unha das resolucións que lles afectan? De novo, non. ¿Cómo poden entón esixirllo ós demais?. Para esta afirmación hai un inesperado pero contundente exemplo, o da resposta que Sharon deu ó mediador norteamericano cando este o instou, hai uns meses, a deter as hostilidades nos territorios ocupados. O israelí saíu do paso dicindo máis ou menos que eles tamén tiñan dereito a loitar contra o terrorismo, o mesmo que estaban a facer os norteamericanos.
Pois ben ese risco de bola de neve en continuo crecemento pode ter graves consecuencias para os que hoxe se asocian nesa estratexia, en troques de tratar de elaborar unha política común que evite que a súa credibilidade se tambalee como se dun valor da Bolsa se tratara.