Máis presidentes dos pobres

Algo está mudando certamente en América Latina. Despois de Venezuela (1998) e Brasil (en 2002), agora foi o turno de Ecuador, quen elixiu a un "presidente dos pobres", Lucio Gutiérrez, antigo coronel, de 45 anos, enxeñeiro civil diplomado pola Escola Politécnica do Exército, quen se suma, por segunda vez en América Latina, á lista de exgolpistas que acceden á xefatura do Estado a través da vía democrática. A victoria de Lucio Gutiérrez Borbua, cun 54,52% dos voto nas eleccións presidencias de Ecuador certifican o éxito da alianza política (Sociedad Patriotica-Pachakutik) establecida hai dous anos, con motivo do golpe contra Mahuad, entre militares e indíxenas. A explicación da confluencia entre o indíxena, o social e o militar ten que ver, segundo Edie Sánchez "director da campaña electoral de Gutiérrez- co sector progresista nacido nas Forzas Armadas nos anos setenta cando, auspiciado polos Estados Unidos, o Exército tomou maior contacto coa poboación para evitar a penetración de movementos subversivos. A estratexia tivo, pola contra, o efecto de desenvolver unha maior conciencia social entre os uniformados.

Ninguén imaxinara o seu trunfo na primeira volta. Despois de eliminar a nove dos seus rivais, entre os que se atopaban o antigo vicepresidente socialista León Roldos (15,33%) e o antigo presidente social-demócrata Rodrigo Borja (14,05%), na segunda volta conseguiu vencer a Álvaro Noboa, o poderoso rei da banana, quen obtivo un 45,5%.

O que Lucio Gutiérrez non acadou pola vía insurreccional, o conseguiu agora pola democrática: a representación da poboación indíxena, marxinada cultural e economicamente polas elites político-institucionais brancas. Pachakutik, fronte electoral da poderosa CONAIE (Confederación de Nacionalidades Indíxenas do Ecuador), goberna en 27 municipios de 17 provincias e en cinco prefecturas e aporta 11 deputados ós 6 acadados por Sociedade Patriótica, o que coloca a alianza gobernamental como a segunda forza do Congreso.

A saída adiante da fonda reforma política e estatal anunciada por Gutiérrez será complicada, xa que o novo presidente terá que negociar cun atomizado Congreso no que, contrastando vivamente co sucedido nas presidencias, o Partido Social Cristiano (PSC), o PRE e ID, os partidos dominantes tradicionais, acadaron as bancadas máis nutridas. Tampouco o terá mellor no ámbito socioeconómico, lidando cunha realidade económica e unha impaciencia social que poden trabar a volta ao crecemento, iniciada en 2001 (5,6%). A afirmación de que a área económica do novo Goberno estará reservada a empresarios e banqueiros "honestos", e a área social, aos movementos sociais, non sentou nada ben no movemento indíxena. "Non compartimos o criterio tradicional de que a economía vaia por unha banda e o social por outra. A nosa intención é que se dean a man", replicou Nina Pacari, deputada de Pachakutik. Para tranquilizar aos socios do MUPP-NP (Movimiento Unidad Plurinacional Pachakutik- Nuevo País) a raíz da súa viraxe cara o centro coa intención de pechar un goberno de converxencia nacional con forte presencia empresarial, Gutiérrez asegura que non aplicará un paquetazo, é dicir, novas medidas de axuste traumáticas da economía, porque, efectivamente, "os ecuatorianos non resisten máis".

Durante a campaña, Gutiérrez viaxou a Estados Unidos para entrevistarse con empresarios, banqueiros e representantes do FMI (o país vive pendente dun novo creto de 240 millóns de dólares), aos que tranquilizou coa promesa de manter a dolarización e coidar a austeridade fiscal, algo difícil de conciliar coa intención de reducir a pobreza, priorizando o investimento en educación e saúde.