20070222 galiza norte buque holandes ostedijk

Nós e os desastres

 Cargueiro holandés Ostedijk despide columna de fume, clic para aumentar
Os problemas do Ostedijk na costa galega veñen a evidenciar de novo a nosa predisposición, diríase que natural, para lidar cos desastres.
 

Os problemas do Ostedijk na costa galega veñen a evidenciar de novo a nosa predisposición, diríase que natural, para lidar cos desastres. O Prestige situou a Galicia no mundo máis que Zara (e que me perdoe o xeneroso benfeitor da infravivenda do embaixador no Vaticano). E a vaga de lumes do verán ergueu en Galicia un faro maior ca o da Torre herculina. Só por citar algúns casos recentes.

Galicia, podiamos dicir, é toda unha potencia internacional en desastres. Agora que tanta é a sensibilidade ambiental, espoleada polo cambio climático, e que tanto preocupa o mar, un dos nosos símbolos máis sobranceiros, sería aconsellable dotarnos dunha estratexia urxente que nos permita non, por favor, exportar os desastres, pero si alertar da complexidade técnica que suscitan, das diferentes facetas da súa dimensión internacional, e da necesidade de propiciar unha reflexión global sobre o problema. Falase de moitas perspectivas do desastre, case todas elas viradas sobre a mellora dos dispositivos técnicos de prevención e resposta, cousa lóxica, pero nada desta outra variable.

Sen dúbida ningunha, a este paso, Galicia podería facer unha contribución singular á Estratexia Internacional da ONU para a redución dos desastres, por vocación moi centrada nos países en vías de desenvolvemento. O Sr. Sálvano Briceño, venezolano de pro e responsable desta política onusina, podería agradecer e moito a nosa rica e seica interminable experiencia neste sentido (aínda que sexamos un país desenvolvido) e mesmo apoiar a celebración en Galicia dunha próxima conferencia internacional sobre o tema (a última celebrouse en Xapón en 2005).

Retrancas aparte, hai que darlle a volta ás desgrazas. Cómpre ultrapasar a dimensión vitimista e demandadora de indemnizacións, prebendas, subvencións e demais, que está ben, que é imprescindible diría mesmo por razóns de xustiza e de compensación a todo tipo de vítimas, pero que afonda no noso pesimismo e dependencia tradicionais. Como expresión do mal menor do desastre, en si mesmo, ese "polo menos" é pouco creativo.

Somos nós os varados. Hai que poñer en valor o desastre. O digo en interese propio. Recoñezo que son un pouco desastre.