No entanto, hoxe podemos rescatar testemuños e símbolos que nos amosan a importancia histórica da muller na diáspora, non só na construción identitaria do pasado, senón no vínculo co seu presente. Cantos vínculos transnacionais lle debemos ás nosas avoas, nais e fillas?
Actualmente, as mulleres representan algo menos da metade da poboación mundial de migrantes internacionais: 135 millóns (48,1%)1. E mentres no pasado, a maioría das mulleres migrantes desprazábanse como persoas dependentes dos esposos ou familias; hoxe a grande maioría emigra en forma autónoma para traballar e vivir no estranxeiro como o principal ingreso familiar. Isto non significa que aínda non existan situacións de migración forzada onde a decisión voluntaria de emigrar é inexistente, senón que a nivel global o lugar da muller nas sociedades permite contemplar opcións para elas tamén.
A migración femenina é un tema actual e moi complexo, que inclúe ademais de arestas especificas un dobre impacto para aquelas que deciden partir lonxe da súa terra natal:
- a posibilidade de alcanzar a autonomía económica e a independencia social a través da migración aumentando a súa autoestima para desempeñar un papel proactivo dentro da súa comunidade,
- a “dobre discriminación” (como mulleres e como inmigrantes), visible na descualificación que afecta as traballadoras migrantes sendo máis probable que as mulleres sexan vítimas de abuso e explotación no territorio de destino ou na súa comunidade de orixe, xenerando maior deapoderamento.
Para quen é nai de familia existe un peso extra á hora de migrar respecto do lugar de orixe tendo que afrontar moitas veces o prexuízo por “abandonar” aos seus vínculos familiares dentro do contexto social, a vulnerabilidade dos membros da súa familia que quedan e a exclusión nas decisións familiares por atoparse lonxe e/ou ausente. No entanto, as estatísticas amósannos que son as mulleres as que envían maiores remesas aos seus fogares, aínda recibindo salarios inferiores aos homes na mesma actividade, situación de asimetría que resulta decisivá a hora de perpetuar o sistema2.
As mulleres galegas emigradas son as grandes invisibilizadas da historia, por iso, resulta necesario reflexionar arredor do lugar que tiveron (e aínda teñen) todas as nosas mulleres na historia da nosa identidade migratoria.
De acordo aos rexistros históricos, entre 1880 e 1930, emigraron a América medio millón de galegos. Nun comezo, as mulleres supuñan apenas un 20% do total debido entre outras cousas ao rol que exercían dentro da familia. Con todo, a partir da crise mundial do ano 1929, a porcentaxe de mulleres emigradas duplicouse. Centos de relatos familiares dan conta sobre as características da vida cotiá que tiñan as mulleres galegas emigradas ao chegar a destino, sendo múltiples e variadas as súas principais tarefas no servizo doméstico e noutras actividades, por exemplo sendo costureiras, empregadas de fábricas, atendendo comercios ou traballando extensas xornadas no campo.
Resulta marabilloso rescatar dentro destes relatos historias como a que publicou un xornal galego3 sobre a primeira asociación mundial de mulleres emigradas creada no ano 1917 en Cuba: “Fillas de Galicia” destinada a protexer, defender, apoiar e asistir ás mulleres galegas que estaban en situación de desamparo e, ás veces, de marxinalidade, dentro do colectivo emigrante. Segundo narra o autor, as mulleres galegas emigradas a Cuba a principio de século chegaban soas ou con nenos pequenos, sendo e a súa maioría analfabetas e obxecto de discriminación pola súa condición dentro do colectivo migrante. Esta entidade, Fillas de Galicia, chegou a ter 58.000 mulleres asociadas atendendo diariamente nas súas necesidades a máis de 200 persoas nas súas instalacións. Na actualidade, como testemuña daquel esplendor, só queda un Hospital que aínda atende enfermos demostrando que as boas intencións coas que se creou a institución de solidariedade galega transcenden ás persoas no tempo.
Fonte: Blog “A Pluma do Tocororo” https://almejeiras.wordpress.com/2019/03/12/fillas-de-galicia/.
O rol das mulleres na emigración galega, na unión de culturas e o armazón identitario dos pobos, é un valor que debemos visibilizar para poder reconstruír a memoria colectiva da diáspora na actualidade. Debémosllo a elas, a todas as nosas mulleres en distintas épocas que afrontaron valientemente os seus destinos cargando unha maleta lonxe da súa terra natal. Para elas, a distancia só foi unha pausa que nunca impediu que seguisen reproducindo os seus cheiros, cantos e sabores en latitudes afastadas.
Grazas a elas, gardiás da nosa morriña, é que hoxe Galicia é máis grande e latexa máis forte en todos os continentes e a través de todos os tempos.
1 Xénero e migración. Portal de Datos sobre Migración. DAES, 2020. ONU. https://www.migrationdataportal.org/é/themes/xero-e-migracion
2 Diásporas e desenvolvemento: tender pontes entre sociedades e estados. Conferencia Ministerial Sobre A Diáspora. Centro Internacional de Conferencias de Xenebra. 2013. Dialogo Internacional sobre a Migración Nº22. OIM-IOM.
3 As nosas Mulleres Emigrantes, Esquecidas, Invisibles E Loitadoras. Martín Fernández. Viveiro / La Voz de Galicia. 8/3/2016.Https://Www.lavozdegalicia.es/Noticia/Amarina/2016/03/06/Mulleres-Emigrantes-Esquecidas-Invisibles-Loitadoras/0003_201603X6C4993.Htm