Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario o 10 de outubro do 2024
Localización de Macau dentro da China. Fonte: Wikipedia

Macau, entre vellos e novos rumbos

O que fora xuiz de máximo rango na rexión autónoma chinesa de Macau, Sam Hou Fai, será o novo xefe do Executivo local trala celebración das eleccións o próximo 13 de outubro.
Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Palabras chave China Lusofonía

O actual líder da antiga colonia portuguesa, Ho Iat Seng, decidiu non presentarse a un segundo mandato por problemas de saúde, converténdose así no primeiro xefe do Executivo de Macau en non buscar a reelección tras cinco anos de exercicio. O seu relevo, Sam, de 62 anos, presidiu o Tribunal de Última Instancia de Macau desde o final da época colonial portuguesa e o regreso a China (decembro de 1999). Nado e criado na provincia chinesa de Cantón, é residente en Macau desde 1986.

En Macau, o xefe do Executivo non é elixido directamente polos cidadáns senón por un comité de 400 electores. Segundo a Lei Básica, a mini-constitución local, debe ser un cidadán chinés maior de 40 anos, que resida sen interrupcións en Macau durante polo menos 20 anos.

Sam é o único candidato. Só dous houbo nas eleccións de 1999, as primeiras que se celebraron meses antes de que se formalizase a volta a China. Daquela, Stanley Au perdeu contra Edmund Ho. Dende entón, sempre houbo un único candidato, e sempre pertenceu á alianza política pro-Beijing. Desta vez, o empresario local, Jorge Chiang, tentou competir, pero non sumou o aval mínimo de 66 compromisarios. Sam, pola contra, sumou 386. Dato novidoso é que, por primeira vez, vai resultar gañador un funcionario público. Predecesores como Edmund Ho, Chui Sai On ou o propio Ho pertencían á comunidade empresarial.

O visto e prace do goberno central foi outorgado polo ministro Shi Taifeng, quen visitou Macau en agosto. E tamén pola Comisión de Seguridade que verificou as credenciais do candidato. Outra novidade esta, pois tamén foi a primeira vez que a tal comisión exerceu os poderes para aprobar ou vetar candidatos. É así dende a reforma electoral de 2021, que asegura poder afastar eventuais candidatos considerados “non patriotas”. Hong Kong, dixit ….

Xogar menos

Macau é o único lugar da China onde o xogo é legal, o que lle valeu o sobrenome de ‘As Vegas de Asia’. Sucesivos gobernos locais pretenderon reducir a dependencia extrema dese sector, que chegou a representar case dous terzos do seu PIB.

Durante o mandato de Ho, os esforzos para promover outros eidos como o financeiro ou os eventos turísticos tiveron un efecto reducindo o peso dos casinos sobre o PIB por debaixo do 40%. Non obstante, aínda seguen a ser unha fonte de ingresos moi importante para as finanzas públicas. Por iso, as autoridades chinesas insisten en diversificar as opcións e converter Macau nun polo de atracción para o turismo de luxo, congresos e grandes eventos, dirixidos sobre todo aos países lusófonos. Pero o seu presente segue sendo a ruleta e as máquinas recreativas.

En 2022, ao renovar as licenzas dos seis operadores de casinos da cidade, o goberno local puxo como condición que investisen un equivalente combinado de preto de 12.500 millóns de dólares en infraestruturas e outros proxectos non relacionados co xogo ao longo do ano da próxima década. Cando Shi Taifeng visitou Macau, apuntou ao proxecto de construción da área da Gran Baía e da Zona de Cooperación entre Macau e Cantón na Illa de Montaña como proxecto estratéxico vital para esa reorientación.

“Un país, dous sistemas”

Estando para cumprirse os 25 anos da recuperación de Macau (700 mil habitantes), ten importancia para o goberno central como exemplo da política de “un país dous sistemas. Nunca se viu afectado polas tensións políticas que caracterizaron o pasado recente da antiga colonia británica na beira contraria do delta do río Perla.

A aposta por Sam Hou Fai dá a entender unha aposta adicional por encarar a corrupción con máis vontade. Pero hai quen alerta xa de que unha gobernanza a golpe de mazo xudicial pode ser contraproducente…

Macau sempre tivo un enorme valor simbólico para Portugal. Exiliado da patria, foi aquí onde Luíz de Camões escribiu a súa obra mestra, Os Lusiadas, e durante os 60 anos de rexencia española no país veciño (1580-1640) a bandeira portuguesa nunca deixou de izarse en Macau. De aí que nos símbolos inscritos na bandeira local, xunto ás armas da cidade, apareza a frase “Cidade do Nome de Deus de Macau, Nao Há Outra Mais Leal”. Tamén moi preto de Macau naceu Sun Yat-sen, quen en 1911 fundaría a República de China, unha vez derrocada a última dinastía imperial.

Xulio Ríos é presidente de honra do IGADI, www.igadi.gal