Mitos que van avellentando

Esa idea tan socorrida da chinización para cualificar os efectos da crise na masa laboral deberiamos ila matizando. Ou asumir realmente que as dinámicas de perda de dereitos que acontecen en Occidente coas políticas de recortes indiscriminados contrastan coas que imperan en Oriente, e que van xustamente, pese a persistencia de sombras, no sentido inverso, salvando as distancias de niveis de desenvolvemento.

Apartados xeográficos China e o mundo chinês
Idiomas Galego

Esa idea tan socorrida da chinización para cualificar os efectos da crise na masa laboral deberiamos ila matizando. Ou asumir realmente que as dinámicas de perda de dereitos que acontecen en Occidente coas políticas de recortes indiscriminados contrastan coas que imperan en Oriente, e que van xustamente, pese a persistencia de sombras, no sentido inverso, salvando as distancias de niveis de desenvolvemento.

Na última década, por exemplo, a remuneración nominal media na China multiplicouse por tres. O salario medio anual no sector privado chinés (no medio urbano) acadou 28.752 iuáns (arredor de 3.500 euros) en 2012, con un aumento do 17,2% en relación a 2011 e do 35,5% en relación a 2010, segundo fontes oficiais. O plan quinquenal en vigor fixa un obxectivo de progresión do salario mínimo do 13% anual como media. Segundo a OIT, os salarios na China máis que triplicaron entre 2000 e 2010. Nas zonas urbanas aumentaron anualmente a un ritmo de dúas cifras. O salario mínimo aplicado en China era, en 2010, 6,5 veces maior que na India, 4,2 veces maior que no Vietnam e 2 maior que en Tailandia.

Neste exponencial aumento dos salarios en China influíron, en primeiro lugar, as folgas desatadas nos últimos anos, en especial nas grandes multinacionais estranxeiras implantadas no país que permitiron aumentos salariais da orde do 30%. Entre os “incidentes de masas”, 8.700 en 1993 e 180.000 en 2010, foron gañando peso os conflitos laborais. Tamén hai razóns demográficas que o explican, tendo en conta o decrecemento da man de obra, circunstancia que explica igualmente os recentes cambios anunciados nas políticas de control de natalidade. Na última década, China perdeu unha forza laboral equivalente a uns 30 millóns de persoas, uns 2,5 millóns só no último ano.

Os beneficiados deste novo impulso de signo social inclúe tamén a poboación inmigrante, eses 300 millóns de campesiños que contribúen nas cidades ao desenvolvemento económico de China. Unha lei de 2011 obriga a incluílos no mesmo réxime de protección social que os demais asalariados, o que eleva os custes salariais arredor do 40%. Pese a todo, as diferenzas con Occidente aínda son grandes. En 2010, o salario mensual medio ascendía a uns 3.300 dólares en EUA, mentres na China era de 250 dólares no sector privado e 440 no público. Pero as tendencias son evidentes e non teñen marcha atrás.

Estas alzas son inseparables da proposta de substitución dun modelo de desenvolvemento baseado nas exportacións a outro baseado nunha demanda interior que deben protagonizar eses 600 millóns de persoas que en 2020 constituirán o asombroso fragmento de ingresos medios.