O humanitario

Inseparable do auxe dos dereitos humanos, o humanitario é un deses conceptos novos, ou renovados (globalización, nova economía, pensamento único, etc) que forman parte do vocabulario da post-guerra fría, a pesares dos anos transcorridos, época aínda de transición cara un mundo de perfil indefinido, inicialmente unipolar pero quizáis multipolar.

O humanitario é un concepto complexo, doado de manipular, porque no seu desenvolvemento práctico presentasenos a miúdo inseparable das emocións; un concepto de arestas difíciles de redondear, especialmente cando sirve de pretexto e cobertura a intereses escuros, escasamente relacionados co apoio ás comunidades en perigo, comunidades que se abandoan cando xurde a mínima dificultade, facendo dubidar da sinceridade última dalgunhas actuacións.

O humanitarismo debería fundamentarse na observación e na defensa da legalidade internacional, pero tamén esta é fráxil e inadaptada en moitos aspectos á realidade actual. A ONU non está á altura das circunstancias e a pesar de que son moitos os que formalmente asumen que nela debería residir todo o peso das grandes decisións e das propias actuacións, ninguén da pasos reais nese sentido e non faltan países que a manipulan en aras de satisfacer ambicións claramente hexemónicas.

O humanitarismo debe comezar na propia "casa". Non pode ser unha nova versión daquel cristianismo de conquista que simplemente aspira a lexitimar o uso da forza contra determinados países (si Iraq ou Iugoslavia pero non Turquía ou Israel). Son moitas as cuestións que suscita a acción humanitaria: que facer cos responsables locais, en que medida debe reducirse a soberanía estatal, como evitar os dobres raseiros. E tamén contradiccións: os mesmos países que lideran intervencións con argumento humanitario son quen de negarse a ratificar a participación naquel Tribunal Penal Internacional chamado a perseguir os grandes crimes contra a humanidade. E non poucos dilemas: un elemental, cal é o papel das ONGs, cal debe ser a medida do seu compromiso, cal a capacidade para non ser víctimas da manipulación dos grandes actores que deciden realmente, ou cando apostar por unha intervención e de que tipo.

Hai moitos lugares onde intervir e moitas formas de intervención (dende a simple asistencia ata a intervención militar), pero cegados polo peso da inmediatez, quizáis tamén interesada, seguimos a ignorar o gran talón de aquiles de toda esta problemática: a prevención das crises. Asi, sempre se chegará tarde. Cómpre camiñar cos dous pés.