Movendo fichas na Cimeira da Habana

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego

A IX Cimeira Iberoamericana tiña coma controvertido tema central "Iberoamérica e a situación financeira nunha economía globalizada" , pero os ollos enfocan o seu interese cara os xestos dos convidados nos tempos mortos da apertada axenda.

A dura partida da rendabilidade política da Cimeira xogouse nos prologómenos. Fidel Castro foi o primeiro e mover ficha a semana pasada na ONU para comer unha inexpugnable torre norteamericana e obter 155 votos contra do embargo duns EEUU que só foi defendido por Israel.

Onte foi a disidencia cubana a que tumbou algunha figura no taboleiro cubano da credibilidade democrática. Nos próximos días seguirase con máis atención os encontros bilaterais e os actos fora de axenda, que a propia temática da cimeira que xa ten pactada a resolución final.

A Comunidade Iberoamericana ten fundamentalmente dous retos importantes nos próximos anos: A creación dun espacio económico-social común, sen dependencias exteriores, e a consolidación dos valores e sistemas democráticos.

Non existe só vulneración dos dereitos humanos en Cuba. En países coma Perú ou Venezuela obsérvanse preocupantes signos de autoritarismo e militarismo. En Colombia a violencia non cesa e as vidas dos defensores dos dereitos humanos non valen un pataco. En Centroamérica a febleza democrática é extrema. Os recentes e esperanzadores procesos de paz non remataron coas coas desigualdades nin coas súas causas intrínsecas. Queda por demostrar que a chegada ao poder dos sectores do centroesquerda en Arxentina , ou os posibles de Chile e Uruguai, poida ser asumida coa suficiente madurez e normalidade, sen involucións.

O contido oficial da Cimeira non vai dar lugar a grandes diverxencias entre os participantes. O Goberno cubano preparara con esmero un encontro internacional de economistas, no mes de xaneiro, para abordar os perigos da globalización que farían inevitable unha crise do modelo económico neoliberalizador. Durante catro días os economistas debullaron todos os problemas previsibles: a primacía da orde económica sobre a moral, ética e política; a distribución do poder na economía globalizada, a fraxilidade dos sistemas bancarios nos países en desenvolvemento, as crises financeiras, os ataques aos sistemas monetarios…. Os economistas críticos non atopaban máis lóxica que a especulativa á que as Illas Caimán, sen recursos naturais, sen un alto desenvolvemento industrial é hoxe o quinto centro financeiro máis importante do planeta.

A maioría dos países iberoamericanos serían moi sensibles a estes temas xa que están a saír con grande dificultade dunha crise económica causada pola volatilidade especulativa das bolsas, pola corrupción e pola inestabilidade política.

Pero, pese a grande diverxencia nos enfoques tema central da Cimeira, non vai haber dificultade en facer público un descafinado documento de consenso que recolla vaguidades.

O Goberno de Castro contentarase con algunha referencia no texto final contra da extraterritorialidade da xustiza. Coa súa innegable habilidade, rendabilizará no interior da illa,a presencia de tantos mandatarios que diluirán a idea de illamento internacional. Xa conseguiu algo parecido coa visita do Papa.

A escasísima disidencia interior e o potente anticastrismo exterior conseguirán entretanto unha proxección internacional, endexamais conseguida.