Ao meu parecer, tal estratexia debía ter en conta, ao menos, os seguintes cinco aspectos:
1.- Política lingüística en relación coas comunidades galegas no exterior. O obxectivo desta política debera ser a promoción do coñecemento (na fala e a escrita) e o reforzo do mantemento / transmisión / uso da lingua galega nas comunidades da emigración. Obviamente, aí ten un papel que xogar a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, pero tamén o Ministerio de Asuntos Exteriores do Goberno de España (incluíndo a AECID e o Instituto Cervantes). Por exemplo, débese ampliar a oferta de ensino da lingua galega nos centros de estudos que o goberno español mantén no estranxeiro. Igualmente, poderíase xestionar a oferta de galego coas autoridades respectivas (municipais, cantonais ou provinciais etc.) en centros con elevada presenza de galego-descendentes.
2.- Relación coas comunidades en que o galego é falado como lingua histórica (Asturias, Castela – León e Estremadura). Cómpre fomentar a presenza do galego nos sistemas educativos e na vida pública e cultural das comarcas estremeiras de fala galega, especialmente en Asturias, O Bierzo e As Portelas. Para tal fin, deben asinarse convenios de colaboración coas comunidades autónomas e, no seu caso, concellos ou entidades comarcais desas áreas.
3.- A política de creación e financiamento de Cátedras e Centros de Estudos Galegos en universidades de fóra de Galicia precisa dunha racionalización estratéxica e funcional e de soporte académico, do mesmo xeito que a súa actividade esixe de coordinación e apoio desde Galicia. Capítulo distinto, pero moi importante, son as relacións das universidades galegas coas do ámbito lusófono, que deben ser obxecto dunha estratexia global coordinada entre as tres universidades galegas.
4.- Relación con outras comunidades bilingües ou plurilingües, en especial, con aquelas en situación de minorización. Obviamente, isto comeza polas outras comunidades con dúas ou máis linguas oficiais dentro do Estado Español, nomeadamente, Euskadi e Cataluña, sen esquecer as Illas Baleares, Valencia e Navarra. Mais o establecemento de lazos, políticos, culturais e académicos con outras nacionalidades ou comunidades minoritarias ou minorizadas, é importante, para deseñar estratexias conxuntas cara a organismos internacionais (no marco europeo, UNESCO etc.), para o intercambio de experiencias e coñecementos, o fomento conxunto de iniciativas e proxectos etc.
5.- Por último, pero non menos importante, establecemento e / ou estreitamento de relacións cos países de lingua oficial portuguesa, nomeadamente (pero non só) Portugal e O Brasil. Obviamente, este tipo de relacións deben ir alén dos planos lingüístico e cultural incluíndo o económico, institucional e humano, pero aquí poñemos o foco no primeiro plano. Cómpre mellorar as relacións entre as institucións lingüísticas e académicas, e deseñar unha estratexia para a colaboración e os intercambios de todo tipo entre as universidades galegas e as dos países de fala portuguesa, poñendo en marcha ou reforzado equipos e proxectos conxuntos no ámbito da lingua (por exemplo, novas tecnoloxías).
En todo o anterior, os aspectos lingüísticos van da man dos aspectos culturais nuns casos, e académicos noutros. Como é evidente, trátase dun deseño apresurado de posibles actuacións en ámbitos de relevo, que pode servir como borrador dun guión para emprender unha reflexión previa, que debe comezar, como tarefa previa, por documentar, analizar e avaliar as accións emprendidas ata a actualidade no ámbito da política lingüística —ou, se se prefire, da lingua— cara ao exterior.
Descarrega o Informe anual Nós No Mundo 25-26 desde esta ligazón.

