Os grandes beneficiados tras os acontecementos do 11-S son, sen lugar a dúbidas, os fabricantes de armas e os políticos "militaristas". Non é necesario aclarar que nos dous casos referímonos aos norteamericanos. O presidente Bush envía un proxecto de orzamentos que medra nun 12%, no apartado de Defensa, en nun 111% no de Seguridade Interior. Orzamentos de guerra, para un longo combate contra o terrorismo e o "eixe do mal" (Irán, Iraq e Corea do Norte). En datos absolutos os gastos do Pentágono ascenderán a 379.000 millóns de dólares (440.000 millóns de euros), esto é 48.000 millóns de dólares máis que o pasado exercicio.
Bush fixo coincidir a entrega do proxecto orzamentario no Congreso cun discurso nunha base militar. Ao tempo o xefe da Oficina Orzamentaria da Casa Branca indicaba que as partidas de Defensa e Seguridade Interior eran innegociables. Os "demócratas" apresuráronse a indicar que o incremento orzamentario suporía unha diminución das axudas sociais e afectaría ás reservas da Seguridade Social, aínda que en ningún momento criticaron o aumento dos gastos de Defensa e Seguridade Interior, aspecto no que non están dispostos a enfrontarse co presidente. Este retrucoulles que a situación é extraordinaria e polo tanta xustifica a ruptura do compromiso electoral de non meter man na caixa da Seguridade Social. Outro aspecto sorprendente do proxecto é a asunción dun déficit de 106.000 millóns de dólares, que situaría a débeda en 3,6 billóns no 2004, ao tempo que se reducen os impostos en 591.000 millóns en dez anos.
Os gastos de Defensa suporán o 3,1% do PIB con aumentos substanciais en todas as partidas. Algúns datos útiles para establecer comparacións: a media dos países da UE está no 1,4% do PIB; entre os grandes, Alemaña dedícalle á defensa o 1,1% e o Reino Unido o 2,4; Rusia inviste o 3,6%. En termos absolutos os EE UU multiplican por 10 a inversión militar de Rusia e China xuntos.
O historiador británico Paul Kennedy no seu estudio sobre o auxe e a caída das grandes potencias lembra que o poder dos EE UU non ten precedentes na historia e aporta a seguinte reflexión: con só 4% da poboación mundial produce o 30% dos bens, cun gasto militar que supera un tercio do mundial; mentres, a enorme China produce o 3% dos bens mundiais.
Compre retrotraerse aos tempos do Reagan para topar un incremento do gasto semellante. Daquela as espectaculares inversións militares serviron para que a URSS se decatase de que xa non podía competir cos EE UU na carreira de armamentos. A guerra fría remataba co triunfo norteamericano. Agora trátase de asegurar o predominio militar e con el o político e económico. Aos demais só lles queda manifestar a "intranquilidade", como fixeron algúns dirixentes europeos, ante a nova carreira de armamentos emprendida polos EE UU contra si mesmo.
Vehículos aéreos non tripulados ou avións espías; municións de precisión, tamén chamadas bombas, seica, intelixentes; defensa antimísiles; novos avións de combate F-22 Raptor; novos avións de transporte C-17, novas fortalezas flotantes como o potaavións Ronald Reagan; etc⦠Ese será o destino do orzamento militar máis grande da historia.