20080508 manar tv hassan nasrallah

Martirio libanés

 Hassan Nasralá; clic para aumentar
Hizbulah acelera un pulso insurxente contra o goberno de Siniora coa finalidade de impoñerse definitivamente no concerto político libanés. Pero este pulso tamén pode estar dirixido a persuadir a Siria e Irán, os seus aliados tradicionais, na súa pretensión de controlar os asuntos libaneses. (Foto: O líder de Hizbulah, Hassan Nasralá, nunha aparición televisiva na cadena Al-Manar TV, o xoves 8 de maio de 2008).
 

Como escenario de guerra aberta cualifícanse os enfrontamentos entre milicias do movemento xiíta Hizbulah e as forzas armadas leais ao fráxil goberno de unidade nacional de Fuad Siniora. O detonante destes enfrontamentos, que superan a decena de mortos, estriba na cancelación gobernamental das redes de comunicación do Hizbulah.

Amparados no incendiario discurso do seu líder Hassan Nasralá, as milicias do Hizbulah tomaron o aeroporto e a maioría dos barrios de Beirut, nun claro desafío á autoridade dun goberno que considera "ilexítimo". Na peor crise tralo final da guerra civil en 1990, as imaxes de combates en diversas rúas de Beirut retrotraen os tráxicos momentos da confrontación vividos na década dos oitenta.

O caos en que está sumíndose Líbano era un escenario anticipado desde comezos de 2008. Sen reunións parlamentarias formais desde 2006, cando o Hizbulah retirouse do Parlamento por considerar ilexítimo o goberno de Siniora, e practicamente sen goberno desde marzo pasado, poucas perspectivas de estabilidade podían esperarse das faccións e dos líderes libaneses.

A política libanesa segue a estar determinada polas actuacións de ex señores da guerra como Walid Jumblat, Samir Geagea, Amin Gemayel e Michel Aoun, cunhas perspectivas que semellan ancoradas nas débedas pendentes trala finalización da guerra civil. Só Saad Hariri, fillo do asasinado ex primeiro ministro Rafik Hariri (suceso que en 2005 adiantou a crise actual) e líder do sector sunnita, semella converterse nunha nova figura política, marcadamente contrario ao ascenso de Hizbulah e a presunta tutela de Siria nos asuntos libaneses, dentro dun extremadamente atomizado escenario político, que reforza as perspectivas de inestabilidade e desgoberno.

Un elemento característico da imposibilidade oficial por manter o control está na división sectaria do Exército e a súa incapacidade para repeler ás milicias combatentes. A ausencia dun consenso de lexitimidade política para formar un novo goberno e o tradicional e intransixente sectarismo relixioso, étnico e tribal libanés está tamén determinado polos intereses de diversos actores externos, principalmente EEUU, Francia, Israel, Siria e Irán.

Hizbulah acelera un pulso insurxente contra o goberno de Siniora coa finalidade de impoñerse definitivamente no concerto político libanés. Tacitamente apoiados por diversos líderes do sector cristián maronita, as milicias xiítas do Hizbulah recean dos fráxiles acordos políticos pactados entre os sunnitas e os drusos para manter a Siniora no poder.

Pero o pulso de Hizbulah tamén pode estar dirixido a persuadir a Siria e Irán, os seus aliados tradicionais, na súa pretensión por controlar os asuntos libaneses. Fortalecido tralo seu triunfo militar contra o Exército israelí na breve guerra de agosto de 2006, o Hizbulah considera oportuno o momento para actuar en Beirut e consolidar politicamente a súa indubidable fortaleza militar, aínda que este obxectivo deba alcanzarse mediante unha confrontación armada.

EEUU e Francia seguen a manter unha incomprensible política de apoio a Siniora, respaldo no que tamén se inclúe Israel. Pero a crise política en Tel Aviv, co primeiro ministro Ehud Olmert acusado de corrupción, e a perda de prestixio do sector militar trala súa derrota ante Hizbulah, persuaden ao goberno israelí para non influír tan directamente nos asuntos libaneses.

Sen consenso político e coas milicias de Hizbulah impoñéndose nas rúas, todas as cartas semellan sinalar a inevitable confrontación armada como aparente modo de resolución da crise libanesa. Como tantas veces na súa atribulada historia contemporánea, Líbano estase a converter no microcosmos dos conflitos e da puxa xeopolítica de Oriente Medio.