Especial Ampliación da Unión Europea & Ucraína
Bandeira da Unión Europea

O camiño da Ucraína cara a Unión Europea: avances, retos e oportunidades

Este artigo enmárcase nunha iniciativa conxunta entre o IGADI e o alumnado de segundo curso do Grao en Relacións Internacionais da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo. No marco desta actividade, o estudantado da materia “Institucións e Políticas da Unión Europea” no curso 2024/25 tivo a oportunidade de presentar entradas de blog sobre o tema “Ampliación da Unión Europea & Ucraína”. O IGADI seleccionou catro destas propostas para as publicar, atendendo a criterios de calidade, orixinalidade e adecuación á súa liña editorial. O propósito desta colaboración é achegar o alumnado á dinámica de traballo dun think tank, brindándolle unha plataforma para poder expresar os seus puntos de vista sobre cuestións clave das relacións internacionais contemporáneas e compartilas cun público máis amplo. Ademais, a iniciativa busca subliñar a importancia de pensarmos as relacións internacionais e o proceso de integración europea dende unha perspectiva galega, en sintonía co lema da UE: unida na diversidade.
Liñas de investigación União Europeia
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave UE Unión Europea Ucraína

Tras o rexurdimento mediático do debate sobre a invasión de Ucraína coa chegada de Donald Trump á Casa Branca, xorde de novo a discusión sobre a adhesión de Ucraína á OTAN e á Unión Europea.

Aínda que o ingreso de Ucraína na Alianza Transatlántica parece bastante improbable, por non dicir imposible, o pasado luns 24 de febreiro, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou que Ucraína podería entrar na UE antes de 2030. Por este motivo, preguntámonos aquí cal é o proceso para entrar nesta organización internacional e cales son as vantaxes e desafíos que supón a adhesión do país ucraíno.

O proceso de adhesión á UE consta de varias etapas, cada unha con requisitos específicos que deben ser aprobados por unanimidade polos Estados membros da UE. En primeiro lugar, o país interesado presenta a súa solicitude ao Consello da UE, iniciando formalmente o proceso. A continuación, a Comisión avalía a candidatura baseándose en criterios clave que se definiron principalmente nas Conclusións da Presidencia do Consello Europeo de Copenhague (1993), no apartado sobre a “Asociación cos países de Europa Central e Oriental”.

Estes criterios son esenciais para a adhesión á Unión, polo que o país candidato debe alcanzar unha estabilidade institucional que garanta a democracia, o Estado de Dereito, os dereitos humanos e a protección das minorías. Tamén debe posuír unha economía de mercado funcional e demostrar a capacidade para enfrontarse á competencia e á dinámica do mercado dentro da Unión. Ademais, a adhesión implica a capacidade de asumir as obrigas inherentes á pertenza, incluído o compromiso cos obxectivos da unión política, económica e monetaria (acervo da UE).

Se a avaliación é favorable, os Estados membros deciden por unanimidade concederlle ao país o estatus de candidato oficial. Unha vez que o país demostra avances no cumprimento dos criterios de Copenhague, comezan as negociacións, coa aprobación de todos os Estados membros.

A Comisión propón un marco de negociación que debe ser aceptado polos Estados membros antes do inicio das conversacións formais. Unha vez abertas as negociacións, o país candidato adapta progresivamente a súa lexislación e normativas ás da UE. Cada capítulo require a aprobación unánime dos Estados membros para o seu peche.

Unha vez concluídas todas as negociacións, a Comisión emite un ditame sobre a preparación do país para a adhesión. Sobre a base desta avaliación, os Estados membros deciden por unanimidade pechar o proceso, o que tamén require o consentimento do Parlamento Europeo.

Finalmente, se todo avanza favorablemente, o país candidato e os Estados membros asinan e ratifican o Tratado de Adhesión, formalizando así a súa entrada na UE. Este proceso garante que os novos Estados membros cumpran coas normas e principios fundamentais da UE antes da súa adhesión.

O caso de Ucraína

Unha vez esbozado o proceso xeral de adhesión, analizamos agora o caso concreto de Ucraína. Pouco despois do inicio da guerra de agresión de Rusia, o 28 de febreiro de 2022, Ucraína presentou a súa solicitude de adhesión á UE. O 17 de xuño de 2022, a Comisión Europea emitiu os seus ditames sobre as solicitudes de adhesión de Ucraína, Xeorxia e Moldavia. Tras esta avaliación, Ucraína recibiu unha perspectiva europea o 23 de xuño de 2022, coa aprobación unánime dos líderes dos 27 Estados membros da UE.

No seu ditame, a Comisión estableceu varios pasos que Ucraína debería seguir para avanzar no seu camiño cara á adhesión á UE. En primeiro lugar, debía promulgar e implementar unha reforma xudicial de conformidade coas recomendacións da Comisión de Venecia. En segundo lugar, finalizar as verificacións de antecedentes de integridade dos candidatos a membros do Consello Superior de Xustiza e seleccionar os candidatos para establecer a Comisión Superior de Cualificación de Xuíces de Ucraína.

En terceiro lugar, Ucraína debería adoptar medidas anticorrupción e completar o proceso de selección e nomeamento dun novo director para a Oficina Nacional Anticorrupción. Neste sentido, tamén debería aplicar a lexislación contra o branqueo de capitais, asegurando que cumpra as normas do Grupo de Acción Financeira Internacional (GAFI), así como adoptar un plan estratéxico para a reforma do sector da aplicación da lei. Ademais, debía aplicar a Lei contra os Oligarcas para limitar a súa influencia en diversas esferas da vida política e económica, garantindo un enfoque xuridicamente sólido baseado nas opinións da Comisión de Venecia.

Por último, Ucraína debía adoptar unha lei sobre os medios de comunicación que aliñase a súa lexislación cos estándares da UE e finalizar a reforma do marco xurídico para as minorías nacionais, aplicando mecanismos eficaces para a súa protección. Estas medidas son cruciais para que Ucraína avance cara ao cumprimento dos criterios de adhesión á UE e garanta o respecto aos valores, á gobernanza e ás normas xurídicas europeas.

O informe completouse co informe analítico da Comisión sobre a adaptación do país ao acervo da UE, publicado o 2 de febreiro de 2023. A avaliación detallada incluíuse nos informes do Paquete de Ampliación de 2023, presentados o 8 de novembro de 2023, o que marcou a primeira vez que Ucraína foi formalmente avaliada neste contexto. A Comisión recomendou entón iniciar as negociacións de adhesión, e o 14 de decembro de 2023, o Consello Europeo decidiu oficialmente dar comezo a este proceso.

O inicio formal das negociacións tivo lugar o 25 de xuño de 2024 coa primeira conferencia intergobernamental. Posteriormente, celebrouse a avaliación bilateral inicial os días 8 e 9 de xullo de 2024, na cal Ucraína avaliou a súa adecuación á lexislación da UE e esbozou plans para unha maior adaptación. Esta avaliación serve de base para a segunda rolda de negociacións, prevista para setembro.

Como sinalamos, o proceso de adhesión de Ucraína á Unión Europea avanzou significativamente desde a súa solicitude en febreiro de 2022, coa apertura oficial das negociacións en decembro de 2023 e o inicio formal das conversacións en xuño de 2024. Ucraína fixo historia ao converterse no primeiro país en pasar de solicitar a membresía a entrar en negociacións de adhesión en menos de dous anos. Este avance reflicte o compromiso de Ucraína coas reformas necesarias para aliñarse cos estándares da UE e a disposición da Unión a considerar a súa integración.

Pero, cales son as vantaxes e desvantaxes da súa entrada na Unión Europea? A primeira vista, podería parecer que Ucraína sería a única beneficiada en detrimento do resto de europeos. Porén, moitos dos problemas que presenta a adhesión, como a reforma do proceso de toma de decisións ou a cuestión do financiamento, non fan máis que evidenciar desafíos preexistentes na UE, que eventualmente deberán ser abordados.

A entrada de Ucraína podería poñer fin ao proxecto imperial ruso e á súa capacidade de desestabilizar Europa, reforzando a unidade e liberdade do continente. Ademais, Ucraína, con máis de 40 millóns de habitantes, converteríase no quinto maior membro da UE, o que podería alterar o equilibrio de poder dentro da organización e reforzar a influencia de Europa do Leste.

En termos económicos e estratéxicos, a adhesión de Ucraína tamén impulsaría a independencia enerxética da UE e contribuiría ao desenvolvemento dunha economía máis verde. A integración de Ucraína representa tanto unha oportunidade como un reto, requirindo unha planificación meticulosa para garantir unha incorporación exitosa e beneficiosa para todas as partes implicadas.