O Curdistán e o “Gran Xogo” israelí

Chama atención como, a través dunha inédita declaración, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu amosara publicamente a semana pasada o apoio do seu goberno ás pretensións independentistas do Curdistán iraquí cando, simultaneamente, o Exército israelí lanza unha cruenta ofensiva na Franxa de Gaza, causando decenas de vítimas mortais e unha inmediata reacción por parte do movemento islamita Hamás a través do envío de mísiles no sur israelí.

Apartados xeográficos Oriente Médio
Idiomas Galego

Chama atención como, a través dunha inédita declaración, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu amosara publicamente a semana pasada o apoio do seu goberno ás pretensións independentistas do Curdistán iraquí cando, simultaneamente, o Exército israelí lanza unha cruenta ofensiva na Franxa de Gaza, causando decenas de vítimas mortais e unha inmediata reacción por parte do movemento islamita Hamás a través do envío de mísiles no sur israelí.

A declaración de Netanyahu non ven senón a confirmar as revelacións esgrimidas nos derradeiros anos sobre a activa presenza israelí no Curdistán iraquí(1). Todo isto dentro dunha conxuntura chave para as aspiracións independentistas curdas, determinadas polo caos en Iraq trala ofensiva “yihadista” do Exército Islámico de Iraq e do Levante (EIIL), un aspecto que persuadiu ao presidente do goberno da Rexión Autónoma do Curdistán (GRK), Massud Barzani, a elevar ante o Parlamento rexional curdo en Irbil unha proposta de realización dun referendo independentista para os curdos do Norte de Iraq.

Neste sentido, a posición israelí de apoiar unilateralmente o independentismo curdo implican considerar os intereses de Tel Aviv por alterar o tenso equilibrio xeopolítico en Oriente Medio. As razóns desta posición israelí poden orientarse a provocar unha fractura definitiva de Iraq e Siria, sendo Israel o primeiro Estado na rexión que amosou publicamente o seu apoio á independencia da GRK. En segundo lugar, Tel Aviv espera confeccionar un apoio máis decisivo por parte de Washington cara o independentismo curdo, tomando en conta os aparentes receos da administración Obama neste sentido.

Durante a súa recente xira por Oriente Medio a finais de xuño pasado, o secretario de Estado estadounidense John Kerry visitou inesperadamente Irbil para reunirse con Barzani, coa finalidade de concretar actuacións e intereses mutuos de cara á ofensiva do EIIL en Iraq. Esta visita, vista como a primeira realizada por un alto cargo estadounidense ao Curdistán iraquí, reforza a perspectiva dun aval por parte de Washington para fortalecer a posición xeopolítica do GRK, en particular no relativo á asistencia militar e o control dos xacementos petroleiros e hidráulicos do Curdistán iraquí.

Con todo, Washington oponse oficialmente á celebración do referendo independentista impulsado por Barzani, facendo causa común coa posición compartida co atribulado primeiro ministro iraquí Nourri al Maliki. Non obstante, Barzani e unha delegación do GRK visitaron Washington a comezos de xullo, reuníndose co vicepresidente Joseph Biden e altos cargos de seguridade nacional da administración Obama, moi probablemente coa perspectiva de estudar tanto o proxecto de referendo soberanista curdo como, colateralmente, a frontal posición israelí de apoiar a independencia do Curdistán iraquí.

Un actor incómodo: Turquía

A visita de Barzani a Washington repercutiu indirectamente nunha inmediata comunicación telefónica entre Biden e o primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan. Washington observa con atención en qué medida pode quedar afectada a relación estadounidense con Turquía ante a eventualidade dun Curdistán iraquí independente, tomando en conta que Ankara é un socio militar da OTAN e tradicionalmente un aliado xeopolítico de EUA e Israel en Oriente Medio.

Desde a chegada ao poder de Erdogan en 2002, as relacións entre Washington e Ankara amosaron fortes friccións, principalmente pola negativa turca a apoiar a invasión unilateral estadounidense a Iraq en 2003. Posteriormente, Erdogan impulsou unha política exterior de carácter máis autónoma, achegándose a Rusia, China e Irán e distanciándose moderadamente de EUA e Israel.

A xeopolítica impulsada por Erdogan alterou notoriamente os intereses de Washington e da OTAN, tal e como se veu co apoio turco a Rusia na recente crise de Crimea. Consecuentemente, as relacións turco-israelís vense polarizando polo tanxencial achegamento de Erdogan a Irán así como polas frontais críticas turcas ás ofensivas israelís nos territorios palestinos, principalmente desde 2008.

Con todo, Erdogan, que se presentará como candidato á presidencia turca nas próximas eleccións de agosto, tenta igualmente manter un equilibrio estratéxico na rexión. A súa posición cara as pretensións independentistas curdas, principalmente no relativo aos curdos en Turquía, son igualmente contraditorias: dun período inicial de certa apertura (aproximadamente entre 2003 e 2006), onde incluso permitiu o uso público da lingua e cultura curdas, pasou subitamente a unha maior fricción (2006-2010), probablemente baixo presión do estamento militar turco, coa finalidade de asestar un golpe militar definitivo cara o PKK e o irredentismo radical no Curdistán turco.

Aproximadamente desde a reforma constitucional de 2010 alcanzada por referendo popular, Erdogan tenta unha nova apertura principalmente de cara aos novos partidos políticos curdos, en particular o partido Paz e Democracia, actualmente con representación na Asemblea Nacional turca. O seu obxectivo político semella focalizarse na procreación de movementos curdos moderados dentro do establishment político turco, con clara pretensión de excluír e illar calquera manifestación irredentista radical.

Ironicamente, trala caída do réxime de Hussein en Iraq, Erdogan esforzouse por manter unha relación “cordial” con Barzani e o GRK, probablemente coa perspectiva de “cortar” calquera fluxo de relacións entre o Curdistán iraquí e os curdos de Turquía, especialmente coas milicias “peshmergas” do PKK.

Paralelamente, Ankara observa con atención os ricos xacementos enerxéticos do Curdistán iraquí, especialmente en Kirkuk, principal fonte de subministro petroleiro. Neste sentido, as pretensións de Barzani de alcanzar a autonomía enerxética curda independente de Bagdad, focalízase na negociación coas multinacionais enerxéticas, onde EUA, Europa e China manteñen unha presenza notable.

Un caso relevante ten que ver cos acordos alcanzados por Erdogan e Barzani para o transporte de petróleo dende Kirkuk ata o porto turco mediterráneo de Ceyhan, estimado entre 250.000 e 400.000 barrís diarios. Neste acordo igualmente entraría Israel a través do subministro dende Ceyhan, aspecto que fortalece a perspectiva israelí de constituírse nun actor enerxético chave no Mediterráneo Sur(2). Paralelamente, Erdogan recentemente realizou unha inédita declaración de recoñecemento dos dereitos soberanistas curdos, neste caso do Curdistán iraquí, ao considerar que “os curdos de Iraq teñen a decidir o nome e carácter político do país no que viven”(3).

Qué busca Israel

A conxuntura en torno ás pretensións separatistas do GRK ocorre nun momento de elevada tensión na política israelí, trala ruptura da coalición gobernante, toda vez o ministro de Exteriores, Avigdor Lieberman, do ultradereitista Israel Beitenu, rompera co gobernante partido Likud de Netanyahu. Lieberman argumentou como causa da ruptura a aparente falta de “man dura” por parte de Netanyahu contra Hamás.

A ambigüidade israelí apoiando a independencia curda mentres nega calquera dereito similar aos palestinos (incluso potenciando a máis grave acción militar en Gaza desde 2009), así como a ruptura de Lieberman, colocan a Netanyahu nunha posición de maior complexidade. Con todo, a actual situación de caos entre Siria e Iraq coa ofensiva do EIIL focaliza o obxectivo xeopolítico de Tel Aviv por propiciar unha alteración do equilibrio estratéxico en Oriente Medio a través da prosecución dun novo aliado rexional, neste caso un eventual Estado curdo independente ao Norte de Iraq.

Neste sentido, Israel pretende exercer unha presión sobre Turquía e EUA ante os seus recentes achegamentos aperturistas cara Irán, sendo este o verdadeiro obxectivo estratéxico israelí. A contención dun Irán fortalecido por unha apertura diplomática occidental terá unha maior incidencia no mercado petroleiro internacional, un factor que  igualmente preocupa a Arabia Saudita e Catar, razón pola que estes países árabes comezan a tecer unha especie de “fronte común” con Israel, observando con beneplácito un Curdistán independente que sirva de eventual aliado e de “tapón xeopolítico” entre Turquía e Irán.

De eventualmente tecerse unha rede de intereses entre Israel, Arabia Saudita e Catar de contención a Irán e polarización de Turquía a través do irredentismo curdo, Tel Aviv estaría compensando as ameazas “yihadistas” de cara aos dous únicos Estados árabes que recoñecen ao Estado de Israel: Xordania e Exipto.

A debilidade estrutural de Xordania, principalmente polo radio de expansión da guerra siria en materia de refuxiados así como das presións de grupos “yihadistas” internos ou, incluso, asociados ao EIIL, supón unha carga estratéxica para Israel, moderadamente compensada polo golpe militar en Exipto (xullo de 2013), que depuxo ao goberno de Mohamed Morsi e da Irmandade Musulmá, “lexitimado” recentemente coa elección presidencial do xeneral golpista Fatah al Sissi en maio pasado.

O golpe de al Sisis e a visita de Kerry ao Cairo en xuño pasado significou o aval de Washington ao novo réxime militarista exipcio, o cal igualmente serve a Israel para bloquear definitivamente a orientación de Morsi cara Turquía e Irán establecida moderadamente entre 2012 e 2013, así como a eventualidade dunha correlación de forzas islamitas exipcias co Hamas palestino a través de Gaza, un factor que igualmente pode explicar a ofensiva actual israelí no territorio palestino, contando co tácito aval do novo réxime exipcio. Paralelamente, este golpe de al Sissi serviu aos intereses sauditas porque precisamente abortaba esta implicación iraniana en Exipto.

A falta de coñecer con exactitude cal será o futuro soberanista do Curdistán iraquí, a materialización dunha fractura territorial de feito en Iraq e o caos na porosa fronteira con Siria, supoñen variables que condicionan os intereses estratéxicos israelís e, colateralmente, de EUA.

En perspectiva, Israel busca nun eventual Curdistán iraquí independente un aliado rexional estratéxico con capacidade enerxética e loxística, que simultaneamente sirva de contención a unha eventual entente turco-iraniana, que afecte a seguridade interna de Turquía e Irán a tenor do foco de movementos independentistas curdos eventualmente entusiasmados por un eventual Curdistán independente, e finalmente como de medida de persuasión de cara os intereses estratéxicos de Obama, focalizados en trazar unha apertura con Irán que lle permita a Washington degradar a súa atención en Oriente Medio a favor do seu verdadeiro obxectivo: o equilibrio estratéxico en Asia-Pacífico.

Deste xeito, a paulatina “degradación” estadounidense cara Oriente Medio deixaría a Israel ante unha complexa situación xeopolítica rexional, polarizada pola perda de influencia en Washington e a necesidade de abrir novas alianzas na rexión. Alianzas que poden traducirse en inesperados movementos xeopolíticos en Oriente Medio, onde a hipotética potenciación dunha eventual rede de intereses entre Israel e Arabia Saudita co respecto ao Curdistán iraquí significaría un cambio xeopolítico histórico na rexión.



(1) Moi probablemente, a fonte de información inicial sobre os contactos israelís coa GRK trala caída do réxime de Saddam Hussein proveñen do artigo do xornalista estadounidense Seymour Martin Hersh, “The Next Act”, escrito no xornal The New Yorker en 2006, na que trata a presunta cooperación militar e loxística israelí a favor dos “peshmergas” curdos e milicias do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK en curdo), a fin de eventualmente configurar unha especia de “Estado tapón” curdo entre Siria e Iraq, fronteirizo con Turquía e Irán, potenciais rivais xeopolíticos israelís que veñen mantendo un visible achegamento nos derradeiros anos. Para consultar o artigo de Seymour M. Hersh, acceder ao enlace: http://www.newyorker.com/archive/2006/11/27/061127fa_fact?printable=true. Sobre as conexións entre Israel e o PKK, igualmente recoméndase consultar o artigo de ALI, Othman, “Possible Consecuences of Israel-PKK Union”, accesible en: http://www.todayszaman.com/news-257074-possible-consequences-of-pkk-israeli-unionby-othman-ali*.html. Desde 2003, pouco despois da caída do réxime de Hussein en Iraq, proliferaron os contactos entre o Curdistán iraquí e Israel, especialmente en materia de cooperación económica bilateral (principalmente agrícola), así como diversas fontes aseguran unha intensificación da presenza do servizo de intelixencia israelí, o Mossad, no Curdistán iraquí desde 2013. Para maior información, consultar: “El Mossad aumenta presencia en el Kurdistán iraquí”, HispanTV, 28 de febreiro de 2013. Ver en: http://hispantv.com/NewsPrint.aspx?id=215334

 

(2) Sobre os intereses enerxéticos israelís no Mediterráneo Sur, consultar o artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto, “Nova xeopolítica no Mediterráneo Sur”, IGADI, 9 de maio de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/nova-xeopolitica-no-mediterraneo-sur

(3) “El Kurdistán en ciernes”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 896, 30 de xuño de 2014. Páxina 5.