Por Xoán Antón Pérez Lema. Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade"

O Brexit e a continuidade de Escocia, Irlanda e Gales no Reino Unido

A maioría absoluta obtida polos neotories dirixidos polo premier Boris Johnson nas eleccións de decembro de 2019 permitiu a urxente aprobación da lei que, consensuada coas Autoridades da Unión Europea (UE), determinou a saída do Reino Unido (UK) da UE o 31 de xaneiro de 2020. Dende este intre ábrese un período transitorio até o 31 de decembro deste ano no que as liberdades de circulación ficarán sen mutación ningunha. Mais ao longo deste período transitorio UK e a UE haberán negociar a serio os termos aos que axustarán a súa relación dende o primeiro día do vindeiro 2021. A falla de acordo suporá o brexit duro, o dominio da unilaterialidade, quer europea, quer británica, con efectos aínda non definidos nin quizais albiscábeis polo de agora.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

A maioría absoluta obtida polos neotories dirixidos polo premier Boris Johnson nas eleccións de decembro de 2019 permitiu a urxente aprobación da lei que, consensuada coas Autoridades da Unión Europea (UE), determinou a saída do Reino Unido (UK) da UE o 31 de xaneiro de 2020. Dende este intre ábrese un período transitorio até o 31 de decembro deste ano no que as liberdades de circulación ficarán sen mutación ningunha. Mais ao longo deste período transitorio UK e a UE haberán negociar a serio os termos aos que axustarán a súa relación dende o primeiro día do vindeiro 2021. A falla de acordo suporá o brexit duro, o dominio da unilaterialidade, quer europea, quer británica, con efectos aínda non definidos nin quizais albiscábeis polo de agora.

UK non resolveu até a fin do pasado 2019 a lea xerada polo referéndum de xuño de 2016 convocado polo-até entón-premier David Cameron. A consulta plebiscitaria a respecto da permanencia na UE foi gañada polo brexit (51,5%) fronte ao 48,5% dos remainers. Un resultado, xa que logo, moi parello. Mais os resultados na Escocia e no Norte de Irlanda (Ulster) si foron nidios e constituíron unha malleira a prol dos remainers: 62% vs 38% no caso de Escocia e 55 vs 45% no caso do Ulster. Pola contra, en Gales gañou o brexit (52,5% vs 47,5%, cunha diferenza de só 80.000 votos), mais o pulo definitivo para os da saída da UE non veu da poboación galesa de orixe e fala, senón dos condados con meirande porcentaxe de poboación de orixe inglesa (moitos xubilados residentes no país, por ter un nivel de prezos máis baixo ca o inglés).

Xa que logo, esta evidencia e máis o apoio acadado por Johnson no recente proceso electoral na Inglaterra (non univocamente vencellado á decisión definitiva do brexit mais indubidabelmente conectado coa mesma, pois que o premier fixo do brexit urxente e incondicional o eixo da súa proposta electoral) determina unha fenda importante entre as decisións adoptadas colectivamente polos ingleses e as adoptadas polas outras tres nacións da UK, nomeadamente o Ulster e Escocia.

Escocia. Cara un novo referéndum de independencia?

No caso escocés, arestora as enquisas sinalan nun 51-52% a porcentaxe da súa cidadanía a prol da independencia. En setembro de 2014 a contaxe foi nidia a prol do no: 55% vs 45%. Malia que foron as persoas de máis idade e os de orixe inglesa as que definiron na fin o resultado, o que de seu facía albiscar que no futuro os número poderían mudar. Porén, esta reviravolta demoscópica non ven causada por mor desta evolución demográfica. Mesmo tampouco polo aberto incumprimento da promesa dos unionistas tories, lib dem e laboristas na derradeira semana de campaña do referéndum de setembro de 2014 dun substancial incremento da autonomía escocesa (devolution plus) se os caledonios votaban por ficar no UK.

Non, con influír tamén os devanditos factores o feito fundamental que explica o grande incremento da opción independentista na Escocia é o brexit. Porque en setembro de 2014 foron ducias de milleiros, sobre todo das clases medias, os que votaron ficar no UK por cuestións económicas, diante das ameazas continuas dos partidos unionistas e tamén, na fin da campaña, dalgúns operadores económicos (Royal Bank of Scotland e a aseguradora Standard Life chegaron ameazar co seu traslado a Inglaterra, tamén salientaron nesta campaña Barclays, Lloyds e máis a petroleira Shell). Ameazas que xiraban arredor da cuestión fulcral da saída de Escocia da UE se deixaba o UK, tendo en conta que o eventual reingreso habería ser rexeitado co veto do propio UK e tamén, de España, que quería evitar daquela folgos adicionais para o soberanismo catalán.

Pois ben, o brexit é xa unha realidade dende o 31 de xaneiro e a first minister escocesa, Nicola Stugeon pediu, tan axiña como se verificou, a cesión por parte do goberno de Westminster dos poderes precisos para convocar un novo referéndum de independencia, como cedera no 2014 o premier David Cameron ao daquela first minister, Alex Salmond. Pedimento que foi rexeitado axiña polo premier Boris Johnson, para quen a decisión de 2014 habería ter vixencia polo tempo mínimo dunha xeración. Indubidabelmente dende calquera normativa constitucional reguladora do dereito a decidir (por exemplo, a lei de claridade canadiana) unha resposta negativa nidia como a de 2014 sería decisiva por un tempo,. Mais neste caso non é así. A saída da UE por parte do UK supón unha mutación constitucional de grande magnitude, que renova, dende o principio democrático, a posibilidade que Escocia poida decidir o seu futuro., tendo en conta o carácter consensual da Unión decidida no 1707 e o espírito do Dereito Estatutario escocés (Scotland Acts de 1998, 2012 e 2016).        

Malia esta evidencia, a actitude pechada de Johnson fai pensar nun futuro choque de trens. Johnson mantivo a mantenta á marxe do proceso de adopción da normativa para o brexit aos Parlamentos escocés e norirlandése á Asemblea galesa, sen atender ao grandísimo impacto desta decisión en cadanseus países e en cadansúas gobernanzas. 

Irlanda: cara a súa reunificación?

En abril de 1998 asinouse o Good Friday Agreement entre os gobernos do UK e da República de irlanda, aceptado polos partidos norirlandeses e ratificado polo conxunto da cidadanía do Ulster e da República de Irlanda en referéndum. En virtude destes pactos, acadouse o cesamento da violencia política e recoñeceuse o dereito a decidir da cidadanía do Ulster, tanto para seguir no UK como para se incorporar á República de Irlanda.

A paz, a recuperación dun autogoberno limitado (que require do consenso entre as comunidades católica e protestante) e máis a integración económica cunha República de Irlanda que posúe a quinta renda per cápita a nivel mundial xerou nestes vinte e dous anos importantes cotas de benestar na deprimida economía do Ulster. Unha fronteira física, outravolta, sería unha hipótese moi lesiva para o conxunto da poboación.

En decembro de 2019, nas eleccións ao Parlamento de Westminster, o Sinn Fein e as forzas transversais que tentan integrar católicos e protestantes obtiveron maioría. O Sinn Fein obtivo tamén o primeiro posto en votos nas eleccións de febreiro de 2020 á Cámara Baixa irlandesa (Dail Eireann).

É evidente que aos dous lados da xa inexistente fronteira existen intereses moi importantes a prol de manter un único espazo económico. Na medida en que

Boris Johnson o descoñeza medrará aínda máis a tendencia a prol dunha reunificación que semella ofrecer bastantes vantaxes, malia a ferreña oposición de moitos protestantes.

Medra o soberanismo galés.

Vimos xa como Gales optou polo brexit por unha moi curta marxe, malia que recentes estudos descubriron que esta curta maioría brexiter podería non ser tal se non se computa a poboación de orixe inglesa residente.

O certo é que o soberanismo galés, representado polo partido de Gales (Plaid Cymru) está a medrar nos seus apoios. Malia que os escanos e votos obtidos nas eleccións ao Parlamento de Westminster de decembro de 2019 foron semellantes ás anteriores, no 2017 (10-11% e 4 MP), as expectativas cara á elección da Asemblea galesa son moi boas, moito máis se temos en conta a crise dos laboristas en Gales, que perderon sete MP fronte aos tories nas recentes eleccións ao Parlamento de Westminister.

O Plaid Cymru asumiu un programa cara as vindeiras eleccións autonómicas que propugna a celebración dun referéndum de independencia na fin do segundo mandato de Goberno nacionalista. Enquisas recentes outórganlle a vitoria, cun 24%. Outras apuntan que até un 33% de galeses estarían a prol da independencia, concibida como medio para remanecer na UE e agora como medio para voltar á mesma. No verán de 2019 os nacionalistas levaron adiante varias marchas pola independencia en varias cidades e vilas galesas,

Xa que logo, nas vindeiras eleccións o líder do Plaid Cymru, Adam Price, podería acceder á xefatura do Executivo galés, malia que as forzas unionistas probabelmente sigan a obter máis de dous terzos dos votos..

Ficará Inglaterra soa na UK?

Esta breve análise amosa como o brexit, como fenómeno político basicamente inglés (e dentro de Inglaterra alleo á súa capital) está a potenciar nas outras tres nacións unha previa reivindicación soberanista proxectada á permanencia (agora ao regreso ) na UE como espazo de convivencia económica e política. Esta tensión evoluirá segundo se consolide ou fracase o brexit como proxecto atractivo.

Para Galicia achéganos a ensinanza da reivindicación soberanista e europeísta como superadora das tendencias de reivindicación do vello e unitario UK e de freo á globalización dende a vella Inglaterra, como nación constituínte do UK. Porque sen dúbida moitas das tensións e problemas da convivencia plurinacional española teñen conexión con estes procesos contemporáneos.

Corolario do tempo da pandemia.

Hoxe é 9 de maio, Día de Europa, mentres as nacións do Reino Unido e as do Estado español están a piques de rematar o seu segundo mes de confinamento, canda case toda a cidadanía europea. Despois de ducias de milleiros de mortos e mergullados na peor Depresión dende a de 1929 o noso mundo mudou moi substancialmente. Cómpre preguntármonos que novos efectos pode ter a crise da Covid-19 nas relacións entre as diversas nacións do UK e  determinarmos se son ou non máis sólidas a UE e o UK do que o eran o 12 de marzo.

O Goberno de Westminster xestionou esta crise con moito máis respecto ao autogoberno norirlandés, galés e escocés do que amosou o Goberno do Estado español a respecto dos Gobernos autonómicos ou mesmo o propio Goberno Johnson cando impuxo a lexislación aprobada no Parlamento británico mesmo nos eidos da actividade pública obxecto de devolución aos tres Gobernos nacionais autónomos. A aprobación da Coronavirus Act 2020 requiriu do consenso entre o parlamento británico e os tres Parlamentos nacionais, por atinxir tamén a áreas competenciais devolvidas, o que tamén constitúe unha importante diferenza co aplicado estas semanas no estado español.

Os Gobernos territoriais foron máis rápidos en intervir ca o Goberno británico. Mais este liberou un potente paquete económico garantindo financiamento abondo para as Administracións galesa, escocesa e norirlandesa en proporción con cadansúa poboación. Arestora obsérvase que os Gobernos todos están a traballar coordinadamente.

Mais os problemas como a unidade irlandesa ou a independencia escocesa non se resolven por si coa pandemia, malia que si mude substancialmente a visión dos problemas en intres como os actuais. Dende sectores unionistas escoceses subliñouse a falla de solidariedade e coherencia interna da reacción política e económica da Unión Europea (UE) fronte á potente reacción de Westminister e do Bank of England, ao tempo que salientaban a menor solvencia económica dunha Escocia independente, por mor da rebaixa radical do prezo do petróleo. Porén, a cidadanía escocesa semella estar moito máis en sintonía co Goberno de Holyrood de Nicola Stugeon e a poboación norirlandesa avaliou moi negativamente, por nidias razóns económicas, as restricións á mobilidade coa República de Irlanda.

 O futuro, tamén neste eido, vai ser moi diferente. Mais aínda non sabemos como a Covid-19 influirá neste eido.

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade" Descarrégao aquí.