O gran negocio da guerra

Nun recente informe do SIPRI (Stockholm International Peace Research Institute) relativo á evolución do comercio de armas en 2016, recóllese que as vendas entre Estados eleváronse á astronómica suma de 374,8 mil millóns de dólares, o que equivale a un aumento do 38 por cento nos últimos catorce anos. Tras un lustro de estancamento, a alza experimentada en 2016 verase novamente confirmada en 2017, con total seguridade.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Nun recente informe do SIPRI (Stockholm International Peace Research Institute) relativo á evolución do comercio de armas en 2016, recóllese que as vendas entre Estados eleváronse á astronómica suma de 374,8 mil millóns de dólares, o que equivale a un aumento do 38 por cento nos últimos catorce anos. Tras un lustro de estancamento, a alza experimentada en 2016 verase novamente confirmada en 2017, con total seguridade.

Estados Unidos vai en cabeza neste lucrativo negocio, acaparando case o 60 por cento das vendas totais. Rusia vai detrás, cun 23 por cento das armas vendidas. E aparece un novo fornecedor, Corea do Sur, que se abre un oco entre os grandes. O Washington do “America first” manterá a tónica de observar o mundo baixo o prisma da seguridade. E non se descarte que medidas diplomáticas cualificables de puro vandalismo como o traslado da embaixada de Tel Aviv para Xerusalén, en Israel, acochen propósitos ligados ao incremento deste comercio, tan lucrativo en toda a rexión.

Só a efectos de comparación: a axuda pública dos países ricos aos países en vías de desenvolvemento alcanza uns 140 mil millóns de dólares por ano, é dicir, nin a metade da suma citada polo SIPRI…. Por exemplo, se ollamos para África, o programa mais significativo lanzado por EUA é o African Growth and Opportunity Act (Agoa), en tempos de Bill Clinton (2000). Esta lei representou a tentativa mais avanzada para saír da relación clásica donante-receptor, para orientala cara unha verdadeira asociación económica. George W. Bush lanzou un programa de axuda humanitaria centrado na loita contra a Sida. E Obama a iniciativa para os novos líderes africanos e un programa de electrificación. E Trump?

O orzamento proposto por Trump ao Congreso propón unha redución do 28 por cento nas partidas do departamento de Estado e na Axencia para o desenvolvemento internacional, así como a eliminación dos fondos destinados a asistencia de urxencia aos refuxiados e migrantes. No total, os programas destinados a Africa baixan un trece por cento. Na mesma liña, o orzamento para defensa aumenta un 10 por cento.

Semellantes números reflicten con claridade as prioridades da Casa Branca, que opta sen disimulos e en liña coa franqueza que caracteriza ao seu actual inquilino, pola forza fronte a diplomacia. Trump tivo ocasión xa de despregar tropas en África do Leste ou vender material militar a Nixeria por valor de 504 millóns de euros. O único alto cargo da súa administración que visitou África foi Jim Mattis, o xefe do Pentágono, e, naturalmente, á base estadounidense de Djibouti…