Lois Tobío ou a constante dignificación do idioma

Dos moitos Tobíos que cómpre divulgar e reivindicar constantemente, un dos máis importantes é o que dignificou unha e outra vez e de maneiras diversas, ao longo da súa ricaz, poliédrica e xenerosa traxectoria, o seu/noso idioma.

Quen lle deitou a semente do amor pola lingua no corazón foi, con certeza, seu pai, Lois Tobío Campos, mestre de espírito e pedagoxía institucionista, activo correspondente da Academia Galega, parente de Rosalía de Castro e autor de poemarios como Rosiñas da Terra (1917). Na ben abastada biblioteca paterna, o neno Tobío iniciouse precozmente na leitura e axiña debullou devotamente os versos de Rosalía e mais os de Curros através dos exemplares da "Biblioteca Gallega" de Martínez Salazar.

O Viveiro da infancia de Lois Tobío, a pesar de padecer con intensidade (como aliás todas as outras vilas do país nesa altura) un forte proceso de "señoritización" que animaba en certos sectores sociais á deserción idiomática e ao alleamento cultural, deulle así e todo a oportunidade de zugar desde o berce con intensidade a presenza da nosa lingua: a fala popular dos moradores do bairro mariñeiro da vila, a Pescadería, ou a das vendedoras de froita e queixos nas feiras; o galego requintado e ben afiado dos tendeiros e comerciantes da Praza Maior; o idioma en que se lle rezaba ao San Roque cando viña o tempo de "poñe-lo santo"; o sermo dos pícaros que corrían o Maio polas rúas estreitas e empinadas do Casco Vello, cantaban panxoliñas ou salmodiaban, inxenuamente irreverentes: "Este peido foi a Roma, trouxo cartas de Colona, quen o botou que o coma: fuches tu, foi el, foi o cocho do cortello"…

Cando se transladou coa familia a Santiago, con nove anos de idade, a súa sensibilidade non deixou de perceber a distinta feitura e melodía das falas compostelás e mais as das terras da Amaía a respecto das viveiresas e aprendeu así a amar e coñecer a lingua, tamén, na súa diversidade. A este respecto, escrebeu nas súas Décadas:

"O mundo da Mahía era un mundo labrego. Ademais atopei unha diferencia na fala. Anque os meus pais falábanme sempre en castelán e empregábano entre eles (fora a lingua do seu noivado, era a moda entre señoritos) a miña nai falaba sempre en galego coa sua e as suas irmás e o meu pai con todos os seus parentes da Mahía sen excepción. Ora o galego de Viveiro tiña un soar mais duro e seco que este delicado e doce da Mahía que facía os plurais en óns e áns en vez dos en ós e ás de Viveiro e que non tiña o z. O meu falar chocáralle, por eso, á miña tía Elena que dicía que eu falaba como os xalleiros, aqueles homes da dura terra de Xallas que baixaban á Mahía a mercar por pouco diñeiro as froitas e legumanzas que se desbotaban por cativas".

Ao promover e fundar, con outros universitarios, o "Seminario de Estudos Galegos", en 1923, Tobío contribuíu decisivamente para instaurar unha práctica rompedora da diglosia vigorante: facer e redixir ciencia, investigación humanística, numismática, artística, etnográfica, filolóxica, sociolóxica… en lingua galega. Produto deste seu compromiso pioneiro foron varios traballos lidos nas sesións do "Seminario", algúns deles publicados posteriormente nas páxinas do boletín Nós: "Algunhas moedas castelâs atopadas no Valadouro", "A eirexa de Santa María de Viveiro", etc. Pioneiras do ensaio sobre teoría e socioloxía política feito na nosa lingua son as súas "Refreisións encol do momento aiutial da Galicia" publicadas en novembro de 1931 no mesmo boletín.

Sería, por certo, Tobío, nun artigo escrito en 1970, unha das primeiras voces en salientar como méritos principalísimos do "boletín da cultura galega" que dirixiron Risco e Castelao o estar redixido enteiramente en galego, o ter contribuído de xeito decisivo para o proceso de estandarización da nosa lingua e o ter deixado sen efecto algúns dos preconceptos que sobre a súa presunta "inutilidade" ou falta de "valía" da lingua existían na Galiza de entón. Este programa de desacomplexamento, de dignificación e de melloramento da lingua foi, en definitiva, o que guiou en todo o momento a traxectoria e o labor de Tobío.

Dentro das xeiras do "Seminario de Estudos Galegos", o autor dese monumento literario que son As Décadas de T. L. colaborou ademais na confección dun Vocabulario popular galego-castelán e a finais de 1926 ditou un curso de Fonética Galega "en comparanza coa dos demais idiomas peninsuares", segundo explicaba o boletín ourensán antecitado.

Convertido en flamante profesor axudante de Dereito Administrativo na Universidade compostelá, Tobío romperá máis unha vez o molde diglósico pré-estabelecido e impartirá as primeiras aulas en idioma galego nunha institución que, contando entón máis de catrocentos anos de historia, poucas (por non dicer ningunhas) monstras de identificación coa lingua tiña dado.

Desde logo, non era nimia esta "fazaña" idiomática do viveirés, porque acto tan dignificador da nosa lingua aconteceu en plena ditadura primorriverista. Se ademais lembramos que no claustro da USC, presidido polo rector Blanco Rivero, exercían entón hexemonía persoeiros de pensamento político e idiomático reaccionario como o historiador Carmelo Viñas Mey (futuro ideólogo da Falange santiaguesa) ou o facultativo Antonio Novo Campelo, compréndese mellor a marabillosa "ousadía" de Tobío. Os irmáns Xurxo e Xaquín Lourenzo Xocas coñeceron ben o tormento que era cursar estudos con "Don Camelo Viñas", como o alcumou despectivamente Antón Villar Ponte, aturando os seus permanentes desprezos pola historiografía galega (Vicetto, Murguía…), soportando as súas constantes ridiculizacións das ideas galeguistas e vendo minusvalorizado nas cualificacións académicas o seu valer e o seu traballo pola tirria con que o catedrático os "agasallaba"…

No "Suplemento" gratuíto de Nós do Día da Patria de 1933, Tobío inserirá o pequeno ensaio "Por qué debemos falar en galego". Nel define o idioma como a máis xurdia eispresión da i-alma coleitiva de Galicia e preconiza que o labor de erguemento social da lingua constitúe a forma insustituíbel que debe leval-a nosa aportación ô progreso e â cultura do mundo enteiro. Ademais de facer un chamamento a empregar o galego á cotío, en púbrico i-en privado, Tobío defende aquí o seu valor universal por ser irmán do portugués e salienta a súa condición de idioma das clases populares do país.

Após a guerra civil, o Tobío condenado ao exilio continuou amando e cultivando a lingua. Alén de participar na AGUEA (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas), de elaborar o cuestionario e o regulamento para o "Primeiro Congreso da Emigración Galega" (1956), de co-fundar a audición radial "Sempre en Galicia" en Montevideo, de dar feitura xurídica ao "Consello de Galiza" que presidiu Castelao e de supervisar a edición dos primeiros tomos da Historia de Galiza dirixida por Otero Pedraio, Tobío preparou con Plácido Ramón Castro e Florencio Delgado Gurriarán o volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Editorial Alborada, 1949).

Do seu profundo coñecemento do alemán, adquirido cando adolescente en Compostela e definitivamente asimilado durante a súa estadía en Berlín nos anos 30, naceron as versións galegas de tres vultos da literatura en idioma xermánico: Nai Coraxe de Bertold Brecht (Ediciós do Castro, 1987), Os sonetos a Orfeo de Rilke (Ediciós do Castro, 1980) e o Fausto de Goethe (Eds. Laiovento, 1997). Cónstanos que tamén traballou Tobío na tradución para galego das Elexías de Duíno, mais ao coñecer por indicación nosa a edición da obra que Jaime Santoro de Membiela preparou e editou en 1995 na "Espiral Maior" de Fernán-Vello, decidiu gardar o seu traballo no caixón, nun enésimo acto de humildade e de "diplomacia" pola súa parte. Talvez Constanza e Miguel Tobío conserven entre os papeis do legado de seu pai esa versión das Elexías rilkeanas. Se así for, pagaría a pena que se animen a dar ao prelo esa tradución.

Desde o seu regreso á Península, a comezos da década de 60, Tobío mergullouse da man do Conde de Gondomar nos nosos "Séculos Escuros" e resgatou con paciencia e rigor algúns dos escasos textos en prosa conservados desa época, maiormente epistolares. Ao fío deses textos e da propia figura de Diego Sarmiento de Acuña deixou escritas en libros ou en artigos que apareceron maiormente na revista Grial algunhas lúcidas reflexións e intuicións sobre a dinámica glotofáxica que se verificou na nosa sociedade e sobre os mecanismos de inserimento da nobreza galega na maquinaria político-burocrática dos Austrias. Esas reflexións non foron, talvez, aínda suficientemente exploradas para a cabal comprensión do período histórico citado.

Velaquí, entre outras moitas, a responsabilidade que a todos nos compete: estudar con atención o legado de Tobío, aprofundar nas intuicións e camiños suxeridos por el, empaparse do saber que acumulou e deixou espallado en numerosos artigos e libros, practicar os valores que marcaron a súa traxectoria, asimilar e emular o máis valioso e transcendental das súas actitudes e dos seus compromisos. En definitiva, a tarefa de honrar a memoria dun persoeiro que marcou todo un estilo dentro do galeguismo e que abriu camiños e procesos dignificadores para a lingua que aínda non están, nin moito menos, esgotados nin colmados.