Lois Tobío,1906-2003 Fonte: Galipedia

Lembrando a Lois Tobío

Diplomático, investigador, xurista, profesor, xornalista, tradutor, etc., Lois Tobío foi un intelectual humanista firmemente comprometido con Galicia. Co-fundador do Seminario de Estudos Galegos, redactor do anteproxecto de Estatuto ou auténtico mentor do Consello de Galiza no exilio, custa entender que a pesar de tanta e tan valiosa achega siga sendo un gran descoñecido para moitos na propia Terra.
Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

Lembro que en 2001, unhas horas antes de reunírmonos no Ateneo de Madrid un grupo de amigos para renderlle homenaxe, pasamos pola súa casa para saudalo pois el, discreto e distante das pompas como era, resistiuse a asistir pese ao moito e amable empeño de Manuel Lombao. Eu levaralle unha pequena caixiña de té chinés que el correspondeu cun sorriso cómplice con sabor a memoria que na altura non desvelou. Logo, repasando as súas Décadas, puiden entender o significado que para el tiña aquel presente, evocador dos doces momentos vividos no exilio uruguaio en compaña da distinguida Phyllis Ling-Cho, quen casara cun compañeiro de estudos de Mao Zedong. Fora amiga do universalmente admirado Lin Yutang e fixera de contado moi boas migas con Melu, a esposa de Tobío. Os tres gozarían moitas veces da conversa distendida mentres saboreaban en pequenas cunquiñas con tapa un té chinés quizais semellante ao que eu lle levara.

Ese cosmopolitismo define en boa medida a forma de ser e de estar de Tobío, cousa que nunca o levou a deixar de exercer de galego alá onde as circunstancias o levaran, xa fora Alemaña, Bulgaria, México, Cuba, Uruguai…. O seu innegable amor a Galicia nunca foi obstáculo para recoñecer o propio e ao tempo impregnarse a conciencia doutras culturas, coas lecturas dos seus admirados Montaigne ou Rilke e, por suposto, o Goethe do Fausto que traduciu para a nosa lingua. Para el, Castelao e Van Gogh non eran mundos separados.

Admirar a unha persoa como Tobío non era difícil. A pouco que profundabas na relación con el descubrías alguén dunha enorme intelixencia, unha persoa culta, xenerosa e modesta. Para os que non tiveron esa oportunidade, deixounos ese monumento que son as súas Décadas, unhas memorias sen perda ningunha, só posibles co concurso editorial de Isaac Díaz Pardo, quen, por certo, nunca deixou de estar ao seu carón. Apreciei moito que accedera a facer o limiar do meu Galicia e a Sociedade das Nacións e que sempre puidera contar con el para consultar e aprender.

Neste galego de lei, como acostumaba dicir, non cabía renuncia á lealdade nin aos principios, que observaba con intelixencia. A súa elegancia natural combinábaa cun rigor admirable no desempeño xa se tratara de levar o día a día do Ministerio de Estado nos convulsos e tráxicos anos da II República, como lle aconteceu durante o mandato de Álvarez del Vayo, ou de afondar na figura do carismático Conde de Gondomar.

Estes días estanse a cumprir vinte anos do seu falecemento. Oxalá non teñan que pasar outros tantos para que Galicia, as institucións e a propia sociedade, poidamos tributarlle a honra que tanto merece. Debémosllo.