20050905italia marco follini

Italia: tirapuxas na normativa electoral

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Marco Follini, clic para aumentar
Para que a reforma se leve a cabo, son necesarias dúas condicións. Primeiro, que na coalición de goberno, se chegue a un consenso maioritario, que non parece estar garantido, debido á disidencia dos centristas da Udc, do tándem Marco Follini (na foto) – Ferdinando Cassini, que reclaman unha renovación do centro dereita. E segundo, que exista un diálogo coa oposición, que xa afirmou que bloqueará calquera reforma, custe o que custe, debido a que as novas regras os penalizarían en función da dispersión do voto esquerdista en pequenos partidos con menos do 4%.
 

En Italia, o sistema político é tan complexo como o país. Agora, dende a dereita ándase de novo ás voltas coa idea da reforma do sistema electoral, para reconvertelo en proporcional, case como era a comezos dos anos 90, só que cunha barreira do 4% de apoio para obter representación no Parlamento. Esta controversia causa máis dunha tormenta no Senado, tal e como aconteceu a semana pasada, cun enfrontamento onde case chegan ás mans membros da coalición de centrodereita e centroesquerda.

Dende o centroesquerda, a proposta dunha nova reforma sentou mal. Sobre todo, porque só quedan 8 meses para a celebración de eleccións lexislativas e extrapolando as novas regras, sairían perdendo con claridade. Sostense que o cambio das regras de xogo débese ó medo á máis que futura derrota gobernamental nos próximos comicios, a celebrar na primavera do ano que ven. Mentres tanto, Berlusconi afirma o seu desexo de respectar a representación da vontade dos electores e a gobernabilidade, e remítenos a un acordo maioritario, para emprender unha nova aventura.

En efecto, para que a reforma se leve a cabo, son necesarias dúas condicións. Primeiro, que na coalición de goberno, se chegue a un consenso maioritario, que non parece estar garantido, debido á disidencia dos centristas da Udc, do tándem Marco Follini – Ferdinando Cassini, que reclaman unha renovación do centro dereita. E segundo, que exista un diálogo coa oposición, que xa afirmou que bloqueará calquera reforma, custe o que custe, debido a que as novas regras os penalizarían en función da dispersión do voto esquerdista en pequenos partidos con menos do 4%. En efecto, seguindo as estimacións de Ipr Márketing, coa reforma, a Unión da Esquerda obtería 290 escanos co 50% de apoio popular, debido a que moitos dos partidos da coalición non chegan ó limite do 4%, mentres que a coalición " Casa das Liberdades" obtería 333 escanos, mais 7 como premio á forza mais votada, sobre os 630 do total da Cámara.

O cambio de sistema electoral introducida pola vía do referendo, en 1993, mudou aspectos importantes da política italiana que semellaba caótica baixo os referentes da proporcionalidade e a desconfianza na clase política xerada polos casos de corrupción. Pero, sobre todo, a influencia da reforma, manifestouse no comportamento dos partidos políticos durante todos estes anos, onde non foron visibles os efectos na estabilidade do goberno. Hoxendía, a teima da reforma volve ser recorrente, e está presente no foros de discusión en Italia.

O singular do sistema político italiano a día de hoxe, é a combinación de técnicas maioritarias (75%) e proporcionais (25%) para e elección dos representantes das dúas Cámaras. A importancia do sistema electoral é que ven sendo un dos factores, xunto coa cultura política, que incide irremediablemente na configuración do sistema de partidos. E a teima permanente de fozar no sistema electoral italiano, responde ó desexo de ser capaz de clarexar os intereses dunha sociedade confusa, e achegarse o máis posible a gobernos estables. Pero non sempre se reflicte o apoio real nin esa é a causa última.

Segundo Sartori, o sistema de partidos italiano da posguerra -debido á fragmentación- alimentou un factor de conflictividade nos gobernos que dificulta a capacidade do executivo para levar adiante e implementar políticas a longo prazo. Este problema, crónico, resúmese nos longos e complicados procesos parlamentares, e na división interna das coalicións en pequenos partidos, cos que cómpre negociar constantemente, tal e como ocorre na actualidade na coalición liderada por Berlusconi -A Casa das Liberdades- e os partidos centristas, como Udc.

A reforma de 1993 pretendía reducir o número de partidos que operaban no escenario político, sentando as bases para unha competencia de tipo bipolar, pero a pervivencia de estruturas partidistas disgregadas, e o nacemento de partidos out-sider -como Forza Italia que logo se converteron en partidos catch-all con éxito- que aproveitaron a conxuntura, favoreceron a sensación de insatisfacción co resultado final.

A necesidade do momento era asegurar a estabilidade do goberno, e que se reducira a fragmentación partidista, para aumentar a confianza e a relación de responsabilidade entre electores e os representantes. Pero pouco diso parece terse acadado, e as consecuencias foron ben distintas: a mutación entre as filas comunistas -converténdose o PCI en PDS-, a inédita competición entre coalicións que forzou a forxa de alianzas entre partidos, a bipolarización entre coalicións -en lugar de tripolarizar como acontecía anteriormente-, ou a falla de resultados na simplificación do sistema de partidos, pola carencia de suficientes incentivos para crear grandes partidos a nivel estatal, foi o máximo que se conseguiu.

Pero os partidos políticos italianos están habituados a actuar nun contexto de proporcionalidade puro, que lles permitía sobrevivir con pequenos soportes electorais. E a pesares de terse mudado a unha lóxica de regras electorais maioritarias en 1993, seguiron mantendo este xeito e actitude interiorizada á hora de facer política, e conservan a estratexia e capacidade de chantaxe dentro das coalicións. O que os desincentiva á hora de presentarse en grandes partidos a nivel do estado.

Polo tanto, o sistema pos-1993 estivo condicionado pola forma de proceder anterior, e os partidos buscaron competir dunha maneira que non se visen afectados polos efectos do sistema maioritario, conseguíndoo parcialmente. Agora, o debate sobre un novo cambio de regras, ten que ver co medo á derrota por parte da dereita, o aproveitamento das divisións e debilidades na esquerda -en 2001 produciuse unha fragmentación partidaria elevada (8 membros) fronte á coalición de centrodereita con 5-, e a necesidade de pechar filas coa Udc.

A estratexia dos dereitistas non é absurda, pero esquécense de que as eleccións do 2001 confirmaron a tendencia ó uso das grandes coalicións cun líder sólido á cabeza, como candidato a ocupar o lugar do primeiro ministro. Iso propiciou a victoria da coalición de Berlusconi nas últimas lexislativas, ó igual que pode decapitalo no futuro. Hoxe por hoxe, as divisións coa Udc de Follini e compañía son profundas. A imaxe de Berlusconi está moi gastada. E a esquerda, que se sabe gañadora, non ten porqué cambiar o rumbo cando sabe que navega con vento a favor.