Nos Balcáns todo se move. Os lideres europeos trasládanse a Zagreb e prometen cuantiosas axudas. Kostunica, non sen habilidade, contenta a uns e outros. Milosevic, consolidase como líder da oposición ao fronte do PSS. Diukanovic, insiste no referendo. Rugova, reclama a independencia. As armas volven a soar no sur de Serbia. Expansionistas croatas e serbios congratúlanse dos seus éxitos electorais. Todos toman posicións ante os procesos electorais que nos próximos meses van decidir o futuro mapa político.
Slobodan Milosevic foi reelixido, o pasado sábado, presidente do PSS co 85% dos votos e confirmase como líder da oposición. No discurso congresual acusou a Kostunica de golpista, cualificou ao Tribunal Penal para os crimes na antiga Iugoslavia de nova Gestapo, aos perseguidos por este de heroes nacionais e aos que abandonaron o partido de traidores. Milosevic semella que aínda ten moito que dicir en Serbia, cando menos ata o 23 de decembro. Romano Prodi apresurouse a confirmar que as axudas prometidas en Zagreb non teñen relación coa detención ou non de Milosevic.
Claro que o de Milosevic non é o único crebacabezas de Kostunica. Nesta semana as mortes regresaron ao sur de Serbia e a Mitrovica, mesmo sen saber moi ben quen eran os autores. Para uns, son obra dos frustrados, tras a derrota electoral nas municipais, exmembros da UÇK, para outros, axentes do expresidente. Os problemas de Belgrado acumúlanse no sur. Montenegro insiste en celebrar o referendo, falase da primavera, para decidir o futuro xurídico desta república; no cal, o actual presidente, Diukanovic, optaría pola independencia. Ao tempo Rugova insiste en lograr a mesma para o Kosovo. As dúas independencias difíciles de asumir para os expansionistas serbios. Se a de Montenegro é factible, dende unha perspectiva xurídica, non está nada claro que non provoque reaccións incendiarias en Serbia e mesmo entre os sectores montenegrinos favorables a manter os lazos políticos con Belgrado. Pola contra a independencia kosovar sería tomada como unha afronta por Belgrado. En Serbia son moitos, ademais de Milosevic, os que anuncian que despois viría a da Voivodina.
Mentres Eslovenia ten a porta da UE entre aberta (é un dos 12 estados que están a negociar a integración), o goberno croata eliminou esta semana non poucos atrancos (xa comezou as negociacións) recibindo aos lideres europeos e acollendo ao presidente iugoslavo sen grandes disturbios. Zagreb mira cara occidente e dálle as costas aos hercegovinos a pesares do seu recente éxito electoral. Toda a área (Croacia, Iugoslavia, Bosnia-Hercegovina, Macedonia e Albania) aprestase a recibir axudas a cambio de eliminar aranceis aos productos occidentais. Ao fin e ao cabo do que se trata é de crear novos mercados.
Todos estes movementos teñen como obxectivo as eleccións do vindeiro 23 de decembro. Nas mesmas Kostunica terá que fiar fino. Conta co apoio, a pesares de certos receos, da UE mais ten asegurado o boicot de Montenegro e dos albano-kosovares, mesmo das autoridades da administración internacional (Kouchner). As hipotéticas convocatorias, de referendo en Montenegro e eleccións xerais no Kosovo, dependen do que suceda o día anterior a noiteboa.