Puido acabar sendo inspector de Traballo, pero milagrosamente conseguiu facer chegar a Madrid, no último día, a documentación pola que se acreditaba nas oposicións á Carreira Diplomática, grazas a mediación do xefe de correos de Santiago que era pai dun compañeiro de carreira.
Mais, afortunadamente este galego universal e universalista, "O europeo" que, dera o salto de Galicia a Europa sen pasar polos madriles, nin coñecer outro lugar de España, acabaría sendo unha ferramenta imprescindible e fundamental na proxección exterior do país, na construción dos grandes proxectos da Galicia do Século XX, ou na defensa dos valores democráticos que representaba a república.
Moitas son as súas intervencións decisivas en momentos chave na nosa historia do século pasado: Sendo unha das pezas fundamentais na redacción do Anteproxecto de Estatuto para Galicia do 31, na formulación da declaración de principios do Partido Galeguista dende o seu Consello Executivo, na articulación legal e funcional do Consello de Galiza no exilio, no Congreso da Emigración Galega do 56, da coherencia e honradez ideolóxica dende a Secretaría Xeral do Ministerio de Relacións Exteriores…
Agora, cando se cumpren cen anos do seu nacemento, agora cando as institucións do país están a recuperar a transcendencia das achegas dun esgrevio galego que viviu máis para Galicia, que en Galicia, compre reparar na vixencia e utilidade do seu pensamento, para encarar os retos inmediatos ou futuros de Galicia ou da humanidade.
En vigor están reflexións como a que expresa sobre a liberdade de prensa, coa autoridade que lle outorga o feito de ter exercido como reputado xornalista en temas internacionais, e ollar como algúns dos seus artigos morreron na bandexa dos artigos retidos polo director: " Porque a liberdade de prensa da que tanto se esbardalla, dase soamente para os donos dos xornais ou para os seus homes de confianza, pero non para os redactores. Se o dono pertence a un grupo financeiro ou a calquera grupo de presión ou político, como adoita ser o caso, xa podemos comprobar o que da de si a tan loada e reclamada liberdade de prensa".
Fresca actualidade reborda a consideración do poder financeiro como o poder mundial do futuro, que condiciona a independencia de poderes como o político ou o cultural.
Perdurable consistencia ideolóxica ten o seu pensamento, que agromou tras dunha visita a Suíza, no que expresaba a certeza de que nunha mesma estructura política poden convivir deferentes grupos nacionais, sempre que se faga do respecto total as características de cada nación a trabe fundamental da coexistencia harmónica e se creen instrumentos de autogoberno.
Pensamento contemporáneo reflectido hai 20 anos, no numero especial de A Nosa Terra, dedicado cincuentenario do golpe do 36, no que expresaba a súa convicción de que o universalismo non está en contradición co desenvolvemento das características nacionais de cada un dos pobos que integran a humanidade. "A humanidade é un organismo completo, onde cada unha das nacións é unha célula de universalidade".
Vinte anos non son nada!
Nada resesas están súas análises sobre as revolucións de independencia en América Latina que, na verdade, foron máis unha creba coa metrópole que unha conquista dos dereitos do home ou unha fonte para a superación das diferenzas sociais.
En Viveiro, baixo o tema "Lois Tobío,un galego universal" poderemos repasar outros exemplos da súa plena sintonía cos novos tempos en temas como: a decepción que expresou coa burocratizada e deshumanizada revolución soviética que estragou os soños dos ideólogos que procuraban unha sociedade libre, máis xusta e máis humana; o terrorismo, etc.
Cando máis nos mergullemos na obra de Tobío, máis estaremos convencidos que… Cen anos non son nada!