O Congreso de Raúl

Diversas variables confirman que o anuncio da realización do VI Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC), convocado polo presidente Raúl Castro para a primeira quincena de abril de 2011, suporá definitivamente a institucionalización das reformas económicas recentemente aprobadas na Habana, así como a potenciación dun amplo debate nacional que confirme os reformistas na Cuba post-Fidel.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

Diversas variables confirman que o anuncio da realización do VI Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC), convocado polo presidente Raúl Castro para a primeira quincena de abril de 2011, suporá definitivamente a institucionalización das reformas económicas recentemente aprobadas na Habana, así como a potenciación dun amplo debate nacional que confirme os reformistas na Cuba post-Fidel.

Basicamente, a asfixiante crise económica na illa caribeña dominará un Congreso que, paralelamente, non parece sinalar unha apertura política clara, salvo o reforzamento de posicións e do peso dos “raulistas” dentro das estruturas do PCC. Pode considerarse que este Congreso potenciará un pulso político interno marcadamente definido pola evolución dun debate nacional orientado a incluír a participación cidadá dentro desta nova era das reformas.

Polo tanto, este Congreso terá un carácter histórico ineludible, non só determinado por considerar que será o primeiro liderado por Raúl Castro como a máxima autoridade cubana, substituíndo a un Fidel que moi probablemente terá unha presenza simbólica como máximo secretario do PCC. O debate nacional e a participación cidadá definirá un novo PCC, máis identificado cara unha variante tecnócrata e reformista que afianzará a posición de Raúl nas estruturas de poder.

O despido de medio millón de empregados públicos, o programa de desburocratización e maior eficiencia administrativa, a xanela aberta cara o “traballo propio” e a pequena propiedade privada, a descentralización do agro cubano e do mercado inmobiliario, ou a posible eliminación de aspectos cotiás como a cartilla de racionamento, son algúns dos aspectos que marcarán a axenda deste congreso. Pero no fondo, o escenario identifica unha nova etapa, marcada pola dureza das reformas económicas.

Paralelamente, a institucionalización das reformas de Raúl se someten a un novo escenario exterior. O triunfo dos republicanos nas recentes eleccións lexislativas en EEUU moi seguramente marcarán unha axenda máis radicalizada nas relacións entre Washington e á Habana, toda vez que o lobby empresarial e agrícola estadounidense premerá con maior forza no novo Congreso e na administración para Obama para acabar co embargo e facilitar a súa entrada no apetecible mercado cubano, definido agora polas reformas económicas “raulistas”.

Escenario que levará a capitalización dunha nova etapa nas estratéxicas relacións entre Cuba e Venezuela. O mesmo día do anuncio da convocatoria do VI Congreso do PCC, Raúl Castro e o seu homólogo venezolano Hugo Chávez ampliaban ata o 2020 o Acordo de Cooperación entre ambos países, subscrito en 2000 e que ten no aspecto enerxético un valor primordial. Raúl espera posibilitar o autoabastecemento enerxético cubano, a fin de repotenciar as súas refinerías, especialmente en Cienfuegos, coa posta en marcha de novas zoas de desenvolvemento económico. Pero moito dependerá da evolución política en Venezuela, onde a oposición a Chávez recupera espazos políticos e electorais, así como da definitiva consolidación do modelo socialista de Chávez.

En todo caso, o VI Congreso do PCC de abril de 2011 marcará un xiro político clave en Cuba, onde Raúl institucionalizará as súas reformas impoñendo unha axenda repleta de novas dinámicas e iniciativas. Deste modo, ábrese así, moi probablemente, a Cuba post-Fidel.