“Regresso ao meu amor Macau,
após mil falas, dez mil silêncios.
Na foz de um rio de pérolas,
a cidade cicia segredos, envolta em bruma.”
António Graça de Abreu.
A presencia portuguesa en Macau data do século XVI. En 1557 obtiveron a autorización das autoridades chinesas para establecerse no territorio, co propósito de impulsar o comercio entre Europa, Xapón e a China e configurar unha via alternativa á tradicional Ruta da Seda. O dominio portugués no Imperio Celeste consolidouse e ampliouse durante as Guerras do Opio, ocupando as illas de Taipa e Coloane. Durante centos de anos sorteou os vaivéns da Historia pero en 1979, ano en que os gobernos de Lisboa e Beijing estableceron relacións diplomáticas, Portugal recoñeceu definitivamente que Macau era parte inalienable da China. De conformidade coa declaración conxunta asinada por ambos os dous países en 1987, o 20 de decembro de 1999 o Goberno chinés recuperará a plena soberanía sobre Macau. Macau agora, como en 1997 acontecera con Hong Kong, simboliza ese inexorable proceso de reunificación do xigante chinés.
Macau (17,5 km2 e perto de 380.000 habitantes) presenta atractivos de interese en varias esferas. Membro da Organización Mundial do Comercio, Macau sirve de nexo entre a China e o resto do mundo. Mantén relacións de carácter comercial con máis de 100 países e rexións dos cinco continentes. Por outra banda, a súa situación xeográfica presenta moitas vantaxes. Ás súas costas está todo o continente chinés e por diante, o Mar da China meridional. Encravado nun nudo internacional de comunicacións marítimas e porta con porta con Hong Kong, Macau, un porto franco que permite a libre entrada e saída de capitais e de mercadorías exentas de impostos, pode ser algo máis que casinos e lotería. O prezo do solo en Macau é dez veces máis baixo que en Hong Kong.
A recuperación da soberanía por parte da China realizarase no marco do principio “un país, dous sistemas”, de tal xeito que non se agardan grandes cambios na súa vida económica e social. Por iso, cando moitas empresas galegas, entidades ou institucións, impulsan estratexias de aproximación a China, deberían tomar máis en consideración as oportunidades que brinda Macau tanto para ser abordada de xeito individual como igualmente para establecer alianzas con empresas portuguesas de cara a facilitar a penetración no inmenso pero non tan doado mercado chinés.