Como revulsivo para revitalizar NN.UU., o secretario xeral, António Guterres, convocou o Cumio do Futuro, celebrada os días 22 e 23 de setembro de 2024, coa intención de contribuír á mellora da gobernanza global, impulsar a Axenda 2030 e adaptarse a unha nova orde mundial en reconfiguración. Tras un longo proceso de negociación, adoptouse o Pacto para o Futuro máis dous anexos, o Pacto Dixital Global e a Declaración sobre as Xeracións Futuras, que constitúen a base dun proceso de reforma inaprazable que restitúa ás Nacións Unidas o seu papel central na gobernanza global.
A consolidación de China como un poder asertivo de influencia global, así como a emerxencia dun Sur Global que cuestiona a orde liberal deseñada a medida das potencias occidentais e perpetúa a desigualdade e a dependencia, foron parte dos condicionantes das negociacións para lograr un consenso. Ficaron en evidencia visións diverxentes entre o Norte e o Sur Global que veñen de lonxe, pero esa dialéctica non explica todas as tensións do sistema, xa que existen múltiples fracturas que determinan coalicións de xeometría variable dependendo dos temas, os intereses e as capacidades dos distintos actores.
Moitas das reclamacións apuntan á falta de representatividade nos órganos principais da organización, como o Consello de Seguridade ou os organismos económicos e financeiros. Outras demandas refírense á necesidade de dotar as institucións multilaterais de recursos financeiros e humanos para avanzar na Axenda 2030, en retroceso tras os efectos das múltiples crises superpostas. Alértase tamén sobre a necesidade de mellorar a capacidade de anticipación e reacción ante os conflitos e para xestionar os efectos do cambio climático. A isto súmase a incerteza xerada polo acelerado cambio tecnolóxico e a irrupción da intelixencia artificial (IA). O Pacto para o Futuro estruturouse en cinco capítulos: 1) financiamento do desenvolvemento sustentable; 2) paz e seguridade; 3) ciencia, tecnoloxía e innovación; 4) mocidade e xeracións futuras; e 5) transformación da gobernanza global.
O primeiro eixo buscou establecer as bases para a reforma da arquitectura financeira internacional e propoñer medidas para dotar as institucións financeiras de maior lexitimidade e transparencia, con maior representatividade do Sur na toma de decisións. A creación dun asento para a África Subsahariana supón un paso na boa dirección. Un tema controvertido é a necesidade de responder de forma equilibrada, eficaz e rápida aos problemas da débeda soberana dos países do Sur, que enfrontan cifras históricas de endebedamento tras a COVID-19. Tamén preocupa a necesidade de incrementar o financiamento para o cambio climático, aínda que os escasos avances da COP29 en Bakú meses despois non mostraron melloras.
O Cumio do Futuro sentou as bases para as negociacións da IV Conferencia de Financiamento Internacional para o Desenvolvemento, que se celebrará en xuño de 2025 e da que xa existen borradores nos que se recollen algunhas das propostas do Pacto para o Futuro, como a necesidade dun mellor aliñamento dos sistemas fiscais e financeiros coa axenda de desenvolvemento, así como maximizar as fontes de recursos públicos e privados hoxe infrautilizadas, como os dereitos especiais de xiro ou a banca multilateral e nacional de desenvolvemento. A transparencia, a cooperación fiscal e a loita contra a corrupción foron tamén obxecto de negociacións, cun chamamento á codificación vinculante.
A reforma da Axenda de Paz é a que máis acusa a crise do sistema. As negociacións para a reforma do Consello de Seguridade, que todos recoñecen necesaria, non avanzan debido ao bloqueo das grandes potencias con dereito a veto. Porén, o pacto defende un Consello máis inclusivo e a limitación do veto, así como o incremento do papel da Asemblea Xeral. A reforma das Operacións de Mantemento da Paz e a mellora do seu financiamento son outros dos puntos en negociación.
O capítulo dos desafíos da transición dixital centrouse na negociación do Pacto Dixital Global, cuxo obxectivo é establecer un consenso mundial sobre os principios que deben rexer o ciberespazo para garantir unha transición dixital transparente, inclusiva, segura e responsable. As negociacións evidenciaron diferenzas sobre o papel dos estados nun espazo no que predomina unha gobernanza descentralizada. O pacto non resolveu este tema, pero prioriza unha plataforma multipartes como foro de gobernanza. Outro foco das negociacións foi o dereito á información veraz como un ben común protexido polo dereito internacional, defendendo un marco de rendición de contas e responsabilidade para as plataformas e axencias implicadas, así como a necesidade dun código de conduta.
O apartado relativo aos dereitos das xeracións futuras enmárcase na necesidade de impulsar unha perspectiva a longo prazo que teña en conta os efectos das decisións presentes na poboación do futuro. Proponse fomentar procesos participativos que inclúan á mocidade nos procesos de negociación e incorporar un principio de solidariedade interxeracional que aborde a loita contra as desigualdades actuais. As reformas institucionais inciden na necesidade de reforzar a capacidade de anticipación, transparencia, participación e innovación, para o que tamén se require un cambio na cultura institucional e a incorporación de ferramentas de innovación tecnolóxica.
O Cumio e o Pacto para o Futuro amosan o camiño a seguir, mais hoxe enfrontan dificultades engadidas coa proliferación do unilateralismo e a retirada de actores ata agora de gran peso. Porén, a acción decidida do Sur Global foi determinante para a adopción do Pacto, e a perspectiva de novas alianzas alimenta a chama dunha renovación do sistema de gobernanza internacional.

