Unha reflexión de Teresa Barro

O fío común

Pódese ver o que acontece hoxe no mundo como episodios confusos e desconectados, ou pódese ver un fío que os une a todos eles e que talvez leve a unha desas mudanzas  lentas e profundas que hai ás veces na historia da humanidade.

Liñas de investigación Observatório das Diásporas
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Pódese ver o que acontece hoxe no mundo como episodios confusos e desconectados, ou pódese ver un fío que os une a todos eles e que talvez leve a unha desas mudanzas  lentas e profundas que hai ás veces na historia da humanidade.

Nestes momentos hai movimentos migratorios que en cantidade só se poden comparar cós da Segunda Guerra Mundial, mas nos que aparecen algúns elementos diferentes que poderían formar parte dese fío común.  As enchentes de ríos humanos que inundan Europa non están formadas só por refuxiados, senon tamén, como buliron a sinalar os governos para apresar esas augas que invaden os países, por ¨emigrantes económicos¨, en xeral homes novos que arriscan a vida para buscar o traballo e as oportunidades que nos seus países non teñen.  Eses ¨emigrantes económicos¨ dispostos a invadir países e continentes son parte dun fío de protesta e insubmisión que tamén se ve no polo oposto, na reacion contra as vagas de inmigrantes que xurdiu en moitos países da Unión Europeia e que sería un erro desbotar como populismo e xenofobia sen mais, porque hai nela unha protesta contra a hipocrisía dos políticos, a mesma que fai que en cuase todos os países da Europa non se quera votar aos partidos convencionais.  Os políticos non contaban con esa invasión da Europa por xentes que non teñen nada que perder e que xa tivo varias consecuencias: amostrar que a Unión Europeia non funciona e que sempre tenta tapar un erro con outro pior, dividir as nacións por dentro e entre elas e, no ámbito internacional, que os que están destrozando Siria como antes destrozaron outros países estén empezando a ver que as guerras poden dar lugar a invasións que non lles conveñen, como a dos refuxiados en Europa.

Onde mais se ve ese fío común de protesta é no feito de que, igual que nalgun momento se deixou de facer caso aos que falaban en nome das relixións, agora non se acredita no que din os políticos e ninguén lles fai caso tampouco.  Todo o mundo se decatou de que son oligarquías que, como as oligarquías eclesiásticas, usan a doutrina  do ¨deus verdadeiro¨ para se repartiren o poder e o diñeiro entre eles e os seus amos.  En cuase todos os países da Europa a xente prefire a partidos e políticos que non actúan como robós, non seguen o guión e se atreven a dicer o políticamente incorrecto.  A protesta é contra o autoritarismo político, contra usar a política para enganar, roubar e escravizar.   

A meiados do século XX comezou unha transición revolucionaria da familia autoritaria, na que os fillos nascen para os pais e teñen que facer o que eles dictan, á familia democrática.  Esa transición, ainda que nen sequer empezou en moitos países do mundo, rompeu o padrón autoritario e xa non sería posível voltar ao de antes, porque a familia democrática funciona  mellor que a autoritaria e todos saen gañando.  A xente aburriuse de viver aprisoada nas familias e na sociedade e comezou a rebelarse e a buscar maneiras mais liberadoras de organizarse.   E pode que esa protesta contra a tiranía, a corrupción e o mando absoluto das ¨autoridades¨ que se está empezando a ver na política das nacións forme parte dunha transición na dimensión política semellante á que sucedeu na dimensión familiar, e que ese sexa o fío común que está empezando a tecer modelos menos autoritarios de organizar a política e a vida das nacións.