Que perspectivas asoman na crise boliviana tralo anunciado triunfo autonomista no referendo de Santa Cruz? Segundo diversas enquisas, o resultado non deixaría lugar a dúbidas: un 85% dos cruceños votaron a favor da autonomía desta provincia, territorialmente a máis grande de Bolivia e considerada a máis rica en petróleo, gas natural e agroindustria.
Este referendo, considerado polo goberno de Evo Morales e pola Organización de Estados Americanos (OEA) como "ilegal" e "anticonstitucional", contén dous elementos tan contraditorios como ineludibles: a súa evidente ilegalidade corre paralela a un determinado carácter de lexitimidade electoral, tomando en conta a alta participación e o contundente triunfo do "Sí". Este factor debe ser tomado en conta tanto polas elites cruceñas como polo propio Morales.
Con isto, a perigosa polarización sociopolítica boliviana entrará nunha nova fase tras este referendo. Os conatos específicos de violencia en Santa Cruz e noutros departamentos veciños entre simpatizantes da autonomía e partidarios do presidente Morales advirten dun delicado escenario de violencia con alta capacidade de expansión dentro do territorio boliviano, así como de directas repercusións nos países veciños, principalmente Brasil, Arxentina, Perú e Chile, no relativo a posibles fuxidas masivas de refuxiados bolivianos.
Violencia ou diálogo?
Paralelamente, a consulta autonomista en Santa Cruz supón un delicado referente non só para Bolivia senón para outros países latinoamericanos. A temida "balcanización" boliviana, advertida anticipadamente por Morales, Fidel Castro e Hugo Chávez, pode fraguarse no caso de que os departamentos de Pando, Beni e Tarija decidan seguir o exemplo de Santa Cruz. A referencia cruceña pode tamén expandirse noutros escenarios hemisféricos case similares, como é o caso do estado venezolano de Zulia, rico tamén en petróleo e agroindustria.
Disuadidos pola perigosa violencia, un escenario probable a mediano prazo se orientaría cara a negociación política entre o goberno central e as autoridades cruceñas. As elites de Santa Cruz, impulsoras dun referendo autonomista de marcado carácter económico manifestado no control e fiscalizacións dos apetecibles recursos naturais, poden sentirse agora alentadas a premer politicamente a Evo Morales cara un proceso de negociación tendente a propiciar unha maior descentralización administrativa.
Amparado na súa legalidade institucional e o respaldo internacional a través da OEA e diversos gobernos como Venezuela, Cuba e Ecuador, Morales pode tamén verse persuadido a fomentar un proceso de diálogo coas elites cruceñas ante este inevitable pulso político.
Semanas atrás, a oferta presidencial de negociar un estatuto de autonomía administrativa para Santa Cruz podería volver ao escenario político a fin de discutir determinados puntos da axenda autonomista sen que isto constitúa necesariamente unha ameaza directa á integridade territorial boliviana.
Obviamente, a posible ruptura dos canais negociadores daría paso a unha radicalización do escenario sociopolítico tanto en Santa Cruz como noutras rexións, a tenor da presenza de grupos civís armados entre ambos simpatizantes e a posible conxunción indiscriminada dos intereses de países como Brasil, altamente dependente do gas cruceño; Venezuela, aliado político e ideolóxico de Morales; e EEUU, público detractor de Evo Morales e aparente "orquestador" da autonomía cruceña.
Aínda que con escaso ou nulo apoio exterior, a concreción dun ente case-estatal en Santa Cruz trastocaría inevitablemente o mapa xeopolítico sudamericano, especialmente de cara a Brasil, Venezuela e Arxentina, cuxa potencialidade económica na área sudamericana vese manifestada por constituírse en estratéxicos socios enerxéticos de Evo Morales.
Tanto como a polarización política e as tensións territoriais, outro elemento de importancia ten que ver cos votantes contrarios á autonomía cruceña, especialmente dentro da comunidade indíxena, base social de apoio ao presidente Morales, e que en Santa Cruz ocupa un lugar menos preponderante ante os segmentos brancos europeizados e mestizos. Obviar este factor afondaría o carácter explosivo do labirinto boliviano, compactado polo desafío autonomista cruceño.
Este delicado baile de intereses obriga a centrar a atención nos asuntos bolivianos. Nin resulta excesiva unha secesión de facto que active escenarios violentos como tampouco resulta improbable a axilización de mecanismos de negociación entre o goberno central en La Paz e a rexión de Santa Cruz. Neste delicado péndulo móvese unha Bolivia polarizada territorialmente e fragmentada de facto.