Paradoxalmente, a ofensiva prodúcese cando no interior de Hamas afirmábanse voces (tan significativas como a de Khaled Meshaal (na foto), xefe do Buró Político, desde Damasco) partidarias de aceptar un Estado palestino dentro das fronteiras de 1967, amosando signos de moderación que semellan non ser do agrado de Israel, sempre máis proclive ao uso desa forza exhibidora de dominio.

Medias tintas

A xustificación da guerra contra Hamas en Gaza asenta nunha falsidade. Tel Aviv acusa aos palestinos de por fin á tregua o pasado 19 de decembro cando, en realidade, foi o estado hebreo quen a interrompeu de xeito unilateral o 4 de novembro cunha intrusión armada que custou a vida a varios militantes de Hamas. Calquera pode comprobar esa información nas hemerotecas. Dende que Israel retirouse de Gaza en 2005, levan morto máis de dous milleiros de palestinos fronte a menos dunha vintena de israelís. Os intentos de facer pasar a Hamás como responsable exclusivo e primeiro da actual guerra asentan nunha mentira que incomprensible e interesadamente se aprestan a secundar os mediadores externos, principalmente, da nosa UE, á busca de razóns para as súas medias tintas de sempre. Ignorando de forma deliberada ese dato, alguén pode crer na sinceridade da súa mediación?

A guerra de Gaza foi provocada por Israel, diríase mesmo que de forma totalmente premeditada. Sabido isto, cabe imaxinar que a estratexia hebrea vai moito máis alá da destrución e extirpación de Hamás, movemento auspiciado no seu día, non o esquezamos, por Tel Aviv para debilitar a Al Fatah. Hamas son os seus talibáns. Mesmo máis alá tamén dos intereses electorais internos, unha clave non por desprezable menos valiosa. Paradoxalmente, a ofensiva prodúcese cando no interior de Hamas afirmábanse voces (tan significativas como a de Khaled Meshaal, xefe do Buró Político, desde Damasco) partidarias de aceptar un Estado palestino dentro das fronteiras de 1967, amosando signos de moderación que semellan non ser do agrado de Israel, sempre máis proclive ao uso desa forza exhibidora de dominio e insegura cando se trata de flexibilizar escenarios que garantan equilibrios e proporcionen seguridades aos diversos actores en conflito. A paz sempre foi máis complexa ca guerra.

Cos seus ataques sobre os palestinos de Gaza, Israel logra rebentar totalmente o moribundo proceso de paz. A nova Administración estadounidense deberá partir de cero e cunha mensaxe sobre a mesa: a Israel soamente interésalle unha paz que afirme a súa superioridade.