O mesmo día que o goberno israelí anunciaba que, no próximo mes de Xullo, abandonaría os territorios que ten ocupados no sur do Líbano, o seu exército bombardeaba esas mesmas posicións, como para "festexar" a noticia.
¿Motivo? o de sempre, unha acción contra Hizbullah. Pero mentres tanto os pobos atacados non son máis ca iso, pobos con civís libaneses que viven dende hai décadas amedrentados polos ataques que o exército israelí lanza sistematicamente contra as supostas bases terroristas.
¿Materializarase a retirada? O caso é que o goberno do laborista Barak, non fai máis que anuncios de retiradas que logo non se levan a cabo.
Primeiro negocia cos palestinos, pero non cumpre os acordos; consecuencia, aínda non hai Estado Palestino, os territorios ocupados seguen a ser os mesmos e as condicións de vida e traballo para os habitantes de Gaza e Cisxordania non teñen mellorado. O número de presos políticos palestinos non diminuiu.
Outro tanto acontece coas negociacións con Siria e Líbano. Avánzase e vólvese atrás unha infinidade de veces, e mentres os dirixentes se poñen de acordo é o pobo quen agarda con impaciencia o tan ansiado acordo de paz.
Pero acordos de paz houbo algún e poderá haber moitos máis; demasiados xa para unha poboación cansa e que únicamente aspira a vivir no seu propio territorio, ceibe d opresión israelí.
As intencións dos laboristas parecían moi boas e auténticas antes das eleccións do pasado ano, prometendo o cambio fronte ás políticas opresoras do anterior primeiro ministro do Likud, Netaniahu. Pero agora o tempo deixa ver que eran tan só iso, boas intencións pero sen efectividade ningunha. A actividade do exército israelí non diminuiu e o propio anuncio da retirada do Líbano ven acompañada dunha demostración de forza.
Barak loita por uns acordos de paz que os árabes rexeitan por desconfianza e escasas garantías, pero aínda conserva certa imaxe entre a opinión pública. Agora, haberá que agardar a Xullo para comprobar se de verdade a retirada é real e en que condicións se fai. Moitos temen que se repita unha "paz dos covardes".