Mais, que acontece cando os estados desaparecen, os reis caen e a nación convértese nun recordo? Nesta terceira entrega sobre música e política internacional, viaxamos aos séculos XIX e XX, unha época na que a música deixa de servir a tronos e pasa a representar a voz de pobos sen Estado, de causas revolucionarias e de nacións que procuran existir a través do son. É a historia de Polonia, un país que desapareceu do mapa… pero non do pentagrama.
Polonia: o país que desapareceu do mapa

Entre 1772 e 1795, a Confederación Polaco-Lituana —tamén coñecida como a República das Dúas Nacións— foi dividida entre tres imperios (Rusia, Prusia e Austria) e deixou de existir como entidade soberana (Encyclopædia Britannica, 2008). Mais a súa cultura non se esfumou. Sen exército nin goberno, a identidade polaca sobreviviu a través da arte: na poesía de Mickiewicz, na pintura de Matejko e, sobre todo, na música de Frédéric Chopin.
A obra de Chopin, escrita en exilio parisiense, está impregnada de saudade patriótica. As súas mazurcas e polonesas non son meras danzas: son ecos dunha patria ausente. A súa música eríxese en bandeira sen tecido, himno sen letra… mais cheo da idea de nación (Samson, 1985).
🎧Chopin – Polonesa heroica en A♭ maior, Op. 53
O nacionalismo musical: entre folklore, raíces e identidade
Durante o Romanticismo, a música deixa de perseguir a perfección formal e comeza a procurar o espírito dos pobos —o Volkgeist. Así nace o nacionalismo musical, movemento que proclama que cada cultura debe atopar a súa propia voz sonora.
Compositores como Smetana (Chequia), Glinka (Rusia), Sibelius (Finlandia) ou Paderewski (Polonia) integraron melodías populares, ritmos tradicionais e relatos históricos para crear unha música que non só emocionaba, senón que tamén reivindicaba identidade e liberdade. No caso polaco, a figura de Paderewski é clave para entender a reconstrución da nación, e afondaremos nela de seguido.
🎧Velaquí unha interpretación da Fantasía Polonesa Op. 19 do compositor, da que falaremos máis adiante ao fío da obra de Elgar.
O pianista que negociou unha independencia: Paderewski e o Tratado de Versalles

Ignacy Jan Paderewski foi moito máis ca un pianista virtuoso ou un compositor talentoso. A finais do século XIX, a súa extraordinaria carreira como intérprete outorgoulle unha fama internacional que superou os escenarios. Grazas a esa visibilidade global, converteuse nun embaixador informal pero decisivo da causa polaca ante os principais líderes do seu tempo (Ember, & Skoggard, 2005, p. 260). Durante a Primeira Guerra Mundial, Paderewski xogou un papel fundamental ao influír directamente no presidente estadounidense Woodrow Wilson. Foi en boa medida grazas á súa mediación que a independencia de Polonia foi incluída nos Catorce Puntos, a folla de ruta de Wilson para a paz tras a guerra. O seu compromiso político culminou en 1919, cando foi nomeado primeiro ministro da recén restaurada república polaca. A súa vida exemplifica como a música pode transcender os límites da arte para converterse nunha poderosa ferramenta diplomática, capaz de mudar o destino dun pobo.
“Polonia” de Elgar: un poema sinfónico por un país ausente.
Outro compositor que sorprendeu pola súa implicación coa causa polaca foi o británico Edward Elgar. No contexto da Primeira Guerra Mundial, cando Polonia seguía sen existir como Estado independente, Elgar sorprendeu ao mundo ao poñer a súa música ao servizo desta nación ausente. A súa obra “Polonia”, Op. 76, escrita en 1915, é máis ca unha composición sinfónica: é unha resposta simbólica e emocional ao sufrimento dun pobo sen Estado, atrapado entre os intereses de tres imperios (Moore, 1984; Herter, 1999).
O encargo partiu do director polaco Emil Młynarski, pero Elgar fixo da obra un verdadeiro acto desolidariedade artística e política. A súa estrutura está tecida con melodías patrióticas polacas —como a Fantasía Polonesa, a Warszawianka, o Coral “Z dymem pożarów”, e o himno nacional Jeszcze Polska nie zginęła— entrelazadas con fragmentos de Chopin e Paderewski. Estes elementos non son só citas: son símbolos codificados dun relato colectivo de dor, loita e resurrección.
O poema sinfónico de Elgar encaixa perfectamente coa alegoría de Polonia como o “Cristo das Nacións de Europa”forxada polo poeta Adam Mickiewicz tras o levantamento fallido de 1830. Na súa obra Dziady, Mickiewicz presenta a nación polaca como unha figura cristiá que sofre a paixón e o martirio en nome da liberdade europea (Sand, 1839). Esta metáfora, profundamente arraigada na cultura romántica polaca, transforma o sufrimento colectivo en acto redentor.
Elgar non só coñecía esta imaxe: converteuna en música. A súa obra “Polonia” segue unha narrativa pasional que lembra á estrutura da paixón cristiá:
- Sacrificio (co uso da Warszawianka, himno revolucionario),
- Dor e resistencia (co Coral, símbolo da loita durante a Primavera dos Pobos),
- Nostalxia e perda(con citas de Chopin, exiliado como símbolo da diáspora polaca),
- e finalmente resurrección e esperanza(co himno nacional que anuncia a futura independencia de Polonia).
Análise simbólica das melodías
Cada tema escollido por Elgar parece ter unha carga emocional e política específica (Herter, 1999):
- Warszawianka (1879–1883): Himno dos obreiros e revolucionarios de 1905, evoca o espírito de resistencia fronte aos imperios ocupantes (Prusia, Rusia, Austria).
- Chorał ou “Z dymem pożarów”: Composto durante as revolucións de 1848, representa a dignidade silenciosa e o loito colectivo dunha nación que se desangra.
- Chopin (Nocturno en Sol menor): Evoca a saudade, o exilio e a perda tras o fracaso do levantamento de 1830.
- Fantasie Polonaise de Paderewski: Engade un vínculo contemporáneo coa loita pola restauración do Estado polaco.
- Dąbrowski’s Mazurka (Jeszcze Polska nie zginęła): Culmina a obra como símbolo de resurrección nacional, prefigurando a independencia de 1918.
A inclusión destas melodías non é casual. Trátase dunha elaborada narración sonora de sacrificio e esperanza, onde cada fragmento musical actúa como unha palabra no manifesto dunha nación viva, aínda que silenciada.
🎧 Escoita: Elgar – “Polonia”, Op. 76 (1915)
A continuación preséntase un cadro coa análise da estrutura da peza, que permite seguir os distintos desenvolvementos dos temas mencionados
| Sección | Compases | Tonalidade | Comentarios |
|---|---|---|---|
| Introdución | 1–20 | La menor | Carácter marcial, con motivo de “A Warszawianka de 1905”. |
| A | 21–37 | La menor | Tema heroico composto por Elgar. |
| Transición | 38–44 | Modulación | “Warszawianka” + motivo “nobilmente”. |
| B | 45–92 | Mi maior | Coral “Z dymem pożarów”, sección lírica. |
| Transición | 93–100 | Mi menor | Expansión do tema revolucionario. |
| C | 101–140 | Mi menor | Desenvolvemento dramático. |
| A1 | 141–150 | Mi menor | Retorno do tema heroico. |
| Transición | 151–162 | Modulación | Cordas en trémolo, cambio de ambiente. |
| D | 163–210 | Sol menor | Citas de Paderewski e Chopin, homenaxe. |
| Transición | 211–229 | Modulación | Superposición de temas. |
| C1 | 230–295 | Mi menor | Nova variación do tema revolucionario. |
| B1 | 296–311 | La maior | Coral con máis forza. |
| Transición | 312–329 | Modulación | Clímax silencioso. |
| Finale | 330–379 | Fa maior | Himno nacional polaco, en forma exaltada. |
| Coda | 380–fin | Fa maior | Mazurka sublimada, espírito triunfante. |
Camiños cruzados: de Varsovia a Asturias, de Cataluña a Gdańsk
A Warszawianka, unha das melodías principais mencionadas nesta obra anteriormente, tivo vida propia alén de Polonia. A versión española desta melodía, célebremente coñecida como A las barricadas converteuse rapidamente no himno da Confederación Nacional del Trabajo (CNT) durante a Guerra Civil Española, simbolizando a resistencia anarquista fronte ao fascismo. A súa popularidade foi tal que substituíu a canción tradicional anarquista Hijos del pueblo e foi gravada en 1936 polo Orfeó Català baixo a dirección de Francesc Pujols (Klan & Nelles, 1990, p. 256). En canto á chegada desta melodía a España, existen diversas teorías. Unha delas suxire que mineiros polacos da rexión de Silesia, establecidos na conca asturiana, poderían ter introducido a canción no país. Non obstante, a maioría das fontes atribúen a súa difusión á colaboración entre anarquistas alemáns e españois nos anos 30, especialmente a través de figuras como Alfred Schulte e Valeriano Orobón Fernández.
🎧 A las barricadas – Himno da CNT (YouTube)
E xa como dato curioso, décadas despois, como curiosidade no camiño inverso, unha canción ibérica de denuncia antifranquista chegaría a Polonia nos anos 80, converténdose nun himno informal do sindicato Solidarność, que loitaba contra o governo comunista do momento (Paczkowski, 2015, p. 176). A canción “L’estaca” do catalán Lluís Llach converteuse nun símbolo indiscutíbel das marchas do sindicato cristián, chegando ate os nosos días como se puido escoitar nas protestas en Belarus en 2020.
🎧 L’estaca/Mury en polaco – símbolo anticomunista en Polonia
Fontes:
- Elgar, E. (ca. 1915). Polonia, Op.76: Prelude [Sheet music]. London: Elkin & Co. Retrieved December 16, 2023, from https://imslp.org/wiki/Polonia,_Op.76_(Elgar,_Edward)
- Encyclopædia Britannica. (2008). Partitions of Poland. Encyclopædia Britannica Online. https://www.britannica.com/event/Partitions-of-Poland
- Herter, J. (1999, July). Elgar’s Polonia. Elgar Society Journal, 11(2), 97.
- Elgar, E. (ca. 1915). Polonia, Op.76: Prelude [Sheet music]. London: Elkin & Co. Retrieved December 16, 2023, from https://imslp.org/wiki/Polonia,_Op.76_(Elgar,_Edward)
- Ember, C. R., Ember, M., & Skoggard, I. (2005). Encyclopedia of diasporas: Immigrant and refugee cultures around the world. Springer.
- Klan, U., & Nelles, D. (1990). Es lebt noch eine Flamme: Rheinische Anarchosyndikalisten/-innen 1919–1945. Trotzdem Verlag.
- Moore, J. N. (1984). Edward Elgar: A creative life. Oxford: Oxford University Press.
- Morrison, J. (2020). Polonia, Op.76 by Edward Elgar, full score [Sheet music]. Retrieved December 16, 2023, from https://imslp.org/wiki/Para_Piano_(Morrison)
- Paczkowski, Andrzej (2015).Revolution and Counterrevolution in Poland, 1980-1989: Solidarity, Martial Law, and the End of Communism in Europe(Christina Manetti, trad.) (en inglés). University of Rochester Press. p.176.
- Pałłasz, E. (2013, February 23). The Polish national anthem. Poland – Official Promotional Website of the Republic of Poland. Retrieved December 15, 2023, from https://web.archive.org/web/20130223051742/http://en.poland.gov.pl/THE,POLISH,NATIONAL,ANTHEM,7060.html
- Samson, J. (1985). The music of Chopin. London: Routledge & Kegan Paul.
- Sand, G. (1839, December 1). Essai sur le drame fantastique – Goethe, Byron, Mickiewicz. Revue des deux mondes, 20. Retrieved from https://fr.wikisource.org/wiki/Essai_sur_le_drame_fantastique_%E2%80%93_Goethe,_Byron,_Mickiewicz
- Sneecs. (2009, March 5). Partitions of Poland.png [Digital image]. Wikimedia Commons. Retrieved from https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Partitions_of_Poland.png
- Unknown. (n.d.). Ignacy Jan Paderewski speaking to crowds [Photograph]. United States Library of Congress. Wikimedia Commons. https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Paderewskispeaking.jpg
- Warszawianka. (n.d.). Biblioteka Polskiej Piosenki. Retrieved December 15, 2023, from https://archive.is/20120721215112/http://www.bibliotekapiosenki.pl/Warszawianka_%28Smialo_podniesmy_sztandar_nasz_w_gore_%29

