A pesar da polémica suscitada polo ingreso de Mozambique na Commonwealth en 1995, a coroa británica nunca esqueceu que Portugal, a metrópole colonial, consentira e ata requirira das empresas británicas que exerceran un determinado control administrativo no territorio deste país africano, proporcionando ademais fluxos de man de obra barata ás zonas mineiras da veciña colonia sudafricana a principios do século XX.
Mozambique, ex provincia de ultramar de Lisboa, de lingua oficial portuguesa, principal motivo que a levará a ingresar como membro constitutivo da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa ou CPLP, foi sempre consciente da achega que a súa participación en determinados organismos internacionais podía depararlle para facilitar a súa recuperación económica tras varios anos de guerra civil (1975-1992) e transición posbélica. Cos ollos da comunidade internacional postos en Angola, que en 2002 puxo fin á guerra civil, o Estado mozambicano gozou dun período de maior tranquilidade que calquera outra ex-colonia portuguesa, cunha transición pacífica que dura xa 16 anos.
Pese a iso, factores coma a pobreza, as calamidades e a pandemia da SIDA contribuíron a frear a velocidade de desenvolvemento e a consolidación dos piares básicos dun Estado-nación capaz de garantir benestar e seguridade á súa poboación, cifrada en pouco máis de 20 millóns de habitantes.
Porén, para propiciar un impulso ao desenvolvemento da súa economía, os incentivos económicos que poidan ofrecer os organismos internacionais, son recursos esenciais. Quizais fuxindo do illamento que podería supoñer a non entrada en tales foros e organizacións, tódolos Estados africanos decidiron participar desta ou daquela organización rexional ou internacional. Así, Mozambique ingresou na Unión Africana e na Comunidade de Desenvolvemento do África Austral (SADC, nas súas siglas en inglés). A primeira procura a promoción da democracia, dos dereitos humanos e o desenvolvemento en todo o continente, mentres que a segunda promove a creación, a partir de agosto de 2008, dunha zona de comercio libre, á vez que a creación dunha unión aduaneira a implantar arredor de 2012 e un mercado común para 2015. A SADC fai tamén especial fincapé na redución da pobreza, aspecto central para Mozambique, onde a porcentaxe de poboación que malvive en pésimas condicións comprende o 60% dos seus cidadáns.
A condición de membro da Commonwealth debía permitir a Mozambique a obtención dunha serie de réditos necesarios para afrontar os problemas propios dun país subdesenvolvido. Proba disto é que o Reino Unido é dos principais países que achegan recursos económicos a Mozambique, seguido do Banco Mundial e da Comisión Europea. Por sectores, Reino Unido reforza o orzamento estatal, con especial proxección nos eidos da saúde e educación. Estas axudas enmarcanse na denominada Parceira de Apoio Programático, que reúne a un total de 19 países e organismos internacionais, así Estados Unidos e Xapón –estes como membros observadores do programa– que en total aportan ao país un capital equivalente a máis da metade do seu propio orzamento estatal.
En relación á CPLP, malia que a meirande parte dos Estados membros son subdesenvolvidos, as vantaxes económicas que poden derivarse da homoxeneización lingüística (aínda non ratificada por tódolos Estados membros) e que significaría un acercamento en materias de cooperación económica pola mellora no entendemento lingüístico que pode supoñer dita ratificación, significa, de momento, un lixeiro empurrón ao desenvolvemento das relacións entre estes países. Por esta razón, por exemplo, o Estado mozambicano, carente, coma os demais países lusófonos da África Subsahariana, de capital humano con educación superior para xestionar e dirixir a economía do país, xa asinou acordos con Brasil que posibilitará aos estudantes mozambicanos completar a súa formación en cursos de posgrao nas ramas de ciencia, tecnoloxía e innovación en universidades do país sudamericano.
Sen embargo, alén de todos estes factores positivos e das pomposas declaracións dos organismos internacionais, cómpre certo escepticismo. Numerosos observadores internacionais veñen remarcando, dende hai moito tempo, a eterna idea de que, tras séculos de dominación colonial e escravismo, os investimentos e doazóns cara o continente africano quizais deberan ser entendidos como xusta e elemental compensación por eses máis de 200 anos en que as potencias occidentais explotaron nel todo tipo de recursos sen nunca render contas de nada. Menos séculos agora serían necesarios para equilibrar unha relación que tanto empobreceu ao mentado continente se o mundo desenvolvido asumira a promoción dunha cooperación centrada nas necesidades da rexión.