O sur do Líbano acapara nos últimos días a atención da opinión pública internacional por mor da apresurada retirada das tropas israelís, presentes na rexión, ata hai pouco considerada clave para a súa seguridade, dende hai vintedous anos. ¿Derrota ou movemento arriscado que busca un maior proveito para a causa de Tel-Aviv a curto prazo?
Sen negar o evidente, cómpre sinalar que a retirada israelí estaba prevista para o próximo mes de xuño e probablemente esa circunstancia incidiu na deserción dos seus aliados neste territorio que precipitou os acontecementos. Pero ademáis diso, Israel pode a partir de agora reforzar a súa presión sobre Siria para asinar un tratado de paz, antes do remate da era Al-Asad. Con esta retirada, Barak coloca a pedra no tellado viciño e responsabiliza a Damasco do control das milicias e dos hipotéticos ataques sobre territorio israelí.
A presión sobre Israel é notoria. O rexurdimento da Intifada, os incesantes bombardeos na zona agora abandonada, colocaban a Tel-Aviv nunha posición extremadamente incómoda ante unha opinión pública que se revira contra a prepotencia israelí e os escasos avances do proceso de paz.
A retirada non asegura a estabilidade de ninguén. Israel cumpre a remolque o seu compromiso internacional co abandono dos territorios ocupados, pero incrementa a súa capacidade ofensiva na fronteira norte. Haberá que agardar acontecementos para comprobar se esta acción vai na dirección correcta ou se Barak ordena en pouco tempo unha nova ocupación.