20070403 la habana moratinos e perez roque

Moratinos na Habana

 Miguel Ángel Moratinos e Felipe Pérez Roque, clic para aumentar
A viaxe do ministro Moratinos a La Habana marca un punto de inflexión nas relacións con Cuba. Carecía totalmente de sentido a falta de diálogo oficial entre ambos países e o actual pode ser un momento propicio para abordar integralmente as relacións bilaterais. (Foto: Miguel Ángel Moratinos (esquerda) e Felipe Pérez Roque (dereita) nunha rúa de La Habana o 3 de abril de 2007).
 

A viaxe do ministro Moratinos a La Habana marca un punto de inflexión nas relacións con Cuba. Carecía totalmente de sentido a falta de diálogo oficial entre ambos países e o actual pode ser un momento propicio para abordar integralmente as relacións bilaterais.

Despois da visita a Madrid de Pérez Roque o pasado 17 de marzo, cabía a esperanza dunha reactivación que superase a crise de 2003. As sancións impostas daquela pola UE, marcadas pola suspensión total dos contactos diplomáticos, presenta un balance que non convence a ninguén. E nun momento como o actual, cando en Cuba todo semella disposto para encarar a transición post-Fidel, urxe o establecemento de pontes que permitan tomar o pulso á realidade cubana. O illamento prexudicaba, en primeiro lugar, ás propias empresas españolas con investimentos na illa, amplamente afectadas polas sancións europeas. España, por propio interese, non pode renunciar a un papel de primeira orde no novo tempo que se aveciña en Cuba.

A mobilización de Moratinos, por outra banda, tamén está mudando as percepcións no seo da UE, que a pesar das reservas dos países do Leste, vaise sumando á retoma do diálogo e á aposta pola normalización dos intercambios.

A situación en Cuba, con Fidel retirado da escena política, caracterizase pola normalidade, pero as cousas estanse movendo. Despois da campaña contra a corrupción, tantas veces inevitable para satisfacer, por vías irregulares, as necesidades básicas, agora chegou o tempo da disciplina laboral, a fin de garantir a elevación da produtividade. O "período especial" xerou un enorme cúmulo de violacións da xornada e dos horarios de traballo que se intentan corrixir, pero non será doado sen que se solucionen os problemas relacionados co transporte, a alimentación ou a simple iluminación dos centros de traballo. Son esas carencias xerais as que levan aos cubanos a ausentarse do seu posto, afectando ao cumprimento dos obxectivos de produción. É a supervivencia, da que tanto saben. Pero non todo depende deles.

O maior problema do réxime cubano, hoxe e sempre, non é a disidencia nin o descontento interno, nin sequera as relacións coa UE ou a eliminación do bloqueo estadounidense, senón lograr a eficiencia do sistema económico. O crecemento dos últimos anos, en boa medida xerado polas remesas do exterior (de cooperantes e exiliados) e do turismo, non se traduciu aínda en apreciables cotas de benestar para a maioría da poboación. O salario carece de valor real en Cuba e esa percepción dificilmente pode alentar mudanzas substanciais. Esta campaña é un mal parche que non dará resultado se non se activan incentivos materiais que hoxe son aínda un tabú na economía política cubana.

Incidir nos cambios económicos, con capacidade creativa e sen renunciar a tantos valores aceptables como defende a revolución cubana, é unha ecuación complexa cando, ao tempo, urxe gañar tamén espazos de liberdade. Se a diplomacia española opta por promover terapias, como no pasado, á marxe do contexto político, pouca innovación cabe agardar. A aposta por reforzar a cooperación conforma un mecanismo de gran valor que, aliviando tensións sociais, pode contribuír a encarar racionalmente o futuro sistémico da illa no que todos, por outra banda, coinciden na necesidade de introducir cambios. Pero se os dirixentes cubanos seguen empeñados en negar os desexos "e a necesidade" de mudanzas, esta oportunidade tamén pode estragarse. Máis ca nunca, o realismo é revolucionario.