Macedonia: Colleita testemuñal

Non é de estrañar o escepticismo das autoridades macedonias a respecto da operación "Colleita esencial", posta en marcha pola OTAN para desarmar aos guerrilleiros albaneses. Non se trata soamente dunha cuestión de cantidade, a todas luces pírrica (¡3.300 armas!), senón do talante que revela e a obstinada ineficacia da maior forza militar do mundo.

Dende 1993, Macedonia, visiblemente prooccidental na rexión balcánica, serviu de base de operacións para o desenvolvemento da intervención occidental na zona. Aquí se estableceron os primeiros continxentes de cascos azuis, de observadores da OSCE e das propias forzas da KFOR. Esa presencia internacional, hipotéticamente garantista, especie de amuleto protector contra os expansionismos veciños (Albania, Serbia, ou Bulgaria) non serviu de nada cando o fráxil equilibrio demográfico do país viuse alterado substancialmente debido, en boa medida, á acción militar da propia OTAN contra Iugoslavia. O agravamento das tensións actuais ten a súa orixe nos efectos dos bombardeos da OTAN de 1999. Un mal pago a Skopjie.

O éxodo provocado durante a guerra por Cosova convertiu nunha cifra obsoleta aquel 24 por cento de poboación albanesa do censo de 1994. Algunhas fontes falan xa dunha terceira parte de albaneses e fontes de ACNUR advirten sobre a maior presencia de matricula albanesa nos centros escolares. Ubicados estratéxicamente ao oeste, desde Skopjie a Orie, na rexión de Podog, a súa permeabilidade fronteiriza, prácticamente total con Albania e Cosova, facilita o desenvolvemento das accións armadas.

É verdade que as demandas da poboación albanesa son, por regla xeral, razoables, e que chocan cun nacionalismo macedonio obsesionado co perigo de desbordamento albanés, pero boa parte das causas da actual guerra reside en factores alleos. En primeiro lugar, na derrota da UÇK nas eleccións municipais de outubro pasado en Cosova, fronte á Liga de I. Rugova. O medo a verse apartados do centro do escenario político alentou unha nova estratexia baseada no enquistamento das súas reivindicacións máis extremistas e a extensión do conflicto ao Norte de Macedonia. Esta é unha guerra exportada.

A maiores, a indefinición persistente respecto ao futuro de Cosova e a ambigüedade da comunidade internacional, fomentan igualmente as expectativas dos grupos máis extremistas. A crise na Federación yugoslava, coas tensións entre Kostunica e Djindjic dunha banda, e de Serbia e Montenegro, por outra, poden derivar na quebra absoluta da Federación. Esa ruptura, de darse, podería radicalizar as esixencias albanesas: se Serbia e Montenegro non son quen de conviviren nun mesmo estado ¡como poderán facelo albaneses e serbios!…

A hipótese dunha solución rápida ao conflicto de Macedonia non parece ter moito fundamento. Moitas das claves do seu futuro dependen da evolución do entorno e da clarificación dos propios actores externos, entre eles a OTAN. É difícil de crer, e os feitos asi parecen corroboralo, que os amigos e aliados de onte en Cosova, a UÇK, poidan convertirse da noite para a mañá nos inimigos en Macedonia. Mentres, o crean ou non, aquí teñen os seus novos talibáns.