De visita en Galicia, o activista mexicano de dereitos humanos Daniel Luna Alcántara, da Fronte Nacional pola Loita ao Socialismo (FNSL) denunciaba o constante acoso das autoridades mexicanas cara os sectores críticos contra a militarización establecida pola estratexia antinarcóticos do presidente Felipe Calderón.
Ante o rebrote da represión e das violacións dos dereitos humanos en México, estas denuncias sinalan unha política de “criminalización oficial” dos movementos sociais, baixo acusacións de promover a loita armada. O pasado 8 de marzo, México foi examinado ante o Comité de Dereitos Humanos da ONU pola súa xestión nesta materia, no marco dunha delicada conxuntura que está provocando unha vaga de denuncias a nivel internacional por parte de diversas ONGs e movementos sociais.
Estas denuncias de represión dos dereitos humanos en México contradín abertamente o claro respaldo político e mediático a nivel nacional e internacional, da estratexia antinarcóticos de Calderón. Diversas ONGs e movementos cívicos informan que, segundo estatísticas oficiais, unhas 17.000 persoas morreron nese país desde que en 2007, o presidente Calderón comezara a militarizar a loita antinarcóticos.
Moitos deses mortos foron activistas sociais, sindicalistas, xornalistas e líderes indíxenas e campesiños, nunha estratexia con aparente impunidade oficial que se afonda máis represiva e alarmante nos estados do centro e norte mexicanos, como Baixa California, Chihuahua ou Sinaloa. A nivel nacional, diversos activistas asasinados ou desaparecidos pertencen a movementos sociais opostos, por exemplo, aos procesos de penetración das multinacionais foráneas para explotar os recursos mineiros, por exemplo, no estado de Chiapas.
Igualmente, a aberta penetración dos carteis da droga en todos os niveis de poder público e institucional, da a entender outra visión da loita antinarcóticos, non exactamente dirimida nunha confrontación entre o Estado mexicano e os carteis do narcotráfico. Segundo denuncian diversas ONGs, a corrupción e implicación dos tentáculos destes carteis nas estruturas políticas e administrativas mexicanas salienta, practicamente, unha especie de “guerra total” dos carteis por controlar os resortes do poder estatal.
Nestas circunstancias, México acude ao exame da ONU nunha conxuntura absolutamente delicada e alarmante en materia de dereitos humanos. No aspecto político, e de cara aos comicios presidenciais de 2012, onde as perspectivas anuncian un retorno do PRI ao poder, existen escasas expectativas entre os movementos sociais sobre a atención ás súas demandas de maior respecto aos dereitos humanos.