Non hai reformadores felices, dicía Gorbachov. Os momentos amargos que o presidente Lula está a atravesar, traen a lembranza do líder daquela perestroika, iniciada hai agora vinte anos. Coma Lula, e sempre gardando as naturais distancias, Gorbachov estaba empeñado en reformar as estruturas do seu país na perspectiva de acadar maiores cotas de xustiza social, espertando grandes esperanzas que en poucos anos remataron en grandes frustracións.
Tamén Gorbachov, coma Lula, xestionou unha axenda internacional moi ambiciosa (o que se chamou "novo pensamento" en política exterior), recibindo parabéns e premios en canto lugar pisaba, mentres, no interior, no propio país, a súa credibilidade ía decrecendo a pasos axigantados. E se Lula conserva aínda un nivel de apoio popular considerable, respecto da política exterior, non falta quen o acuse xa de ser todo retórica, sen colectar resultado beneficioso algún para os intereses reais do país, cos seus candidatos derrotados polo mundo adiante cando aspiraban a comandar algúns organismos internacionais e quedando á sombra doutros líderes rexionais que pasan a ser referencia do cambio en América Latina.
Os tempos, os contextos, as propias figuras políticas son diferentes. Resulta obvio. Diferente é tamén a evolución macroeconómica, que na perestroika empeorou de forma progresiva e deu ó traste con toda expectativa de mellora, mentres que no Brasil sorprende que a economía poida salvarse, polo momento, dunha crise de tan profundo calado como a que se está a vivir dende hai meses. E digo a macroeconomía, porque a pequena non está tan contenta.
Outra diferenza importante é o soporte político. O PCUS era un partido grande, pero estaba fosilizado, preso do dogmatismo, e caeu coma un castelo de naipes. O PT viña a ser a culminación dunha grande converxencia, rica en diversidade e pluralidade, e os seus vínculos cos movementos sociais, moitos deles plasmación dunha orixinalidade obxecto de admiración en toda a esquerda planetaria, facíanlle alargar a súa influenza de forma decisiva, ata converterse no faro doutro mundo posible, máis digno e humano. Pero agora, é coma se PCUS e PT compartiran o mesmo destino, vítimas dunha gangrena que ninguén semella capaz de cortar e motor dunha fragmentación de imprevisibles consecuencias.
Resulta difícil de crer que Lula non estaba ao tanto das corruptelas que axexaban as cimas do PT, do goberno e do Estado que preside. A magnitude e extensión dos datos que se están a revelar é tal que resultaría igual de negativo que non se apercibese de semellante problema. É obvio que a corrupción é un fenómeno presente en Brasil, como en tantos outros lugares, dende moito antes da chegada de Lula e do PT; o que sorprende é que esas prácticas contaminaran tan rápido e tan extensamente as bancadas da esquerda petista.
Por detrás da corruptela hai varias crises. A política é a primeira, pois todo o sucedido aumentará a desconfianza social nos partidos ("todos son iguais"). A ideolóxica é a segunda, na medida en que denota a pobreza e fraxilidade dos argumentos e conviccións cos que se reivindicaba unha nova ética e un novo proxecto de cambio, e a urxencia de alentar novas propostas que inspiren maior credibilidade.
Con ou sen impeachment, a campaña electoral ata 2006 vai ser longa e dura, moi dura. Lula pode nin ser candidato. Pero o impacto global do seu mandato será moi grande. O experimento de Lula e o PT era, para moitos, a referencia do cambio, moito máis que Chávez (militar, sen un movemento social acreditado que o respalde, sen creación de discurso, cunha fractura social controvertida, etc). En Lula, pola contra, había un partido, había unha traxectoria, había un proxecto. É difícil aventurar que vai quedar de todo iso. E deixa tocado tamén o Fórum, que tanto inspirou o cambio.
A última coincidencia fatal sería a máis decepcionante de todas. Para algúns, Gorbachov non era máis ca un criptocapitalista, que baixo a fraseoloxía de reforma do socialismo agochaba unha proposta de restauración capitalista en toda regra. Non falta quen diga agora que Lula viría a ser tamén unha especie de criptoneoliberal que cunha retórica de esquerda optaría por "salvar" o país cunha política económica "responsable" que recolle mil e un eloxios dos organismos financeiros internacionais. Nesa perspectiva, Lula estaría apostando xa polo ministro da Facenda, Palocci, para liderar a súa alternativa en 2006, en coherencia coa defensa dunha política económica que Lula xustificou en todo tempo, a contra corrente do reivindicado por amplos sectores sociais e moitos dos seus máis achegados colaboradores.
A cara universalmente asociada a aquel outro mundo posible, sen pobreza e con dereito á terra ou a salario mínimo garantido, capitularía, infelizmente, ante a triste evidencia de que só cabe gobernar para beneficio de bancos e grandes corporacións. Quen o diría.
A Lula aínda lle quedan restos importantes de apoio popular, pero o desgaste só pode revertelo mudando de idea para recuperar o ideal que o levou ó Planalto.