ucraina

O Kremlin pretende continuar a escalada militar

A actual fase da guerra de Rusia contra Ucraína (porque a guerra en si empezara xa no 2014) cumprirá en poucas semanas un ano desde que o agresor se atreveu, en febreiro de 2022, a pasar a unha invasión aberta e masiva. Porén, a crecente intensidade de combates non axuda aos rusos a conseguir o éxito precisamente naquela parte declarada o obxectivo principal da chamada "operación militar especial", isto é, a protección da integridade territorial das pretendidas "repúblicas populares de Donetsk e Luhansk".
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Rusia Guerra Ucraína
Idiomas Galego

Na zona de Donetsk, continúan dando pasos sen avanzar, a pesar de ter trasladado cara a alá tropas de reforzo desde outras áreas durante o verán, de ter substituído ao comandante das tropas de operacións especiais en outono, de ter declarado as rexións ucraínas como parte integral da Federación de Rusia …

Se non fose pola brutal destrución de Bakhmut, as repetidas declaracións dos rusos sobre a captura da cidade podería ser motivo de risa. O mesmo sucede agora con Soledar, outra pequena cidade na zona que ten unha importancia estratéxica para conquistar o resto da provincia de Donetsk. Durante a noite do xoves, as forzas rusas volveron a utilizar masivamente artillería, mísiles e avións para bombardear esta cidade salineira, a pesar de ter afirmado anteriormente que fora capturada por eles.

Para conquistala, Rusia lanzou a súa mellor forza de combate: paracaidistas e a empresa militar privada Wagner. Os primeiros demostraron en Afganistán a súa capacidade de loitar sen pensar no sentido (de feito, alí non conseguiron ningunha vitoria e combateron principalmente para sobrevivir aquela aventura soviética) e os ‘wagner’, capitaneados por un ex convicto penal, que actualmente recruta as súas reservas entre delincuentes comúns convictos, incluídos asasinos reincidentes, e son verdadeiros mercenarios que se gañan a vida (e a amnistía) abatendo sen piedade nin reflexión a calquera que lles indicase o xefe (pénsese, por exemplo nas súas actuacións en Siria ou África Central).

É evidente que o Kremlin está decidido a gañar en Ucraína custe o que custe. A pesar da situación pouco prometedora na que se atopan as forzas rusas, que nin sequera o ‘carniceiro de Alepo’, xeral Surovikin, puido salvar, sendo degradado o 11 de xaneiro como comandante en xefe das forzas da “operación militar especial”, agora será o seu suplente.

Por unha orde do ministro de defensa ruso, as forzas rusas en Ucraína serán comandadas polo xefe do Estado Maior da Federación Rusa Valeri Guerásimov, once anos maior que o seu novo suplente. Os expedientes profesionais dos dous xerais son bastante parecidos: ambos graduaron-se con honras en todos os niveis de formación militar, participaron como comandantes en Chechenia, Siria, en Ucraína desde o comezo da intervención en 2014. Guerásimov, sendo Xefe do Estado Maior, planificou e organizou a participación directa de efectivos militares rusos no que debía verse como autodefensa de “rusófonos de Donbás”. Agora estará directamente ao mando das tropas invasoras e a guerra será máis guerra que operación especial.

A decisión do Kremlin de non deterse, senón escalar a guerra, foi expresada fai un par de días polo secretario do Consello de Seguridade da Federación de Rusia, Pátrushev. O comunicado fai rememorar as “entrevistas” de Stalin, que usaba certos medios de prensa para facer declaracións ou facer saber as súas opinións de carácter estratéxico, sen que tivesen as implicacións que cando o fai o goberno ou outro organismo oficial.

As declaracións de Pátrushev tamén sonaron lapidarias e ameazantes. É un personaxe moi próximo a Putin, pola súa posición na pirámide do poder, tamén por ser un profesional da seguridade do Estado soviética que coñeceu ao actual presidente ruso nos anos 70.

Vale citarlle literalmente: “Os acontecementos en Ucraína non son unha colisión entre Moscova e Kíiv, senón un enfrontamento militar entre a OTAN e, sobre todo, Estados Unidos e Gran Bretaña, con Rusia.”

É dicir, Ucraína como tal, non xoga papel nisto nin existe nas terras que o Kremlin considera rusas. “Mediante a operación militar especial, Rusia libera as súas rexións da ocupación”, dixo o político. E é Occidente quen destrúe a Ucraína: “Para satisfacer as súas ambicións, Occidente está practicamente a destruír ao pobo ucraíno”. Palabras e acusacións baleiras, porque é Rusia que manda bombas e mísiles matando civís e destruíndo infraestruturas vitais

“Todo o conto con Ucraína foi deseñado en Washington co propósito de pór a punto a tecnoloxía de dividir e enfrontar a un mesmo pobo,” continúa Pátrushev. “A millóns de persoas prohíbese falar a súa lingua, que lles é nativa desde o seu nacemento, o ruso, e obsérvaselles a esquecer as súas orixes”. Aos que se lles obriga a esquecer as súas orixes é aos millóns de ucraínos en Rusia, que oficialmente son o terceiro grupo étnico do país e non teñen ningunha posibilidade para estudar na súa lingua materna.

Aínda que na Crimea anexionada o ucraíno é declarado unha das tres linguas oficiais, como con falacia menciona Pátrushev, na práctica non ten ningunha cabida. Nas outras rexións anexionadas o ensino en ucraíno está prohibido, eliminan-se mesmo os libros en ucraíno das bibliotecas.

A mentira en boca dun político ruso non pode sorprender a ninguén, pero cando se publica nun xornal dos máis lidos, que pretende ter acceso a información privilexiada, é unha subversión de alcance perigoso.

A guerra que leva a cabo Rusia, conducida polas súas ambicións de imperio perdido, é absurda, como absurdas tamén son as explicacións que lle dan os seus políticos do máis alto nivel. Con esa xente é imposible falar para chegar a algún acordo, facéndoos que volvan á razón. Teñen obxectivos criminais e están convencidos que só poden logralos con métodos criminais. Cómpre atopar unha forma de quitarlles a súa forza. Mentres tanto, usar toda forza militar posible contra eles, é o único que entenden.