Míster Pesc

Sete anos pasaron dende que en Maastricht se formularon os primeiros bosquexos para que a Europa política e institucional acreditase unha política exterior e de seguridade común do mesmo xeito que viña acontecendo noutros planos, fundamentalmente no económico. Nun momento de profunda viraxe internacional, de inflexión histórica, Europa, como tal, era unha voz inexistente. Con menos poboación, inferior territorio e PNB, e mesmo menor participación no comercio mundial, Estados Unidos ocupaba todos os vacios pasando a comportarse como potencia hexemónica en exclusiva, non soamente pola súa clara superioridade militar senón igualmente pola inexistencia dunha posición diferenciada e influínte doutros espacios xeopolíticos. Europa sempre liderou ambiciosos programas de axuda ós países do leste europeo, a Rusia, a Bosnia, e agora tamén a Kosovo, sen capitalizar políticamente ningunha desas actuacións que semellaban patrocinadas por outros actores internacionais. En Amsterdam (1997) a iniciativa europea recibiu outro impulso, se ben quedou novamente moi por debaixo das expectativas e necesidades. Agora, en Colonia, baixo a presidencia alemana, avánzase un pouco máis e ábrense, por fin, interrogantes teóricas pero sobre todo prácticas.

¿Rematará a ausencia de Europa no mundo? ¿Serán capaces os estados europeos de renunciar ós seus intereses para actuar cunha soa voz no concerto internacional? ¿É conciliable ese intento de conformar unha política exterior propia coa inocultable vocación de renacionalización dalgunhas políticas amosada por certos estados? Non se van producir saltos espectaculares. Respectando a tradición do proceso de construcción europea, cada paso será lento, custoso e probablemente enrevesado, características todas elas difíciles de conciliar nun contexto internacional marcado pola vertixinosidade. Pero a Europa urxelle gañar peso político no mundo.

A nova etapa que se abre aventura cambios seguros no aspecto formal. Ata agora a representación exterior da Unión correspondía ó país en exercicio da presidencia semestral a través da figura do Alto Representante, materializada no Secretario Xeral do Consello, complementada coa designación de representantes especiais cun mandato concreto (Bosnia, Oriente Medio, etc). Falta por definir e detallar a ubicación de "míster PESC"na engranaxe político-burocratica da Unión e, sobre todo, perfilar uns mecanismos de decisión que se antollan excesivamente lentos para responder ás esixencias dunha sociedade internacional extremadamente dinámica.

O segundo aspecto a destacar é a necesidade de plasmar unha vontade política o suficientemente atrevida como para diferenciar e matizar un posicionamento europeo con identidade propia no marco global. Precisase un discurso autónomo e non unha voz de coro. Europa debe evitar a dispersión de esforzos, pero sobre todo para perfilar unha dimensión de seguridade e representación rica en soberanía.