Un percorrido musical entre a propaganda soviética e a memoria do exilio republicano
Dmitri Shostakovich. Fonte: Wikimedia

Música e Política Internacional IV: Shostakovich, a Guerra Civil Española e os nenos de Rusia

Na entrega anterior desta serie explorabamos a traxectoria transnacional da canción revolucionaria A Varsoviana e o seu impacto no movemento obreiro europeo, incluídos os anarquistas da CNT durante a Segunda República Española. A través desa pegada musical chegamos agora a un novo escenario: a Guerra Civil Española (1936–1939), un conflito que non só dividiu o país en dous, senón que mobilizou ideoloxicamente boa parte de Europa. Para a Unión Soviética, aliada directa da República, aquel episodio converteuse nun campo de batalla simbólica no que a cultura tivo un papel estratéxico.
Apartados xeográficos Outros

Neste contexto de fervor internacionalista, dous destacados artistas soviéticos —o dramaturgo Aleksandr Afinogenov e o compositor Dmitri Shostakovich— uniron forzas para crear unha obra de teatro comprometida coa causa republicana: Салют, Испания! (Saliut, Ispaniya!, “¡Saúdo, España!”). Estreada en Leningrado a finais de 1936, a obra procuraba exaltar a loita do pobo español e fortalecer os lazos ideolóxicos entre Moscova e Madrid. A música de Shostakovich, composta nun momento de vulnerabilidade política para o autor, adopta os códigos do realismo socialista sen renunciar á súa profundidade expresiva nin á empatía que transmite fronte ao drama representado.

Dúas décadas despois, nunha URSS xa postestalinista pero aínda atravesada polas feridas do século, Shostakovich volve dirixir a súa mirada a España. En 1956 compón o ciclo Spanish Songs, Op. 100, unha colección de cancións populares españolas arranxadas para voz e piano cunha contención emocional que contrasta co fervor da obra anterior. Estas melodías, moitas delas transmitidas oralmente por nenos refuxiados da guerra civil acollidos na Unión Soviética, convertéronse nun arquivo musical da diáspora republicana.

Neste artigo —baseado en parte na miña investigación de mestrado— analizamos por vez primeira a procedencia española concreta destas cancións, até entón consideradas vagamente como “de inspiración folclórica”. Ao identificar as súas raíces reais, recuperamos tamén a voz dun exilio cultural que atopou na música soviética un inesperado lugar de permanencia.

Entre os teatros de Leningrado e os orfanatos soviéticos, este percorrido revela como a música de Shostakovich se converteu nunha ponte entre a propaganda e a memoria, entre a solidariedade política e o recordo íntimo dunha España republicana que resistiu a través do son do compositor ruso.

O compromiso do teatro soviético coa República Española

image 89
Capa do libreto de Saúdo a España!
Drama heroico en 9 escenas de A. Afinogenov.1

A estrea de Салют, Испания! “¡Saúdo, España!”) tivo lugar a finais de 1936 no Teatro Estatal Académico de Drama en nome de A. S. Pushkin—, un dos escenarios máis emblemáticos de Leningrado e da vida teatral soviética da época. Coñecido actualmente como Alexandrinsky, o teatro destacaba por acoller obras ideoloxicamente aliñadas co Partido Comunista e formar parte da vangarda cultural da URSS.1

O texto dramático fora escrito por Aleksandr Afinogenov, un dos autores máis relevantes do teatro soviético dos anos trinta. Cun estilo claro e directo, Afinogenov especializárase en obras que combinaban narrativa épica, mensaxe política e carga emocional. A súa proposta para Saliut, Ispaniya! respondía directamente á liña marcada polo realismo socialista: unha dramaturxia que exaltase os valores da revolución, da fraternidade internacionalista e do heroísmo colectivo.

image 90
Sofia Terentieva no papel de Lucía, combatente da Milicia Popular Española.1

A obra recreaba episodios simbólicos da Guerra Civil Española, centrándose na defensa da República fronte ao avance fascista. As escenas presentaban milicianos, civís e soldados republicanos como representantes dunha loita universal pola liberdade. Entre os personaxes máis destacados estaban José e Concha, dous aviadores republicanos que, perdidos tras as liñas inimigas, soñan con Moscova como refuxio último e horizonte de esperanza. A URSS aparece non só como aliada estratéxica, senón como metáfora da liberación futura, a utopía revolucionaria á que a España republicana aspira.

A estrutura da obra alternaba escenas de acción, momentos intimistas e pasaxes de discurso político directo, empregando o teatro como vehículo pedagóxico e ferramenta de mobilización ideolóxica. Non se trataba dun drama de personaxes individuais, senón dun manifesto escénico colectivo, onde o pobo español era retratado como heroe coral da historia.

A música de Shostakovich, como veremos na seguinte sección, estaba plenamente integrada neste proxecto. Lonxe de ser un acompañamento decorativo, a súa partitura actuaba como voz narrativa, amplificando a carga emocional da obra e contribuíndo á construción simbólica dunha España heroica, digna e solidaria.

A música de Shostakovich: entre o realismo socialista e a expresión contida

A música que Dmitri Shostakovich compuxo para Салют, Испания! non só debía acompañar a acción escénica, senón tamén axustarse a unhas esixencias políticas e estéticas ben definidas polo clima soviético de 1936. A comezos dese ano, o compositor fora severamente cuestionado polas autoridades do Comité Central tras a publicación en Pravda do artigo titulado “Caos en vez de música” (Сумбурвместомузыки), unha condena pública que cualificaba a súa ópera Lady Macbeth de Mtsensk de formalista, hermética e contraria aos valores revolucionarios. Diante desa situación, a música para unha obra claramente comprometida coa causa antifascista era unha oportunidade para demostrar lealdade e recuperar o favor oficial.

image 91
Caos en vez de música” en Pravda

Neste sentido, a partitura de Saliut, Ispaniya! inscríbese plenamente no marco do realismo socialista, a doutrina estética oficial da URSS a partir dos anos trinta. Segundo este modelo, a música debía ser clara, accesible, ideoloxicamente orientada e capaz de inspirar confianza no futuro socialista. Tiña que exaltar os valores da clase traballadora, promover o heroísmo colectivo e resultar comprensible para todo o pobo. A experimentación formal ou a ambigüidade eran vistas con sospeita, cando non directamente censuradas.1

Shostakovich, consciente do contexto político e da súa propia posición delicada tras as críticas oficiais recibidas ese mesmo ano, axústase a estas premisas cunha notable capacidade de adaptación. A súa música para a obra emprega unha linguaxe tonal directa, con melodías recoñecibles, ritmos enfáticos, harmonías convencionais e alusións estilizadas ao folclore español.

Estes elementos, alén de dotar a obra dunha identidade sonora coherente coa temática, permiten cumprir coas expectativas do canon estético soviético.

Porén, malia esa contención formal, Shostakovich non renuncia por completo á súa voz. Entre as liñas da partitura percíbese unha expresión contida, unha intensidade que vai máis alá da función propagandística. Mesmo dentro dun marco imposto, o compositor consegue preservar un espazo para a verdade artística. Un dos fragmentos máis destacados da obra é a “Canción de Rosita”, unha peza vocal centrada nunha combatente republicana que representa tanto a valentía popular como o papel activo das mulleres na guerra. A canción ten unha estrutura sinxela, case coma unha copla, con acompañamento orquestral. A súa forza reside na combinación entre lirismo e claridade rítmica, un exemplo de como Shostakovich pode transmitir emoción sen caer na grandilocuencia.
🎧 Escoitar no minuto 03:17 https://youtu.be/9xBsW5rDhdQ?t=197

Outro momento central da partitura é a “Marcha Fúnebre”, que acompaña unha escena de perda e Resistencia ante a loito dos republicanos. Aquí, o compositor abandona por un momento o ton celebratorio para mergullarse nunha atmosfera sombría. Os rexistros graves, as progresións harmónicas descendentes e a lentitude do tempo prefiguran o carácter traxicamente contido que máis tarde se escoitará na súa Quinta Sinfonía (1937).
🎧 Escoitar no minuto 08:09 https://youtu.be/9xBsW5rDhdQ?t=488

En conxunto, a música de Saliut, Ispaniya! mostra a capacidade de Shostakovich para traballar dentro das limitacións do sistema sen sacrificar del todo a súa identidade artística. Ao servizo dun proxecto político, a súa partitura logra manter un equilibrio entre eficacia ideolóxica e sensibilidade musical. Non é unha obra das máis coñecidas do seu catálogo, pero funciona como documento clave dunha etapa onde a música, como a guerra, tamén era campo de combate.

As cancións españolas, Op. 100: música para unha memoria exiliada

En 1956, Dmitri Shostakovich compón as Cancións Españolas, Op. 100, un ciclo de seis cancións baseadas en melodías tradicionais españolas. A obra xorde nun contexto moi distinto ao de Saliut, Ispaniya!: a URSS atópase en pleno proceso de desestalinización baixo o liderado de Khrushchov, e o compositor xa non se ve obrigado a demostrar a súa lealdade ideolóxica con tanta vehemencia.1 Nesta nova etapa, Shostakovich retorna simbolicamente a España non a través do teatro político, senón desde a intimidade da memoria e da saudade transmitida polos refuxiados españois acollidos na Unión Soviética.

As cancións parten de materiais transmitidos polos nenos e nenas españolas acollidas na URSS tras a Guerra Civil. Entre 1937 e 1939, arredor de 3.000 nenos e nenas españolas foron evacuadas á Unión Soviética desde os portos do norte peninsular, especialmente Santander, Xixón e Bilbao. A maioría procedía de familias republicanas perseguidas ou en risco polo avance das tropas franquistas. Ao chegar á URSS foron distribuídos por diferentes “casas de nenos” (orfanatos), onde recibiron educación, coidado e formación artística. Alí mantiveron viva a lingua e a cultura popular herdada dos seus lugares de orixe, a través de cancións, contos e xogos transmitidos oralmente.

Na miña tese identifiquei por primeira vez a procedencia concreta destas melodías, que ata entón foran atribuídas de maneira imprecisa ou clasificadas xenéricamente como “folclore popular”.2 A súa orixe remóntase a rexións como Cantabria e Asturias, todas elas cunha presenza significativa de refuxiados republicanos na URSS.

Destacan especialmente:

  • Proshchay, Grenada!” (“Adeus, Granada”), inspirada na Granadina da zarzuela Emigrantes e popularizada polos republicanos. Shostakovich conserva a estrutura e introduce unha harmonía austera que transforma a peza case nunha elexía.
    🎧 Escoitar https://www.youtube.com/watch?v=rqo01Ng5Pnc
    Granadinas de Emigrantes https://www.youtube.com/watch?v=hK6xMKDkmwg
  • Chernookaya”, baseada na canción tradicional “Eres alta y delgada”, moi difundida entre os combatentes republicanos durante a Guerra Civil. A versión do chileno Rolando Alarcón contribuíu decisivamente á súa popularización no exilio. Shostakovich mantén a métrica e a inflexión melódica orixinal, adaptando a acentuación para integrala no ritmo da versión rusa. A elección do termo ochi en lugar de glaza (“ollos”), de uso arcaico no ruso literario, reforza o carácter folclórico e emotivo da adaptación.
    🎧 Escoitar https://www.youtube.com/watch?v=w7VG-iVs2Hw
    Eres alta y delgada https://www.youtube.com/watch?v=QxouJ1ZyIc4
  • Son”, inspirada na habanera coñecida como a “Batelera” ou “En un delicioso lago”, especialmente popular en Asturias. Trátase dunha melodía de carácter lírico e íntimo, que Shostakovich trata con especial delicadeza. A versión rusa traduce o título como Soñei e transforma o canto popular nunha escena case introspectiva. O piano crea un pano harmónico sutil, cheo de pausas e silencios, mentres a voz avanza con fraseo irregular, como se fose un recordo fragmentado. A estrutura suxire máis un monólogo interior ca unha canción popular, converténdoa nun espazo de evocación e saudade.
    🎧 Escoitar https://www.youtube.com/watch?v=BVZ5Sfnyvo0
    A Batelera orixinal https://www.youtube.com/watch?v=Gwk6wlS9oIg

Este ciclo non foi composto para un acto oficial nin responde a unha encarga institucional. É un traballo libre e sincero, que devolve dignidade a unhas voces silenciadas. A súa forza reside na contención do arranxo: melodías recoñecibles, harmonías discretas. A través delas, Shostakovich dá forma a unha España que resiste no recordo —e que canta, mesmo lonxe da súa terra.

Conclusión

A relación entre Shostakovich, a Guerra Civil Española e os nenos refuxiados na URSS exemplifica como a música pode transcender fronteiras políticas, temporais e culturais. Desde a épica escénica de Saliut, Ispaniya! ata a contención íntima das Spanish Songs, o compositor ruso soubo transformar acontecementos históricos e voces esquecidas en materia sonora cargada de sentido. Nun contexto marcado pola propaganda e a censura, a súa obra non só cumpriu funcións ideolóxicas, senón que tamén preservou espazos de autenticidade emocional e solidariedade internacionalista.

A través destas creacións, Shostakovich converteuse —probablemente sen sabelo— nun mediador da memoria republicana, ofrecendo unha canle de expresión a unha xeración de exiliados que atopou na música un lugar para habitar o recordo. Entre os ecos da guerra e os silencios do exilio, o seu legado musical continúa a revelar a forza das conexións humanas tecidas por riba das ideoloxías.

Fontes e bibliografía