Tensións in crescendo polarizan o espazo sociopolítico

O malestar latinoamericano

A crise social e política acaecida recentemente en Ecuador, parcialmente aplacada tralo acordo entre o presidente Lenin Moreno e o movemento indixenista CONAIE, xunto ás violentas tensións sociais en Chile, a crise institucional en Perú e as incertezas pos-electorais en Bolivia, catalizan as aínda visibles consecuencias derivadas do descontento cidadá ante a actual representación política e a aplicación de “paquetazos” e medidas de austeridade impulsadas polo FMI. Este cóctel explosivo aumenta este malestar ante a corrupción institucionalizada (caso Odebrecht) e particularmente polo cadro de recesión económica derivada da caída dos prezos das materias primas, o cal obstaculiza o gasto público expansivo experimentado por diversos gobernos de esquerdas durante a década de 2000.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Palabras chave crise América Latina
Idiomas Galego

A crise social e política acaecida recentemente en Ecuador, parcialmente aplacada tralo acordo entre o presidente Lenin Moreno e o movemento indixenista CONAIE, xunto ás violentas tensións sociais en Chile, a crise institucional en Perú e as incertezas pos-electorais en Bolivia, catalizan as aínda visibles consecuencias derivadas do descontento cidadá ante a actual representación política e a aplicación de “paquetazos” e medidas de austeridade impulsadas polo FMI. Este cóctel explosivo aumenta este malestar ante a corrupción institucionalizada (caso Odebrecht) e particularmente polo cadro de recesión económica derivada da caída dos prezos das materias primas, o cal obstaculiza o gasto público expansivo experimentado por diversos gobernos de esquerdas durante a década de 2000.

En perspectiva, a rexión parecera volver aos convulsos anos 1990, moi determinados polas crises políticas e sociais e a presión dos organismos financeiros internacionais a través de impopulares políticas de axuste macroeconómico, que pulsan constantemente a conflitividade social.

Simultáneo a Ecuador, o contexto suramericano está igualmente convulsionado pola crise política en Perú, derivada da recente disolución do Congreso por parte do presidente Martín Vizcarra. Pero aquí non semella visualizarse, cando menos directamente, a man do FMI. Mais ben, as chaves desta crise definen unha tensión institucional entre os poderes Executivo e Lexislativo derivada trala caída do ex presidente Pedro Pablo Kuczynski (marzo de 2018) pola súa presunta implicación no “escándalo Odebrecht”. Vizcarra xa anunciou comicios lexislativos para o próximo 26 de xaneiro de 2020, pero a crise institucional semella instalada, activando así as tensións políticas preelectorais.

O “caso Odebrecht” define igualmente un marco de corrupción que implica practicamente a toda a rexión, dende o seu epicentro en Brasil ata Venezuela, Colombia, Panamá, Ecuador e Argentina, entre outros. O peruano Kuczynski foi a “vítima” política mais visible, toda vez o ex presidente ecuatoriano Rafael Correa (moi activo na recente crise nese país) tamén está sendo investigado xudicialmente por estas conexións.

Outro caso significativo desta conxunción de “paquetazos” do FMI, escándalo Odebrecht e crise política con clima electoral é a Argentina de Mauricio Macri. O país volveu á adopción das controvertidas receitas macroeconómicas do FMI ante os axustes e recortes realizados por Macri, tamén investigado polo caso Odebrecht. Isto afondou a crise da débeda arxentina, e a súa previsible suxeición ás receitas do FMI. E isto ten inmediatas consecuencias no ámbito político e electoral.

As eleccións PASO de agosto pasado definiron un posible retorno dun “post-kirchnerismo” en mans do candidato Alberto Fernández, quen disputará con Macri a contenda electoral presidencial prevista para o próximo 27 de outubro. O péndulo político e o equilibrio rexional xóganse moito nestas eleccións arxentinas.

En Bolivia, as denuncias de presunto fraude veñen empanando as pretensións de Evo Morales de encamiñarse a unha cuarta reelección, tralos comicios presidenciais celebrados o pasado 20 de outubro. Co 84% dos cómputos, anunciábase unha segunda volta entre Evo e o opositor e ex presidente Carlos Mesa para o próximo 15 de decembro. Pero nunha viraxe de última hora, o organismo electoral boliviano adxudicou a vitoria a Morales en primeira volta. A OEA amosou as súas suspicacias sobre a veracidade deste último cómputo, cualificándoo de “viraxe incomprensible”. Toda vez, EUA e outros países sospeitan dun fraude electoral. Mesa e as forzas opositoras xa anunciaron o seu descoñecemento deste cómputo electoral de última hora, instando a mobilizacións sociais. Polo pronto, a crise pos-electoral xa cobrou unha vítima política: o vicepresidente do Tribunal Supremo Electoral boliviano, Antonio Costa, renunciou ao seu cargo amosando “inconformidade” con esta decisión electoral que daba a vitoria absoluta a Evo Morales.

En bonanza económica e con maior estabilidade institucional en comparación cos seus veciños suramericanos, Bolivia observa agora o retorno da tensión política en chave electoral, tomando en conta a conxunción de forzas opositoras, dentro e fora do país, que aducen da ilexitimidade constitucional da candidatura presidencial de Evo. Debe lembrarse que Morales perdeu en 2018 un referendo popular sobre a reelección indefinida para, posteriormente, ser habilitado polo Tribunal Supremo Constitucional a través dunha controvertida decisión que lle permitiu volver a postularse como candidato para un cuarto mandato presidencial.

Brasil semella estar á expectativa de todas estas crises rexionais, toda vez o igualmente polémico presidente Jair Bolsonaro podería observar unha crise social na recámara, con repercusións políticas, en caso de que o Tribunal Supremo ditamine as presuntas irregularidades no proceso xudicial seguido contra o ex presidente Lula da Silva polo caso “Lava Jato”.

En prisión con condena de nove años, o “caso Lula” pode representar a activación dunha posible crise política e institucional para o denominado “Trump brasileiro”, sen que con isto se descarten tensións e polarización derivadas cara un posible “impeachment” contra Bolsonaro, similar ao sucedido en 1992 contra Fernando Collor de Mello e en 2016 contra Dilma Rousseff. Non obstante, Bolsonaro logrou esta semana sacar adiante un dos seus principais proxectos, a reforma de pensións, que aumenta a idade de xubilación. Queda por ver se isto non provocará protestas nas rúas.

A crise política, institucional e humanitaria venezolana tamén repercute seriamente na rexión, a tenor do éxodo masivo de venezolanos cara países veciños como Colombia, Perú, Ecuador, Brasil, Chile, Panamá e Argentina. Nos casos das recentes crises ecuatoriana e peruana, o tema venezolano non foi alleo, en constante tensión polas acusacións de presuntas inxerencias políticas exteriores (Ecuador) e casos de xenofobia cara migrantes venezolanos (Perú). Pero tamén está presente nas eleccións arxentinas, particularmente ante a posibilidade de que o “post-kirchnerismo” volva ao poder en Bos Aires e modifique o recente equilibrio rexional favorable a gobernos de dereita, contrarios ao réxime de Nicolás Maduro. Un tema recorrente dentro do actual debate político e electoral entre Macri e Fernández.

Con menos intensidade, Colombia tamén ofrece este ciclo de renovada tensión política rexional. Cuns Acordos de Paz aínda en fase de negociación e activación, o presidente Iván Duque enfróntase agora ao retorno ás armas dunha facción guerrilleira das FARC, tralo anuncio realizado en agosto pasado, e ás secuelas da crise económica. Isto espallou a permanente tensión bilateral entre Bogotá e Caracas, toda vez o “uribismo” segue a gravitar politicamente con forza no Palacio de Nariño, acusando das presuntas conexións entre o “chavismo” e as FARC. Colombia é tamén o país que mais soporta o impacto da crise venezolana, en termos demográficos e económicos, con millón e medio de refuxiados, exiliados e migrantes.

Polo súbito e inesperado, Chile está envolto actualmente na súa peor crise política e social desde a restauración democrática en 1990. Como no caso ecuatoriano, medidas de axuste económico, neste caso de tarifas de transporte, explotaron unha violencia inusitada que levou á activación dun “estado de emerxencia” con mando militar. Ata o momento, a violencia levou a mais dunha decena de mortos.

Mentres o presidente Sebastián Piñera declara un “estado de guerra”, acusando presunta “inxerencia externa”, cos focos postos no esquerdista Foro de São Paulo, dende Venezuela, o propio Maduro lanzou unha enigmática mensaxe, reivindicando que estaban “cumprindo cos plans” dese Foro a nivel internacional, trazados no cumio de Caracas de xullo pasado.

Como intento por darlle volta á crise, Piñera veuse na obriga de seguir o exemplo do seu homólogo ecuatoriano Lenin Moreno, rectificando as súas medidas e anunciando unha “ampla axenda social”. Non obstante, a intensificación da crise social chilena semella mais ben poñer no tapete un factor moito mais complexo: o aparente esgotamento do modelo de “Concertación” iniciado en 1990 coa transición “post-Pinochet”, que comeza a ser cuestionado dende forzas políticas de esquerdas, particularmente no relativo ás desigualdades socioeconómicas.

O explosivo cóctel de crises institucionais, de representación política e malestar social antes as medidas económicas e receitas do FMI, así como a corrupción cada vez mais institucionalizada derivada do “caso Odebrecht”, traducen un novo momento político en América do Sur. A crise ecuatoriana revelou as posibilidades desa “volta ao pasado” da década dos noventa, pero o contexto de hoxe ten resgos distintivos e moitos mais complexos.

Novos actores políticos e sociais están aparecendo en diversos países, reconfigurando a oferta de representación política e demandando reformas alternativas ás elites e os partidos tradicionais. Toda vez, a bonanza económica das materias primas na década de 2000, que permitiu aplicar un gasto público expansivo en materia social por parte de gobernos de esquerda en Brasil, Arxentina, Ecuador, Uruguai, Bolivia e Venezuela (hoxe baixo a súa peor crise socioeconómica e política) posibilitaron o ascenso dunha nova clase media emerxente. Pero a recesión económica instalada na última década, coas súas perspectivas de reactivación, traducen o retorno da tensión e do malestar cidadá.